miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

O Clúster da Función Loxística reúne a medio cento de empresas galegas no seu primeiro acto presencial

Fundadores do Clúster da Función Loxística. EP
Fundadores do Clúster da Función Loxística. EP
Santiago acolle esta primeira xornada galega de loxística internacional, á que tamén se sumarán expertos para compartir coñecemento, potenciar o networking e analizar vías para paliar os principais problemas globais, como a escaseza de materias primas

O Clúster da Función Loxística de Galicia organiza para este mércores 3 de novembro unha xornada de traballo monográfica na que se darán cita medio cento de empresas importadoras e exportadoras dos principais sectores da comunidade, así como expertos na materia e o vicepresidente segundo da Xunta de Galicia e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde. 

En concreto, haberá representantes de diversos sectores (produtos do mar, agrogandeiros, metal, construción e materiais e loxística, entre outros moitos), co obxectivo de “dispoñer dun diagnóstico o máis completo posible, que teña en conta as dificultades comúns e, ao mesmo tempo, as particularidades de cada ámbito”, sinala o presidente da entidade, Xoán Martínez Reboredo.

Neste senso, a que será a primeira actividade presencial do Clúster da Función Loxística de Galicia dende a súa constitución aspira non só a compartir coñecemento sobre a situación actual e as perspectivas de futuro, senón que tamén avoga pola posta en común de proxectos e preocupacións e, especialmente, pola análise conxunta do mellor xeito de paliar os efectos adversos da conxuntura internacional actual.

A este respecto, abordaranse as vías para conseguir, dentro das posibilidades da entidade, que o sistema loxístico sexa máis confiable e predicible, o que require dunha mellora progresiva na conectividade para detectar as incidencias en tempo real. Tal como indica Martínez Reboredo, “só así poderemos plantarlles cara aos principais desafíos actuais, coma as complicacións para o transporte marítimo ou a escaseza de determinadas materias primas, que poñen sobre a mesa de moitos sectores a conveniencia de achegar producións actualmente centralizadas en Asia”. A estes factores cómpre engadirlles tamén as modificacións que se dan nas cadeas de subministro, que tenden a reducir os stocks para substituílos por filosofías ‘just in time’.

Galicia, parte da solución e dos plans de futuro

O presidente do Clúster da Función Loxística de Galicia subliña que “malia as dificultades innegables que sofren os nosos asociados e o resto de empresas da comunidade, non debemos resignarnos a ser vítimas desta conxuntura mundial, senón que habemos ser quen de formular alternativas”. Nun contexto de cambios de deseño e cunha contorna empresarial cada vez máis globalizada, a comunidade pode aproveitar dous factores únicos: a súa posición estratéxica, moi preto das principais rutas marítimas mundiais e punto máis próximo a América dende a Europa continental, e tamén a grande experiencia e capacidade do seu sector loxístico.

Deste xeito, Martínez Reboredo asegura que “xa non se trata só de posicionarnos coma porta da Europa atlántica tanto para a entrada coma a saída de mercadorías, senón tamén de consolidar a nosa comunidade como punto de referencia para novos investimentos industriais e a implantación daquelas empresas que desexen introducirse no mercado europeo”. Esta será unha das reflexións que se presentarán nesta xornada, que se celebrará no Hotel Puerta del Camino.

O Clúster da Función Loxística reúne a medio cento de empresas...