A Xunta impulsará en Cervo a primeira pista de atletismo homologada da Mariña

Lete Lasa anunciou que se aproveitarán e optimizarán as instalacións deportivas da Veiga
090921CERVO2
photo_camera Un momento da visita de Lete Lasa ás instalacións da Veiga. EP

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá deste xoves as instalacións deportivas da Veiga, no Concello de Cervo, na compaña do alcalde, Alfonso Villares. Ambos dirixentes acordaron impulsar conxuntamente a primeira pista de atletismo homologada da comarca da Mariña. Deste xeito, a nova instalación xuntará a tecnoloxía máis moderna xunto a aposta por unha infraestrutura de calidade como a xa existente mediante a súa optimización.

O secretario xeral destacou a idoneidade da localización xa que non dista máis de 20 minutos da metade da poboación de toda A Mariña, que suma, no seu total 70.000 habitantes.

As novas pistas homologadas da Veiga, dixo o secretario xeral, darán servizo a “todos os atletas e deportistas de Cervo, da Mariña, de Lugo e de todos os galegos e galegas que queiran facer deporte nunha instalación de primeiro nivel”. 

Nesta nova infraestrutura teñen moito que ver os recentes éxitos do atleta viveirense Adrián Ben, que vén de acadar un diploma olímpico nos 800 metros dos Xogos de Toquio, onde rematou en quinta posición. Unha estratexia similar á levada a cabo en Riberia, onde xa está publicada a licitación das obras de ampliación do Complexo Deportivo da Fieteira e na que tamén foron decisivos os éxitos de Ana Peleteiro, medalla de bronce en triplo salto en Toquio.

A secretaría xeral para o Deporte anuncia que dos 32.474.216 euros cos que conta en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.

Más en Deporte Local Lugo
Comentarios