viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

A aceleradora aeronáutica atraerá a Rozas proxectos de emprendimento innovador

Prototipos de avións non tripulados en Rozas. EP
Prototipos de avións non tripulados en Rozas. EP

O polo aeroespacial mobilizou xa 164 millóns para facer de Galicia unha referencia no segmento de avión non tripulados

LUGO. A Axencia Galega de Innovación (Gain) está a presentar a primeira convocatoria da Business Factory Aero (BFAero), a incubadora e aceleradora de innovación especializada no sector aeronáutico promovida pola Xunta no marco do polo aeroespacial de Galicia de Rozas. Nun dos actos de presentación, celebrado na Escola de Enxeñería Aeronáutica da Universidade Politécnica de Madrid, participaron estudantes, emprendedores e empresarios, e incluíu unha mesa redonda arredor do emprendemento aeronáutico con representantes do Igape, Indra, CTAG e Fundación CEL. A aceleradora tamén foi presentada esta semana nun foro en Málaga.

A directora xeral de Gain, Patricia Argerey, destacou que con esta iniciativa, búscase completar a cadea de valor do sector en Galicia, para gañar tamaño e continuar posicionándose no escenario internacional e animou aos asistentes —alumnado, emprendedores e empresas— a presentar os seus proxectos a esta convocatoria. A Civil UAVS Initiative, na que se están a mobilizar 164 millóns de investimento público-privado, é o proxecto máis ambicioso de Compra Pública Innovadora posto en marcha en Galicia e só existen outras tres actuacións similares no ámbito internacional, ningunha delas en Europa.

O programa de I+D, con Indra e Babcok como socios tecnolóxicos, inclúe 20 proxectos nos que participan 30 empresas

En concreto, a aceleradora BFAero inscríbese no programa de emprendemento innovador do polo de Rozas, que ten por obxectivo fortalecer o apoio ao talento emprendedor impulsando a creación de empresas nun sector de alto valor engadido estratéxico para a comunidade galega, baseado no coñecemento e aliñado coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). Dentro deste programa está prevista tamén a creación dun Centro de Emprendemento en Lugo dedicado integramente ao sector aeroespacial, futura sede da Business Factory Aero.

Así mesmo, vén a sumarse ao resto de iniciativas de aceleración vertical e innovación aberta que forman parte da plataforma StartIN Galicia, a rede de aceleradoras que a Consellería de Economía pon a disposición das startups para o seu establecemento en Galicia e o fomento do seu fortalecemento e competitividade internacional.

BUSINESS FACTORY AERO. A BFAero sitúase na vangarda das iniciativas deste tipo, por prever o investimento máis cuantioso por proxecto de Europa. A aceleradora Business Factory Aero está promovida pola Xunta de Galicia, a través do Igape, Gain e XesGalicia, polas empresas Indra e Babcock e o centro tecnolóxico de automoción CTAG, xestionadapola Fundación CEL e apoiada por diferentes entidades colaboradoras representadas polo Consorcio Aeronáutico Galego.

A BFAero, que ten aberto o prazo de solicitude para a súa primeira edición ata o 28 de febreiro, inclúe dous itinerarios: un de incubación e outro de aceleración, para os que se dispón de tres prazas en cada un. A convocatoria está dirixida a todo o ecosistema de innovación a nivel internacional (universidades, centros tecnolóxicos, empresas e emprendedores) e está dotada cun orzamento público-privado de 4,75 millóns de euros, coa previsión de apoiar nas tres convocatorias programadas 19 proxectos e empresas que xeren máis de 60 empregos directos

O apoio incluirá financiamento, ata 100.000 euros, para incubación e de 50.000 euros para aceleración; así como opción a financiamento adicional a través de préstamos de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración e préstamos participativos de ata 250.000 euros en aceleración. Ademais, BFAero ofrece acceso a infraestruturas especializadas, asesoramento individualizado con profesionais do sector, asesoramento tecnolóxico e acceso a potenciais clientes de ámbito internacional.

UAVS. A Civil UAVs Initiative (CUI), presentada en 2015, é ainiciativa estratéxica da Xunta de Galicia para o desenvolvemento do sector aeroespacial arredor do polo aeroespacial de Galicia. O seu obxectivo é posicionar a Comunidade como unha referencia internacional no novo segmento de avións non tripulados.

Na iniciativa participan un amplo conxunto de axentes: Administración Xeral do Estado, a través do Ministerio de Economía, Industria y Competitividad e do Ministerio de Defensa (na figura do Instituto de Técnica Aeroespacial, INTA) e a Xunta de Galicia.

A primeira actuación consistiu no investimento de 10 millóns para adaptar o aeródromo de Rozas e crear unha infraestrutura de referencia para a I+D e a prestación de servizos con aeronaves non tripuladas, coa ambición de transformala nunha infraestrutura científica técnica singular.

Arredor do polo aeroespacial de Galicia están en marcha catro programas: o Programa Conxunto de I+D, o Programa de Solucións, o Programa de Infraestruturas e o Programa de Emprendemento Innovador.

PROGRAMA DE I+D. O Programa de I+D (a 5 anos) atópase actualmente en desenvolvemento, tras a sinatura de dous acordos de asociación coas multinacionais Indra e Babcock. Ata o momento executáronse máis de 50 millóns de euros neste programa no que xa traballan 262 persoas.

O avión non tripulado Targus, de Indra, e dous helicópteros non tripulados de Babcock están en fases avanzadas de prototipado

A día de hoxe, no Programa de I+D son un total de 20 os proxectos a desenvolver por parte dos socios tecnolóxicos, Indra e Babcock, con compromisos de traballo a unha trintena de empresas, centros de coñecemento e subcontratas; 21 destas xa están traballando con compromisos ata este momento por valor de 15,1 millóns.

Dentro deste programa destacan proxectos de aeronaves, como un avión non tripulado Targus de Indra e dous helicópteros non tripulados de Babcock, o menor de 25 kilos, denominado Lúa, e o maior de máis de 150 kilos, o Lumes, están en fases avanzadas de prototipado.

O primeiro USV —embarcación marítima non tripulada— que está en proceso de autorización por Marina Mercante en España, está desenvolvéndose entre a universidade de Vigo e Indra. Un USV desde o que despegarán drons multirotor para facer traballos no mar.

Entre os primeiros resultados de calado tamén hai que destacar o dispositivo creado por Centum —o Lifeseeker— para localizar persoas desaparecidas e que se adaptou para ser usado en plataformas aéreas como o Lúa e Lumes.

O Lúa xa está voando en Rozas. A empresa Deltro-Soldatec é a responsable da fabricación, por este motivo construíu unha nave adicada aos productos aeronáuticos e unha nova xaula de ensaios para vehículos aéreos non tripulados de tamaño medio e certificouse á compañía, por parte de Babcock, como fabricante do Lúa.

A creación do primeiro banco de motores de drons en CTAG (para ensaiar, en primeiro lugar, os motores do Lúa), xa está en marcha, así como o software de xestión de Coremain que será, a partir de 2019, a ferramenta corporativa de xestión de flotas de Babcock en toda Europa.

Boeing parcipa nun dos dez proxectos para prestar servizos para prestar servizos en terra, mar e aira

Dentro do Programa de Solucións publicáronse dez licitacións que xa están adxudicadas para prestar servizos en terra, mar e aire.

A licitación Terra 1 céntrase na xestión de datos xeorreferenciados. Está desenvolta pola UTE formada por Ingeniería Insitu, Cartogalicia e Soluciones y Proyectos de Información (Sixtema). O proxecto Terra 2 está enfocado á adquisición, mantemento e automatización de bases topográficas e cartográficas mediante medios aéreos non tripulados. O seu desenvolvemento corre a cargo da UTE integrada por Eptisa, Tecnología de la Información, Services Research & Mapping Consulting e Ceres Gestión Sectorial.

O proxecto Terra 3 ten como obxectivo o análisis de ocupación do solo e planificación territorial. Corre a cargo das UTE do Centro de Observación y Teledetección Espacial (Cotesa), Altia Consultores e Aeromedia UAV. O proxecto Terra 4 está enfocado ao deseño, desenvolvemento e posta en operación de solucións para a xestión e control forestal a partir dos datos capturados polos sensores aerotransportados en UAVs e noutros vehículos aéreos e terrestres. Nesta UTE traballan 3EData Ingeniería Ambiental, Cetemas e Cotesa.

O reforzo da seguridade marítima da flota pesqueira galega e do seguimento da súa actividade con vehículos aéreos e mariños non tripulados é a finalidade do proxecto Mar 1, feito pola UTE formada por Imatia Innovación, Cartogalicia, Industrias Ferri. O Mar 2 enfócase ao servizo de automatización de mostraxes oceanográficas mediante vehículos non tripulados. A UTE contratada está formada por Adantia —Indra Sistemas— e Soluciones e Proyectos de Información (Sixtema).

No eido aéreo está en marcha un plan de xestión e seguridade de tráfico para espazos aéreos compartidos, do que se encarga Boeing Research Tecnology Europe. Boeing traballará con entidades galegas como Centum, Televés e Gradiant, ademais do CIAR de Rozas e a Universidade de Vigo. Tamén participan nesta iniciativa o Inta e Enaire. O proxecto mobilizará como mínimo os 10 millóns de euros e xerará 58 empregos. A segunda iniciativa aérea é o sistema de xestión de información xeorreferenciada para o control da actividade agraria en Galicia. Está desenvolta pola UTE formada por Seresco, Proyestegal e Gradiant. Estas mesma UTE encágase do desenvolvemento dun modelo de procesado de información das explotacións agrarias galegas. Estas firmas formaron unha UTE con Ingenería Insitu para o proxecto de control automatizado e intelixente da actividade agraria asociada ás axudas da Política Agraria Común. En total hai máis de 50 axentes que participan nos contratos.

A aceleradora aeronáutica atraerá a Rozas proxectos de...
Comentarios