A venda de vivendas en Galicia caeu este ano un 5%

A actividade no sector da construción en Galicia caeu nun cinco por cento no que vai de ano. Así o afirma o presidente da Asciación de Promotores de Lugo, David García Vilela, quen augura un cambio de rumbo nos sectores de edificación e compra de vivendas.

Vilela xustifica este descenso, que cualifica de moderado, porque o boom da demanda que se viviu hai dous anos "xa se satisfaceu durante o ano pasado". Así mesmo, os tradicionais compradores de casas na costa atlántica galega, estranxeiros do norte e madrileños, "xa non adquiren porque temen que a Administración as declare ilegais".

Con esta afirmación, o presidente dos promotores de Lugo refírese á suspensión cautelar, ordenada pola Xunta, das obras de 1.350 vivendas en Foz e Malpica, despois de que os alcaldes destes dous municipios fixesen oídos xordos ós requirimentos da Consellería de Política Territorial para anular diversas licenzas de construción.

Vilela quéixase de que ós construtores "se lles puxese a licenza na mesa dende o primeiro momento" e se lles dese luz verde para comezar a obrar, para deter despois as obras que estaban a piques de ser rematadas.

Outros actores do panorama construtivo galego cualifican de recesión o momento que atravesa o sector. Así o expresa o xerente da Asociación de Empresarios da Construción de Pontevedra, José Antonio Martínez, que opina que a deceleración do sector da edificación en Galicia se debe "á paralización do prantexamento urbanístico en numerosos concellos", derivada da aprobación da Lei de Protección do Territorio que entrou en vigor o pasado 17 de maio.

Martínez considera que ese proxecto normativo, co que a Xunta trata de racionalizar o crecemento de terreo edificado na costa, foi elaborado "de maneira apresurada e pouco madura". Por isto, no sector da construción introdúcese, ó seu xuízo, unha compoñente de inseguridade xurídica que repercutirá de xeito negativo no comportamento dos potenciais inversores.

Futuro en positivo
Ámbolos dous directivos auguran un futuro inmediato positivo no sector da construción en Galicia. Nesta liña, o presidente dos promotores lucenses indica que a construción de vivendas "sempre será un sector produtivo porque a xente precisa dunha casa para vivir".

E anima a invertir no sector a aqueles que adquiren activos na Bolsa ou que destinan os seus aforros a plans de pensións porque, di, "o ladrillo nin arde nin o rouban e nunca cae". Mentres o mercado de valores é flutuante, a vivenda "nunca baixou e non baixará nunca".

Pola súa banda, o presidente dos promotores de Pontevedra asegura que o nivel de edificación seguirá no noso país "a un ritmo moderado", aínda que recoñece que o sector sufriu un desgaste despois das altas cotas de crecemento dos últimos anos.

Aínda así, esta baixada temporal na produtividade "non significa unha crise", sempre que o crecemento estea por enriba da taxa de inflación.

Comentarios