sábado. 19.06.2021 |
El tiempo
sábado. 19.06.2021
El tiempo

Lidl reduce o contido de sal e azucre dalgúns dos seus produtos galegos

Lidl logrou reducir un 24% a presenza de azucre nos aneis á romana. EP
A distribuidora converteuse o pasado outubro na primeira cadea de supermercados de toda España en acadar os obxectivos marcados polo Plan NAOS para a mellora da composición de alimentos e bebidas

Lidl promoveu nos últimos meses a reformulación de varios dos seus produtos de marca propia mercados en Galicia para rebaixar a proporción de sal, azucre e graxas saturadas na súa composición.

Estas reformulacións enmárcanse no "compromiso de Lidl coa alimentación saudable, co obxectivo de reducir de media un 20% de azucre e sal na súa oferta ata 2025".

Segundo destaca nun comunicado, a firma logrou "reducir un 24% a presenza de azucre nos aneis á romana e un 43,3% o peso específico do sal na empanada de atún", artigos que adquire en Galicia e comercializa en todas as súas tendas de España.

Ademais destes dous exemplos, a marca desenvolveu intervencións similares en biscotes (pan torrado) ou batidos de cacao de orixe galega, co obxectivo de "facer máis saudables estes artigos".

Tal como sinala o director rexional de Lidl para a comunidade, Jaime Herrá, "Galicia é unha pedra angular desta estratexia da marca, non só pola intensificación no noso volume de compras nas catro provincias, senón tamén polas extraordinarias propiedades dos alimentos dunha terra herdeira da dieta atlántica". Nese sentido, Herrá ve "clave" a achega de Galicia para que Lidl conseguira converterse o pasado mes de outubro na primeira cadea de supermercados en acadar os obxectivos marcados polo Plan NAOS.

Plan NAOS e horizonte 2025
A compañía impulsou estas actuacións no último bienio a raíz da súa adhesión en xaneiro de 2019 ao Plan de Colaboración para la Mejora de la Composición de los Alimentos y Bebidas y otras medidas 2020, iniciativa promovida polo Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social en colaboración coa Agencia Española de Seguridad Alimentaria y Nutrición (AESAN). Nela, o sector da fabricación e o da distribución comprométense a intervir en varios tipos de alimentos e bebidas de consumo habitual entre nenos, nenas, mocidade e familias.

No caso concreto de Lidl, no marco deste plan, a marca comprometeuse á mellora dun 10% do total de produtos da súa oferta envasada de marca propia, logrando reducir ata 425 toneladas de azucre e sal anuais, o que equivalería a máis dun millón de terróns de azucre ou, o que é o mesmo, máis de 21.200 cuncas de cafés cheas de azucre ou sal. Con isto, Lidl converteuse na primeira cadea en acadar os obxectivos do Plan Naos, en outono do pasado ano. No seu compromiso de seguir apostando pola alimentación saudable, a compañía marcou o obxectivo de reducir unha media dun 20% no contido de sal e azucre engadidos, ata 2025.

A este respecto, o director rexional de Lidl en Galicia subliña que "estamos case no ecuador dese tempo que nos marcabamos, polo que non nos imos conformar co que xa temos logrado, senón que reforzaremos este compromiso tamén de cara a novas referencias nos vindeiros meses".

Lidl reduce o contido de sal e azucre dalgúns dos seus produtos...
Comentarios