1º de maio

Qué queren que lles diga. A suposta celebración do Primeiro de Maio desta semana pareceume –sendo sinceira- unha total ironía. Pensándoo ben, máis de cen anos loitando por rematar coa opresión do home (ou muller) polo home (ou muller), máis dun século loitando en contra da explotación, do imperialismo e pola conquista da liberdade, ou tamén da conquista dunha multitude de pequenas e grandes liberdades persoais, para rematar como estamos.

Tantas décadas invertidas no esforzo, na batalla e nos sufrimentos de outros que antes ca nós gañaron a reivindicación da xornada de oito horas, para que agora demasiados só soñen con ela. Tantas conversas e negociacións, tantas doorosas manobras, tantos sensabores primeiro e esperanzas durante e rebordantes ilusións finais. Tantos pequenos e consecutivos pasos para chegar a acadar a concesión de postos indefinidos, aderezados con algunha prestación coma un seguro sanitario ou unha boa xubilación. Tantas palabras comprometéndose a unhas vacacións irrenunciables, a un soldo mínimo interprofesional garantido, a unhas indemnizacións que protexan calquera suceso desgrazado.

E… para qué? Hoxe estamos rodeados de xornadas laborais que buscan subterfuxios para xustificar as súas medidas de 11 ou 12 horas, contratos lixo que atopan trampas para morrer e resucitar coma novos contratos lixo, papeis que se disfrazan de traballo a media xornada para custar menos ou sistemas innovadores para evitar as lamaguentas vacacións. Tanto para isto?

Comentarios