Miércoles. 26.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 26.09.2018
El tiempo

A CIG culpa á "falta de organización" dos 15 despedimientos de Navantia

Guindastres de Navantia, en Ferrol. AEP
Guindastres de Navantia, en Ferrol. AEP

O sindicato asegura que na parte de enxeñaría producíronse "novas incorporacións" con "présa" e "métodos opacos" ► Acusa á empresa de "culpabilizar" aos traballadores

A Confederación Intersindical Galega (CIG) tachou de "mala xustificación" que Navantia trate de "culpabilizar" aos traballadores dos 15 despedimentos da empresa auxiliar Maessa (Mantementos, Axuda á Explotación e Servizos, S.A.), efectuados o pasado venres 23 de marzo, e "non á falta de organización" da propia compañía. 

Estes traballadores desenvolvían o seu labor no estaleiro de Navantia Ferrol, na sección de armamento e o seu despedimento, tal e como apuntou a propia compañía o pasado mércores 28, foi "consecuencia dun atraso acumulado" na sección de elaborado, encargado de realizar o corte de chapa e perfís, e do que se ocupan operarios da empresa principal. 

Nun comunicado, o sindicato explicou que, a pesar de que "se lles propón aos traballadores o cambio de profesión" esta semana para que se incorporen o martes que vén, non se instalan "nas seccións en subactividade, senón nas que levan desmantelando" tras "as últimas decisións de traslados". 

Así, referiuse especialmente á sección de elaborado e prefabricado, "vital" para un estaleiro, pero que a empresa non quixo "reforzar" a pesar das "continuas" propostas, ante as que "fixo oídos xordos", o que ocasionou "atrasos na recepción de chapas" e "plasmas parte do tempo inutilizados", entre outros problemas. 

Así mesmo, a CIG incidiu en que os representantes da compañía "seguen sen sentar a discutir coa parte social cales son os cambios que hai que facer", o que "incumpre, unha vez máis, o convenio".

"DESORGANIZACIÓN" CAUSANTE DE ATRASOS. Ademais, esta "desorganización", tal e como sinalou o sindicato, "está a producir atrasos considerables", por levar a cabo "cambios erráticos" na organización e nos sistemas informáticos, en concreto no programa Aores, "moi axustado" en custos e prazos. 

A central asegurou que leva desde o 'Plan de 2005' con "gremios da empresa" totalmente "desaxustados" e que desde ese momento "non houbo máis cambios" nela.

Neste sentido, explicou que se puxeron en marcha "novas incorporacións" con "présa" e "métodos opacos" na parte de enxeñaría, pero "non no resto" da factoría, o que derivou no "pescozo de botella" que agora o plan elaborado "vai sufrir" e que servirá, ao seu xuízo, para "externalizar" o corte de chapa fóra da comunidade. 

Isto, segundo apuntou, destapa tamén a "precariedade" dos traballadores da industria auxiliar e a "despreocupación" de Navantia sobre o tema, a pesar de ser unha industria auxiliar con sede en Madrid, á que "non lle importa despedir o venres para contratar a próxima semana".

DENUNCIA DE NAVANTIA Á CIG. Noutra orde de cousas, o próximo 4 de abril está fixada para as 11,45 horas unha vista nos Xulgados de Ferrol como consecuencia da denuncia que interpuxo en outubro de 2017 a empresa Navantia contra o sindicato CIG e o comité de folga, durante un paro indefinido convocado pola central nacionalista na industria auxiliar e que motivou unha folga que se prolongou durante 22 días consecutivos. 

A empresa naval pública reclama unha indemnización de 1.780.000 euros en concepto de danos polo devandito paro, ao estimar desde a dirección da compañía que dita folga excedeu a legalidade e tivo un carácter abusivo. 

A CIG culpa á "falta de organización" dos 15 despedimientos de...
Comentarios