Aesgal resalta o papel determinante da muller na economía social

A Coruña acolle o XIX Encontro de Emprendedoras e Empresarias

XIX Encontro de Emprendedoras e Empresarias. EP
photo_camera XIX Encontro de Emprendedoras e Empresarias. EP

A Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (AESGAL) estivo presente no XIX Encontro de Emprendedoras e Empresarias, xornada organizada pola Fundación Mujeres e financiada polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social e o Fondo Social Europeo, dentro do programa Dana. Empleo y Emprendimiento en Igualdad.

O evento, celebrado este xoves no Centro Municipal de Empresas Accede Papagaio da Coruña, xirou arredor do papel das mulleres na economía social. Así, un bo número de representantes da economía social galega, desde empresarias a voceiras de entidades como AESGAL ou Espazocoop, achegaron a súa visión sobre o emprendemento en feminino e compartiron exemplos de boas prácticas. Dentro da xornada tamén houbo espazo para un elevator pitch no que as emprendedoras podían presentar os seus proxectos, salientando o enfoque social dos mesmos.

A xerente da Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (AESGAL), Berta Lema, participou na primeira das mesas redondas Empresa social: tes nome de muller, na que tamén interviñeron o xefe do departamento de promoción Económica e Comercio do Concello da Coruña, Jorge Vidal Zapatero; a técnica e responsable da área de Formación da Unión de Cooperativas Espazocoop, Patane García Méndez; e a Directora Comercial de GES (Galega de Economía Social), Raquel Alvite Tuñas.

Desde o pasado mes de maio, AESGAL ampliou a súa implantación territorial cun punto de asesoramento situado no centro Accede Papagaio da Coruña.

Durante a súa intervención, Lema destacou que "a economía social vai máis alá da empresa social porque xa leva os valores no seu ADN" e que o seu peso é moi importante dentro do PIB "representando o 10% do mesmo" motivo polo que "é importante dar unha maior información sobre a existencia da economía social e, especialmente, da fórmula da sociedade laboral".

A maiores, debullou os servizos que prestan desde AESGAL destacando “o traballo de defensa das sociedades laborais galegas e a visibilización das mesmas"; así como tamén o asesoramento a novos proxectos emprendedores "porque a proposta dunha persoa emprendedora pode encaixar nesta fórmula de empresa, con vantaxes económicas e fiscais, e que tamén conta con axudas e subvencións específicas", recalcou Lema.  

Mesa de Boas Prácticas dentro da xornada. EP

As entidades de economía social facilitan a integración e a igualdade de homes e mulleres; e representan unha oportunidade para a mellora da empregabilidade das mulleres. Propician, así mesmo -tal e como indican numerosos estudos- un ambiente que permite ás mulleres desenvolver as súas capacidades e a súa carreira profesional nun plano de igualdade.

Tras o café networking e un panel de empresarias, houbo espazo para compartir experiencias e boas prácticas. Nesta intervención participou unha das entidades socias da AESGAL, Dismedia Desarrollos TIC SLL da man da Ceo e responsable da área pedagóxica da empresa, María Nimo, que sinalou a importancia de valorizar "o impacto que estamos a xerar ao noso arredor" e que estableceu como principal reto da economía social “a consolidación das empresas que existen e o impulsar a creación de novas”.

Para rematar a xornada, Animosa -outra das entidades asociadas a Aesgal- sorteou axendas de grandes mulleres da historia entre as persoas asistentes.

Comentarios