Máis da metade dos alugueres escapan a Facenda

Facenda somos todos, quitando a máis da metade dos arrendamentos en Galicia que lle escapan ao control do fisco. O 54% dos alugueres están mergullados, situándonos como a cuarta comunidade que máis defrauda en España, segundo un estudo do sindicato de Técnicos do Ministerio de Economía e Facenda (Gestha).

No territorio español, o 60% das vivendas arrendadas traballan con diñeiro negro, 977.306 vivendas, das cales 51.262 están situadas en Galicia. Isto supón que o Estado deixa de recadar case 71 millóns de euros ao ano polas rendas derivadas do aluguer de vivenda en Galicia, sen ter en conta outros bens como garaxes, locais, solares ou oficinas. A cifra ascende a 1.800 millóns de euros en España. 

E agora que se achega a tempada de verán e que moita xente busca un piso cerca da praia, son estes alugueres ocasionais en localidades costeiras os máis propensos a irregularidades, xunto con aqueles protagonizados polos sectores socioeconómicos menos favorecidos, como inmigrantes ou estudantes.

Tamén están os alugueres de segundas residencias ou de fins de semanas, vivendas aparentemente desocupadas nos que se agochan arrendamentos submerxidos.

Comentarios