Auga dun manancial fonsagradino serve de base a unha cervexa artesá

Juan Pablo Ferreiros reformou unha casa de labranza para elaborar a cervexa no seu interior ► O empresario busca expandir as súa produción por toda a provincia nun período de tres anos
Juan Pablo Ferreiros e Sandra Bravo, nas súas instalacións
photo_camera Juan Pablo Ferreiros e Sandra Bravo, nas súas instalacións

Juan Pablo Ferreiros comezou a elaborar a súa propia cervexa artesá no 2008. Hai un ano decidiu dar o salto e instalarse xunto a súa muller, Sandra Bravo, no Castro de Fonfría, na Fonsagrada, para adicarse profesionalmente á elaboración de cervexa. Tomando como base a auga extraída do seu propio manancial, creou a marca Píntega.

Ferreiros é enxeñeiro de telecomunicacións e traballaba en Barcelona cando comezou a súa afección pola cervexa artesá. Por motivos de traballo, tivo que mudarse a Grandas de Salime, onde comezou a distribuír o seu produto polos arredores, pero aínda como mero afeccionado.

Co paso do tempo foi mellorando as súas receitas e decidiu subir o nivel e adicarse dun xeito profesional á elaboración de cervexa artesá. Para iso, mudouse ao Castro de Fonfría, onde acondicionou as instalacións nas que fabrica a súa propia marca, a Píntega.

Ferreiros tenta aproveitar ao máximo o que lle ofrece a terra. Como base para a súa cervexa utiliza auga extraída dun manancial da súa propiedade. "Somos probablemente a única cervexa de España que pode presumir de ter un manancial de auga propio", di Ferreiros. Ademáis, a auga da montaña, de pouca mineralización, é propicia para a elaboración desta bebida, xa que non lle achega ningún sabor estraño que sexa necesario corrixir.

Juan Pablo Ferreiros mellorou a súa receita ao longo de oito anos antes de comezar a vender as súas propias cervexas



O trigo que utiliza tamén é galego, concretamente de Xinzo de Limia. A malta, sen embargo, non, porque "non se procesa en Galicia e en España hai moi poucos sitios nos que a traballen".

As instalacións nas que Ferreiros elabora a súa cervexa teñen "unha característica peculiar", xa que están no interior dunha casa de labranza acondicionada para este labor. A casa mantén a súa estética exterior intacta e "os muros de carga tamén".

A maquinaria que utiliza para a elaboración da bebida está feita polo propio Ferreiros, detalle que o leva a calificar as súas instalacións como "unha fábrica completamente artesanal". Se alguén quere vela, pode concertar unha visita guiada, na que o cervexeiro lle explicará todo o procedemento.

Ferreiros distribúe persoalmente a cervexa polas zonas de Oscos, Grandas de Salime e A Fonsagrada. Entre os seus clientes figuran tendas de comestibles, bares, restaurantes e incluso particulares, que coñeceron a súa produción e aprenderon a apreciala.

Este emprendedor fonsagradino asegura que a elaboración de cervexa artesá de xeito profesional "require un investimento bastante alto". Aínda que é o seu primeiro ano como profesional cervexeiro, estima que conseguirá unha producción duns 12.000 litros, divididos en dous tipos de cervexa diferentes.

Mirando cara o futuro, é optimista. "Conto con consolidarme na zona da montaña e con achergarme pouco a pouco a Lugo e á costa", aventura mirando non moi lonxe.

Comentarios