DATAlife liderará cinco obradoiros destinados á dixitalización da industria 4.0

O Hub de Innovación Dixital, a través destas accións cofinanciadas con fondos Feder, creará espazos de encontro que axuden ás pemes galegas a atopar solucións na dixitalización de laboratorios, innovación da cadea de valor láctea, mellora asistencial xerontolóxica, sostibilidade (ODS) ou nas certificacións e selos de calidade
Granja. CEDIDA
photo_camera Granxa. CEDIDA

DATAlife Hub de Innovación Digital (DIH) liderará cinco obradoiros destinados á dixitalización da industria 4.0. O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) emitiu a resolución sobre estas axudas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e confirmou a aprobación do 100% dos obradoiros 4.0 solicitados por DATAlife, o que supón unha contía de máis de 86.000 euros. Desde este 9 de marzo queda aberto o rexistro na web de DATAlife para que poidan inscribirse todas as empresas non tecnolóxicas interesadas nos obradoiros.

Os cinco obradoiros 4.0, que nacen coa axuda da Xunta de Galicia, son de interese sectorial para o DIH e impulsarán espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas na dixitalización de laboratorios, na innovación das empresas agroalimentarias da cadea de valor láctea, na mellora da calidade asistencial xerontolóxica, na sostibilidade (ODS) apoiada na dixitalización e nas solucións dixitais para as certificacións de selos de calidade.

Desde este mércores está aberto o rexistro na web de DATAlife para as empresas interesadas

Os obradoiros 4.0 que xestionará DATAlife contarán cunha serie de accións postas a disposición dos participantes: diagnósticos individuais de madurez dixital, necesidades e obxectivos, elaboración dunha listaxe de ferramentas xa empregadas e doutras que se poderían incorporar aos procesos produtivos, seminarios web e encontros para explicar tecnoloxías e resolver dúbidas. O Hub, no final dos procesos, redactará informes individuais para cada empresa coas correspondencias entre os diagnósticos e as ferramentas que axuden a avanzar na dixitalización no seo de cada empresa.

Os cinco obradoiros 4.0 que DATAlife impulsará son:

  1. Dixitalización de laboratorios. Servirá para que as empresas atopen un camiño de colaboración e dinamización para desenvolver solucións de dixitalización que cubran as súas necesidades de traballo no ámbito do laboratorio. As conclusión poderanse extrapolar a outras empresas cunha actividade ligada ao traballo de laboratorio.
  2. TOOLS4MILK: Dixitalización da agroindustria. Este obradoiro ten por finalidade coñecer as necesidades non cubertas, as barreiras que provocan o escaso avance dixital do sector, etc. de forma que os participantes poidan construír o seu itinerario de transformación dixital cara o mundo 4.0.
  3. Dixitalización innovadora de recursos xerontolóxicos de Galicia. O obxectivo é eliminar os procesos manuais e en papel, mellorar o manexo e o acceso aos datos, innovar en terapias e mellorar a calidade asistencial e de vida dos residentes, fomentar a colaboración entre centros xerontolóxicos e empresas tecnolóxicas de Galicia, crear rutas de transformación dixital e impulsar capacidades de I+D+i dentro da cadea de valor.
  4. Sostibilidade apoiada na dixitalización. Atopará solucións que axuden ás empresas a optimizar os seus procesos e mellorar os seus produtos para conseguir unha redución da pegada medioambiental. A execución dos proxectos articularase dende a perspectiva da sostibilidade e a dixitalización e a súa vinculación a cada un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
  5. Certificacións e selos de calidade apoiados na dixitalización. Trátase de que as empresas atopen un camiño de colaboración para desenvolver solucións dixitais que cubran as súas necesidades para certificar os seus sistemas de xestión, de xestión ambiental, de seguridade e saúde, ou calquera outra certificación específica ou selo de calidade ligado á súa actividade. Estes procesos quedan habitualmente fóra do alcance das pequenas e medianas empresas ao carecer de recursos internos suficientes.

Comentarios