viernes. 28.01.2022 |
El tiempo
viernes. 28.01.2022
El tiempo

Luis Miguel Varela: "É necesario axustar e debater o ritmo da transición enerxética"

Luis Miguel Varela (Lugo, 1972). EP
Luis Miguel Varela (Lugo, 1972). EP
Converterse nun 'think tank' ibérico é a vocación do recén constituído Seminario Permanente de Transición Enerxética e Competitividade Industrial (Spertus) da Universidade de Santiago, que encabeza o catedrático de Física da Materia Condensada Luis Miguel Varela Cabo xunto á profesora de Física Aplicada Josefa Salgado para aportar coñecemento sobre a materia.

O seminario Spertus celebrou en Santiago a súa reunión inaugural abordando o escenario enerxético mundial e as súas repercusións na industria galega e española dende múltiples prismas. O seu responsable, o lucense Luis Miguel Varela, avanza que a actividade do grupo chegará a Bilbao e a Oporto no 2022 coa intención de contribuír ao deseño das novas políticas públicas e "ao desenvolvemento social". 

Con que fins bota a andar o Seminario Permanente de Transición Enerxética e Competitividade Industrial da USC? 
Cun obxectivo dobre e complementario. En primeiro lugar, trátase de poñer en común as experiencias e coñecementos de expertos dos ámbitos académico, industrial, dos centros tecnolóxicos e da administración nun único foro de debate ou think tank, como se di nos ambientes anglosaxóns. O segundo é aportar un coñecemento relevante sobre a transición enerxética, que ten derivadas na competitividade industrial. A transición ten que permitir manter a nosa industrialización e incrementala. Estes retos complexos requiren un enfoque multidisciplinario que vai desde a ciencia básica e a tecnoloxía ata a seguridade, desde os aspectos socioeconómicos ata a política industrial ou desde a saúde ata o propio concepto que a sociedade ten de si mesma. É un proceso global que require dun ‘think tank’. E o grupo vai aumentar, pois xa hai manifestacións de interese para facer reunións en Bilbao e Oporto. Avanzaremos cara a unha plataforma ibérica en transición enerxética liderada dende Galicia. 

Trasladarán as súas conclusións ás administracións para que sirvan para trazar novas políticas? 
Pretendemos que sexa unha transmisión permanente de información cara ás administracións autonómica, estatal e, na medida do posible, trataremos de chegar ao nivel local. Polo seu tamaño e condicións, semellan administracións alonxadas destes asuntos e non debe ser así. Hai unha serie de parámetros que lles afectan e son oportunidades enormes de transformar o seu tecido produtivo e impulsar o desenvolvemento. En moitas ocasións, son inconscientes das mesmas. O seminario debe transmitir coñecemento á sociedade civil e ás empresas. 

A electricidade volve estar en prezos máximos e falta unha resposta decidida da UE. Sería desexable unha acción conxunta? 
Non temos tratado aínda esta faceta. Pero, dende o punto de vista persoal, paréceme que si. Como temos visto ante eventos de magnitude catastrófica, como a propia pandemia, a resposta conxunta sempre é unha resposta intelixente e acaída dende o punto de vista político e estratéxico. Outra cousa é que haxa capacidade para unha resposta unificada, dado que a dependencia enerxética da UE é tremendamente alta. España importa o 80% da enerxía primaria que consome e isto non o podemos resolver cunha actuación política unicamente interna. Podemos palialo coa oferta que a Comisión Europea ten feito en materia de adquisición conxunta de gas. Isto pode abaratar os prezos. Pero, nós dependemos do gas que procede de Rusia e, no caso de España, do que vén de Arxelia, dúas zonas que manteñen conflitos con Ucrania e Marrocos, cunha dimensión global. Isto repercute na carestía do gas e a electricidade.

A reestruturación da industria sobre a base das novas tecnoloxías vai ter unha afección enorme no emprego

A UE non está polo labor de repensar o funcionamento do mercado marxinalista da electricidade... 
Dá a impresión de que non. Pero, A UE ten asumida unha velocidade de transición enerxética moi alta. Isto si que o reflexionamos no seminario. Non houbo ningún debate sobre a conveniencia de transitar cara a un novo modelo descarbonizado, pero si se discutiu o ritmo. Se é moi alto e rápido veremos efectos de encarecemento de prezos e, probablemente, de resentimento da competitividade industrial dalgúns sectores. E se é moi baixo, sería inaceptable. Trátase de axustalo. O mecanismo de subasta para fixar o prezo da electricidade tamén está ligado a esa necesidade de transitar rápido cara a enerxías máis baratas, como as renovables. 

O ritmo de cambio debera ser máis pausado? Temos o recente exemplo da central térmica das Pontes, que houbo que reabrir para atender a demanda deste inverno. 
O que entendemos é que debe ser debatido. Non pode asumirse, de forma irreflexiva, un ritmo utópico, porque se xeraría un sufrimento e situacións insostibles como que, no momento en que o frío aperta, sexa necesario volver arrincar os grupos. Pero tampouco podemos durmirnos nos loureiros, porque hai un sufrimento climático importante derivado da produción de gases de efecto invernadoiro. ¿Cal é o ritmo xusto? É unha pregunta de extraordinaria complexidade, pero ten que abordarse no espazo público e de forma transparente. Se non reindustrializamos Europa con novas enerxías de forma xusta e equilibrada, o continente pode perder unha competitividade preciosa. 

Son necesarias medidas para garantir un prezo competitivo da electricidade á industria? 
No seminario participou o presidente da Asociación de Empresas de Gran Consumo de Enerxía e suxeriu modificacións lexislativas para transitar cara ao novo modelo. As administracións deben preocuparse de que os sectores estratéxicos poidan facer unha transición o máis confortable posible. Toda a reestruturación da industria que hai que facer sobre a base das novas tecnoloxías vai ter unha afección enorme no emprego. No automóbil, o impacto vai ser tremendo, porque o número de compoñentes dun vehículo eléctrico é moito máis pequeno que o dun motor de combustión interna. Se, na súa inmensa maioría, o sector vai cara a un modelo eléctrico, teriamos que reestruturar todas as industrias auxiliares. As grandes consumidoras de elecricidade e o automóbil son os sectores que máis o van padecer no curto prazo. A transición debe ser gradual para que as estruturas se acomoden ás novas tecnoloxías e non haxa unha perda masiva de emprego e de competitividade.

Luis Miguel Varela: "É necesario axustar e debater o ritmo da...
Comentarios