Manuel Jove entra
no mercado do petróleo

O empresario Manuel Jove segue a diversificar a súa carteira despois de vender a construtora Fadesa. Agora entra de cheo no mundo do ouro negro coa adquisición do 40% de Vetra Enerxia S.L., compañía adicada a explotación de campos petrolíferos en todo o mundo, especialmente en Latinoamérica. Jove terá poder sobre tres dos sete representantes no consello de administración.

Vetra  iniciou a súa actividade en 2003 baixo a dirección de Humberto Calderón Berti ex presidente da OPEP e de Petróleos de Venezuela (PDVSA). Ten presencia en México, Arxentina, Trinidad, Colombia e Perú.

Liquidez para novos proxectos
Jove centra moitas miradas no mundo empresarial e financeiro dende que hai uns meses pechou a venda de Fadesa a Fernando Martín, propietario de Martinsa. O éxito da operación sempre estivo asegurado, xa que a familia fundadora, capitaneada por Manuel Jove Capelán, comprometeuse a venderlle a súa participación. O fundador de Fadesa embolsouse daquela  2.209 millóns de euros que lle deron liquidez para investir no parqué. A iso hai que sumarlle os 550 millóns de euros pola venda en 2006 do 4,5% do capital que mantiña en Unión Fenosa ao grupo construtor ACS.

A prensa publicou a súa interese por entrar no capital do BBVA, Iberia, Iberdrola, Endesa e Repsol, malia que nada disto se concretou, ó contrario que á súa entrada no grupo téxtil Caramelo, onde se fixo co 37% hai tan só unhas semanas. 

Novo instrumento inversor
Jove tamén se implicou xunto ás entidades financeiras Caixa Galicia, Caixa Nova e Banco Pastor nunha sociedade de investimento a través da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento.. Aberto ós empresarios galegos, conta cun fondo inicial de 100 millóns de euros nos que a Xunta participa cun 5% do capital.

Manuel Jove Capelán rexistrou hai só uns días na CNMV o seu novo instrumento inversor, Arnela Capital. Terá domicilio social na Coruña. Aínda conta con suficiente liquidez para ir incrementando os seus investimentos. Haberá novas noticias, seguramente, nos próximos meses. Continuará.

Comentarios