Martes. 21.05.2019 |
El tiempo
Martes. 21.05.2019
El tiempo

A crise da fábrica de armas da Coruña abre a porta a un novo concurso público

Instalacións da fábrica de armas da Coruña. MONCHO FUENTES (AGN)
Instalacións da fábrica de armas da Coruña. MONCHO FUENTES (AGN)

Defensa abriu o proceso para retirar a concesión da planta a Hércules de Armamento, que a obtivo hai catro anos, tras o impago do canon

Hai agora catro anos que Hércules de Armamento se impuxo no concurso que lle abriu as portas da fábrica de armas da Coruña para xestionala durante tres lustros, pero pode non chegar ao primeiro. O Ministerio de Defensa vén de iniciar un procedemento tras o impago do canon anual polo uso das instalacións para suspender a concesión á compañía, unha evidencia das dificultades dun proxecto que non chegou a levantar o voo e leva tempo rodeado de dúbidas. Ese trámite abre a porta a que o Goberno impulse despois un novo concurso público en busca dunha iniciativa industrial que reactive o complexo. Aínda que esa non é a única opción.

De momento, Defensa apunta que "no se puede aventurar una solución" mentres estea aberto o procedemento, máis alá de constatar que, "si las condiciones no cambian", acabará coa revogación da concesión. É por iso que tamén o deputado socialista no Congreso Ricardo García Mira sinala que despois "todas as posibilidades poderían estar abertas", aínda que cre que "a máis probable" é a do concurso. Nese punto, di que se espera unha convocatoria con cláusulas "máis estritas", "que establecerán as garantías necesarias e as razóns para suspender a concesión en caso de incumprimentos". Como os que semella que houbo agora.

O detonante do expediente de Defensa, nun procedemento que está na fase de sumar un informe "preceptivo" do Consejo de Estado agardado para outubro ou novembro, foi o impago do canon anual, duns 250.000 euros. Pero esa non é a única débeda de Hércules de Armamento, coa que este medio intentou contactar sen éxito. Nos seus case catro anos na factoría —desde a que buscou un investidor que non chegou, acusou a reducida actividade e denunciou unha "persecución"—, quedou dúas veces sen vixilancia por impagos ás empresas, polo que perdeu temporalmente a autorización para producir armas. Segundo varios medios, hai uns meses cortáronlle a luz e a auga. E arrastra débedas con traballadores e Seguridade Social.

Iso é o que se foi sabendo a través da prensa e de denuncias públicas, unhas cantas por boca de traballadores despedidos por General Dynamics despois de que a compañía estadounidense anunciara en 2013 o peche da planta. É dicir, dos que non se acolleron ás baixas incentivadas e quedaron na rúa co parón tralo que Defensa decidiu sacar a concurso a planta en 2014. 

PROXECTO. Crítico desde o principio co proxecto de Hércules de Armamento —que tivo máis puntos no concurso que o do outro aspirante á concesión, Iffe—, o presidente do antigo comité de empresa, Roberto Teijido, asegura que é "un bluff" e salienta que a empresa non chegou a facturar máis de 200.000 euros. A partir de aí, e ao tempo que insiste na denuncia de que houbo "intereses ocultos", apunta que agora hai "un abano de posibilidades". "Ir a un concurso, unha adxudicación directa...", sinala, e recorda exemplos da segunda opción noutras comunidades.

Neste punto, no que reivindica "un proxecto de futuro" para as novas xeracións e os despedidos, aposta por tomar pronto unha decisión e por controlar o estado das instalacións e da súa tecnoloxía.

Á espera, Teijido aposta por que haberá proxecto, igual que García Mira cre que non debería existir o risco de que se abandone definitivamente a actividade no complexo. O deputado pola Coruña, que nos últimos meses abordou o seu futuro co Goberno central e outras administracións, asegura que, máis aló da defensa, a planta pode incorporar "unha porcentaxe importante de actividade industrial para uso civil". Ademais, cónstanlle "plans cualificados para desenvolver un proxecto moderno, integral e innovador", e que "pode existir carga de traballo para un número importante de postos".

Mentres, a Xunta asegura seguir "de preto" a situación da fábrica e que ofrece a súa "disposición a colaborar co resto das administracións e axentes implicados" para que poida contar cun "plan viable que garanta o seu futuro".

Un complexo axitado por incógnitas e protestas nas últimas décadas
Protesta de traballadores da fábrica de armas da Coruña nos anos 90. AEP





A historia da fábrica de armas iniciouse hai máis de 80 anos, e leva uns cantos axitados. No álbum das protestas laborais hainas mesmo en branco e negro, como a desta imaxe, que corresponde á década dos 90. Daquela a ameaza de peche quedou niso. A planta seguiu adiante, aínda que en 2013 parou coa marcha de General Dynamics, o que levou os últimos traballadores a encerrarse no complexo. En 2014 arrincou a etapa de Hércules de Armamento, e houbo de novo protestas.

A concesionaria chegou á fábrica de armas anunciando que tería carga de traballo "militar y civil", porque, ademais de dedicarse ao armamento, quería tocar o sector aeronáutico, o da automoción e ata o sanitario. Aínda que esa experiencia quedou sobre todo no papel, o presidente do antiguo comité de empresa asegura que xa se viu no pasado que na factoría se poden desenvolver "múltiples actividades", e apunta entre as opcións a aeronáutica.

Á espera de ver cara a onde vai a planta, na súa historia —que arrinca en 1936, noutro emprazamento ata 1958— hai unhas cantas armas. E unha é un rifle que leva no seu nome a referencia á súa orixe, ‘Coruña’, que se comezou a fabricar nos anos 40. Tamén produciu fusís ou compoñentes de mísiles, por exemplo.

Non é doado saber cantas persoas traballan actualmente na fábrica, onde a concesionaria anunciou 155 contratacións no primeiro ano. A falta de información da empresa, o PSOE falaba en marzo de "no más de 30" empregados e Teijido calcula agora que "da decena non pasa". Quedan lonxe os máis de 1.200 que se estima que tiña nos 50, que eran 172 en 2013.

Un total de 127.900 metros cadrados foron adxudicados a Hércules de Armamento, nunha parcela con máis do dobre. Está en Pedralonga, nunha zona que Teijido cualifica de "apetecible a nivel urbanístico".

A crise da fábrica de armas da Coruña abre a porta a un novo...
Comentarios