domingo. 23.02.2020 |
El tiempo
domingo. 23.02.2020
El tiempo

As granxas lucenses son excelentes

Concepción López Torres. PARGA
Concepción López Torres. PARGA

Catro gandeirías da provincia foron recoñecidas cos premios Exceleite 2018 nas súas respectivas categorías e como premio á excelencia hixiénico-sanitaria, dúas delas están en Castroverde, outra en Sarria e unha en Chantada. Caracterízanse polo seu bo facer
 

OS PREMIOS Exceleite recoñeceron nesta edición o labor de catro gandeirías da provincia, dúas de Castroverde, unha de Chantada e outra de Sarria. Todas elas son explotacións familiares cun sistema de produción baseado na calidade e no agarimo que as persoas que as rexentan senten polo medio rural e no orgullo de seren parte do tecido produtivo galego.

PIÑEIRO SC: Primeiro premio mediano extensivo.
Un recoñecemento ao traballo ben feito

Piñeiro SC. SENANDE

Piñeiro Sociedade Cooperativa é unha explotación afincada en Castroverde que levou o primeiro premio Exceleite na categoría de mediano extensivo á excelencia hixiénico sanitaria das explotacións leiteiras de leite cru de vaca en Galicia. Este galardón significa "un recoñecemento ao traballo" e demostra que "se están facendo as cousas ben", segundo indicou o responsable desta gandeiría. Conta con arredor de 60 reses —vacas e novillas— nunhas 30 hectáreas, que saen ao campo a pastar.

A alimentación é moi importante, se comen san están sans, e a produción mellora, explica este gandeiro, cuxa granxa está inscrita no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi), do que forman parte case 5.000 gandeirías entre as que foron seleccionadas 50, que pasaron á final dos premios Exceleite.

Piñeiro SC botou a andar en Castroverde no ano 2004. É unha granxa familiar con miras ao relevo xeracional

As súas reses son de raza frisona, e producen uns 1.000 litros ao día: "pero non chegamos a eles", explica. Aínda menos mal que estes premios son un recoñecemento ao traballo, e tamén á calidade da materia prima, ao noso leite".

Piñeiro SC botou a andar en Castroverde no ano 2004. É unha granxa familiar con miras ao relevo xeracional. "Os retos para manter a excelencia hixiénica comezan coa alimentación, que as reses coman san e estén en boas condicións hixiénicas. E logo que as máquinas de ordeño tamén estén ben, en boas condicións. Pouco a pouco fumos modernizando a explotación cunha boa maquinaria para mellorar a calidade daprodución, e contamos co asesoramento dos veterinarios, que é moi importante. Aquí a maioría son animales novos", indica. 

PAZ REGUERA: Segundo premio mediano extensivo.
Limpeza diaria, exhaustiva e á man

Paz Reguera e o seu home, Manuel Morán. SENANDE

O segundo premio Exceleite na categoría mediano extensivo foi para a explotación de Paz Reguera, tamén de Castroverde. Está formada por 60 cabezas e é herdanza dos seus sogros. Reguera leva cinco anos como titular, case o mesmo tempo que leva o seu marido, Manuel Morán, compaxinando o seu labor na granxa co de ser leiteiro. Reguera compatibilízao con outro traballo: o da casa. "Hai que recoller, ter a roupa limpa, facer a comida... É un traballo máis", explica. Nas fins de semana teñen a axuda do seu fillo de 16 anos.

Á mañá ben cedo, despois de ordeñar, Reguera limpa as camas, as parrillas e pasa o cepillo. Lava a sala todos os días á man, sen nada automatizado. O premio Exceleite é un recoñecemento para este traballo exhaustivo e diario que realizan as mans de Reguera.

Como retos de futuro nesta explotación quererían acometer unha ampliación tanto das instalacións como do número das reses de gando

"Gústame todo deste traballo, en especial estar cos animais. O problema é que non sexa suficiente para poder vivir ben todos os meses, na primavera e verán os gastos aumentan e faise algo máis difícil", comenta Morán. Esta parella de gandeiros consideran que a calidade das explotacións e do leite tamén se debería trasladar aos prezos.

Cando levaban a granxa os pais de Morán, as vacas estaban na parte de abaixo da casa. Cando a xeración actual asumiu a xestión, fíxose unha estabulación e, hai 18 anos, reformárono e puxéronas soltas. "Antes pastoreábase e agora están dentro con forraxe, é máis traballo porque hai que almacenar produto para todo o ano pero tense mellor calidade de vida", di.

Como retos de futuro nesta explotación quererían acometer unha ampliación tanto das instalacións como do número das reses de gando, e a adquisición de nova maquinaria. E, como di Morán, farano "con esforzo, traballo e paciencia".

MARÍA SIRA GONZÁLEZ: Segundo premio grande extensivo.
Mulleres á fronte das explotacións

María Sira González, coa súa familia e un traballdor. PORTO

Na categoría de grande extensivo, a explotación de María Sira González, de Sarria, foi a segunda premiada. Conta cun total de 60 vacas, aproximadamente, e leva 10 anos baixo a súa xestión. "Os herdeiros sempre eran os homes, eran eles os que estaban a nome das explotacións, ata que nos premiaron dalgunha maneira e decidiron poñernos a nós, senón seguirían estando eles", conta González. As subvencións para realizar cambios de titularidade en favor das mulleres foron as que, para esta gandeira, posibilitaron a presenza de mulleres á fronte das explotacións.

En canto ao premio Exceleite, González conta que non contaban con recibilo pero que "foi unha satisfacción porque ves que valoran o teu traballo e esforzo e iso tamén anima a seguir mellorando". Previamente esta explotación recibira outro premio pola xenética das reses, grazas ás recrías que fan.

Pero non todo é negativo, esta gandeira móstrase moi satisfeita coa súa labor e con poder vivir rodeada de natureza

Este traballo é ideal para as persoas que, segundo esta gandeira, queren vivir na natureza, afastadas da cidade, e considera que é algo que á xente moza tamén lle gusta. O problema é o rendemento. "O traballo pode ser moi atractivo, pero se non che permite vivir del a xente acaba escapando", explica González.

"O principal é que estamos nun sector no que, como no resto da agricultura, non marcamos nós os prezos", comenta.

A continuidade do traballo é outro aspecto que dificulta a entrada de novas xeracións. "O ordeño son unhas horas pero despois tes que estar todo o día pendente delas, non podes pechar e marchar como noutros negocios", explica González.

Pero non todo é negativo, esta gandeira móstrase moi satisfeita coa súa labor e con poder vivir rodeada de natureza. Destaca tamén a flexibilidade do horario que, para as persoas que teñen fillos, é algo moi positivo, pois permite repartir o tempo segundo as necesidades. Neste sentido, González ten claro que, para ela, criar os fillos no campo é algo moi beneficioso. E, grazas a este traballo, pode dedicarlle máis tempo ao coidado e á crianza

CONCEPCIÓN LÓPEZ TORRES: Segundo premio en categoría ecolóxico.
O ecolóxico resulta máis rendible

Concepción López Torres. PARGA

A explotación de Concepción López Torres en Chantada recibíu o segundo premio na categoría de ecolóxico. Leva 30 anos coa xestión da granxa, e é a terceira xeración da súa familia en dedicarse ao sector lácteo. Seus pais deixáronlle unha herdanza de 15 vacas e actualmente, contando os xatos, ten un total de 40 cabezas.

Para poder aumentar a explotación tivo que arrendar fincas, moitas delas procedentes doutras granxas que foran abandonadas. Torres destaca que a falta de concentración parcelaria é unha das maiores carencias en Galicia.

Esta explotación leva tres anos coa produción ecolóxica. "O único cambio substancial é o dos abonos, que fan diminuir un pouco a produción pero, aínda así, compensa", di López. O mellor prezo do leite ecolóxico fai que este modelo sexa máis rendible para explotacións que, como esta, son de tamaño pequeno, explica.

A xeración anterior levaba e traía as vacas todos os días pero, debido á dispersión das fincas, acababa sendo un problema para os animais. Agora están sempre fóra, separadas en grupos.

Para a xente nova, López Torres considera que a mellor fórmula son as Sociedades Agrarias de Transformación (SATs), que fan que o traballo sexa máis levadeiro

López Torres considera que este sector podería ser unha boa vía para a xente nova. "O problema é que o perciben como algo moi suxeito, que si que o é, pero tamén ten partes positivas" explica esta gandeira. Unha delas é a posibilidade de autoxestionar o traballo e o tempo. Coas melloras técnicas, este sector xa non é tan escravo como o era antes.

Para a xente nova, López Torres considera que a mellor fórmula son as Sociedades Agrarias de Transformación (SATs), que fan que o traballo sexa máis levadeiro.

A axuda e o apoio mútuo son elementos que mellorarían moito as condicións de vida. 

As granxas lucenses son excelentes
Comentarios