José M. Pazo: "Pedimos unha planificación eólica para que as empresas non marchen"

A patronal eólica galega urxe á Xunta a trazar unha axenda que explicite canta potencia se instalará nos montes nos vindeiros anos e apela a un pacto no Parlamento. O presidente da Ega, José Manuel Pazo, avisa de que o parón do sector reduce as opcións de lograr fondos da UE para o hidróxeno verde e o almacenamento enerxético.
José Manuel Pazo, presidente da Asociación Eólica de Galicia. EP
photo_camera José Manuel Pazo, presidente da Asociación Eólica de Galicia. EP

Cunha traxectoria de 35 anos no sector, José Manuel Pazo (O Carballiño, 1960) participou no desenvolvemento do eólico galego dende os seus inicios no 1987. Nun escenario no que a Xunta non recibirá novos proxectos ata mediados de 2023 para poder avaliar os 275 que ten enriba da mesa, o presidente da Asociación Eólica de Galicia (Ega) e delegado xeral para España da xaponesa Eurus Energy pide seguridade xurídica para un sector que no 2020 aportou 316 millóns ao PIB galego e sostivo máis de 3.700 empregos directos.

Cal é a situación do sector? Este ano instalarase algún megavatio?
Nos dous últimos anos instaláronse en España 3.800 megavatios. En Galicia non chegaron a 100. Nestes momentos, non se está construíndo nada. A normativa nova que vai aparecendo fai que se nos reclame documentación adicional cada dous por tres: que agora temos que facer un estudo do lobo, pintar as pas de negro polos paxaros... Consellerías e organismos sustantivos de Patrimonio e Paisaxe solicítannos documentación nova. Dende que se inicia un proxecto ata que se remata pasan entre catro e dez anos e, cando chega a autorización, a tecnoloxía xa pasou de moda. Logo hai que modificar o proxecto para poñer a máquina nova, o que supón outro atraso, dependendo de se a Administración o considera unha modificación sustancial ou non. As previsións para 2022 apuntan que levaremos a mesma instalación que nos dous últimos anos, 40-50 MW. 

E no medio prazo?
Non o sabemos. Estamos intentando falar coa consellería para que nos diga o planeamento de implantación de parques que ten para os próximos anos. Están presentados 7.200 megavatios ante a Xunta e no Estado hai outro tanto. Hai 9.000 con puntos de acceso e conexión, pero a realidade é que non se está construíndo nada. As autorizacións levan un ritmo moi lento. Parece que a Xunta está facendo unha axenda de planificación enerxética, aínda que non sabemos nada porque temos pouca interlocución. Agardamos que nos digan exactamente canto se pode facer. Porque, algún deses 275 proxectos que se plantearon á Xunta se poderán facer, non? Sempre dixemos que dos arredor de 14.000 MW a tramitación se farían entre un 20 e un 25% dos proxectos presentados.

As industrias electrointensivas escapan cara a onde se produce enerxía barata. Pregúntannos se imos facer parques tódalas semanas

A maiores desa planificación da potencia a instalar, o seu non sería fraguar un pacto no Parlamento?
Hai moito tempo que pedimos un pacto social para o desenvolvemento enerxético. Agora, o petróleo e o gas están fomentando subidas de prezos e un IPC disparado por culpa sempre do mesmo: o custo da enerxía. A industria electrointensiva escapa a lugares onde se produce electricidade barata e a eólica ou a solar son a única forma de conseguila. Nestes momentos, a solución que ten Galicia é a eólica, tanto mariña como terrestre. É certo que dende a chegada de Valentín González Formoso á secretaría xeral do PSdeG se está a falar moito dese pacto social. En certa forma, pensa o mesmo que pensamos nós. O PSdeG vén de ofrecerlle ao PP este pacto social pola enerxía. Pensa que hai sitios nos que non se poden facer parques e outros nos que si. O que non pode ser é facer do negacionismo da enerxía eólica unha bandeira política. Por parte do segundo partido todo son críticas cara aos parques eólicos. O lema non é ‘eólica si, pero non así; é eólica si, pero non aquí’. Ningún parque ten o seu visto bo.

Hai contactos?
Temos solicitadas entrevistas cos grupos parlamentarios para intentar chegar a ese pacto e programa de desenvolvemento e emprego, que hai que facer a longo prazo. É necesario trazalo a cinco ou dez anos vista para darlle unha continuidade á industria auxiliar e para poder ofrecer prezos a Alcoa e a outras electrointensivas para que poidan ser competitivas e non pechen. Estas industrias pregúntannos todas as semanas se imos facer parques. Pero ao non haber un planeamento, non sabes cando os vas instalar e a que prezo vas poder poñer a electricidade no mercado. 

Non se pode paralizar o sector nestes dous ou tres anos, xusto cando a UE pon os fondos para desenvolver proxectos

O Plan Sectorial Eólico de Galicia data do 1997 e foi modificado no 2002. Tendo en conta o que mudou a tecnoloxía convén actualizalo?
Coa transición ecolóxica, os fondos Next Generation e o prezo da enerxía, non vai quedar máis remedio que modificalo. E, ademais, polas últimas sentenzas do TSXG. Nós sempre perseguimos a seguridade xurídica, pois sen ela os investimentos non veñen. Hai que clarificar as dúbidas xurídicas. O problema do Plan Sectorial Eólico de Galicia é que tardará moito en aprobarse. Poden pasar dous ou tres anos, porque debe estar exposto nos concellos. Canto antes nos poñamos a traballar, mellor. Hai novas áreas e zonas aprobadas que non serían válidas para parques. Pero, o que non se pode é paralizar o sector nestes dous ou tres anos, xusto cando a UE pon os fondos para desenvolver os proxectos.

Como lle afecta á concorrencia aos fondos Next Generation a moratoria pola cal a Xunta non recibirá novos proxectos ata xullo do 2023?
Se buscamos ser pioneiros, unha moratoria non é unha boa noticia, aínda que exceptúa a proxectos significativos, tractores e urxentes. Nós non temos subvencións. Os fondos van máis orientados á alternativa que se pode instalar ao carón da fonte de xeración. Preténdese crear hidróxeno a través da eólica, pero se non constrúes parques non vas producir gas. O mesmo pasa co almacenamento de enerxía. Os fondos están tocados nese sentido. O ministerio está a lexislar a figura da hibridación para facer unha especie de illa enerxética. Non podemos quedar durmidos. Queremos unha planificación, pois non podemos consentir que as empresas abandonen Galicia. E máis cando o último informe económico da Asociación Empresarial Eólica sinala que Galicia é a comunidade onde o vento máis inflúe no PIB, o emprego e as auxiliares.

As fontes de xeración do futuro: "A eólica mariña só se poderá facer se hai un pacto social"
Este mes está previsto que chegue máis carbón á térmica das Pontes. Isto proba que España non está preparada para unha transición tan acelerada?
A UE apostou moito pola transición pero non tiña previsto nin a covid, nin a guerra, nin a crise enerxética. Foi imprevisible. Ademais, o mercado do CO2 e da pegada de carbono acelerouse demasiado e estamos sufrindo por iso. Pero tamén é certo que isto se politizou.

Bota en falta máis coordinación entre as administracións?
O ministerio e a Xunta bótanse as culpas, pero é necesaria unha coordinación. Un dos principais problemas que temos son as publicacións que se fan dende o ministerio e a consellería e que coincidan proxectos no mesmo sitio. Isto provoca alarma social. Temos parques funcionando, con concellos e propietarios contentos e que reciben os seus cartos. E, doutra parte, hai unha protesta xeral pola masificación de macroparques cando a realidade é que non se está facendo nada. Precisamos un pacto social entre os partidos galegos e maior coordinación Xunta-Estado.

O asunto das distancias dos muíños aos núcleos de poboacións e vivendas illadas tamén xera preocupación…
Todo é cuestión de planificación normativa e seguridade xurídica. No tema das distancias hai unha normativa moi ampla en toda Europa. Aquí tamén houbo ese problema coas granxas. O problema é o despoboamento e a diseminación. Hai que definir as distancias con respecto a que. Se poñemos limitacións a todo, con 19 camiños de Santiago, e fixando 1.000 metros a calquera construción non se fará nada. Hai que definir o que se considera un núcleo, unha casa... Ademais, hai concellos sen planeamento urbanístico.

¿Galicia será quen de aproveitar o seu potencial para eólica mariña e compatibilizalo coa pesca?
Se hai un pacto entre xente do mar, industria e administracións, poderase facer. Pero se se politiza e non hai un goberno que concilie, non. É un investimento moi intensivo en capital, pois hai que facer barcos e plataformas, polo que hai que ter seguridade xurídica. Apóstase por que o 50% da electricidade de Europa sexa eólica mariña. Hai moito mar para todos. Sector primario e industria temos que ser compatibles. Outros países verdes, de esquerdas e ecolóxicos fano.

Comentarios