Lanzan un programa que ofrece apoio a mulleres para emprender en Galicia

#OlympeEmprende brinda formación e acompañamento, así como un premio económico de ata 3.000 euros
Emprende

O programa #OlympeEmprende liderado por Tandem Social, Abeluria e Wazo Coop para apoiar o emprendemento cooperativo feminino activa a súa segunda edición. A iniciativa brinda formación e acompañamento, para ser un recurso ao servizo de mulleres que queiran impulsar unha iniciativa de economía social e solidaria en Galicia.

#OlympeEmprende, ao que se poden presentar iniciativas nunha fase inicial, ofrece durante o ano 2022 a 14 mulleres, de maneira gratuíta, un itinerario de formación, sesións de intercooperación, circuítos de emprendemento, webinars e acompañamento para o impulso de ideas de negocio con impacto na comunidade. Desenvolverase desde febreiro de 2022 ata inicios de xullo, e haberá un premio económico dun máximo de 3.000 euros.

Como explican os seus promotores, o programa vai dirixido a iniciativas emprendedoras de Galicia lideradas por mulleres que "estean arraigadas no territorio, practiquen a intercooperación, garantan a democracia interna, incorporen a economía e o coidado feminista nas súas prácticas, promovan a diversidade na composición e participación e teñan en conta o impacto ambiental da súa actividade". O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 31 de decembro.

Tandem Social, Abeluria e Wazo Coop auspiciarán e formarán de maneira virtual os proxectos seleccionados e haberá un acompañamento individual e colectivo para axudar nas necesidades específicas de cada iniciativa emprendedora.

#OlympeEmprende forma parte da convocatoria Poises de Cepes, cofinanciada polo Fondo Social Europeo.

Comentarios