Tania Fente Pena, árbitra de fútbol: "A Rubiales daríalle un empurrón"

Con experiencia na arbitraxe desde os 18 anos, vén de coller unha excedencia para preparar oposicións á Policía Local
Tania Fente Pena, no Ángel Carro. SEBAS SENANDE
photo_camera Tania Fente Pena, no Ángel Carro. SEBAS SENANDE

Con 18 anos, xa era árbitra de fútbol. Con 35, que ten agora, vén de coller unha excedencia para preparar oposicións á Policía Local. Tania Fente Pena foi unha das primeiras árbitras de fútbol que houbo en Galicia. Recentemente nomeada delegada do equipo xuvenil da División de Honra do CD Lugo, Tania chegou a arbitrar partidos na Segunda B masculina, a Primeira feminina e dous internacionais.

Corren bos tempos para ser árbitra de fútbol?
Si, o fútbol feminino está en auxe tras moito traballo e esforzo.

Mellor arbitrar en fútbol masculino que feminino?
Gocei nas dúas categorías. O primeiro ano de Segunda B foi inesquecible. Fun das primeiras árbitras galegas que saíu fóra.

Antes de arbitrar foi xogadora?
Si, xoguei no Donapel Monterroso de fútbol sala e no Muralla e na Milagrosa, de fútbol campo.

Como decidiu vestirse de negro?
Sempre me resultou curioso e atractivo. Así que vin un curso de árbitros e apunteime. É un mundo que te engancha. Foi probar e empezar a arbitrar.

Hai menos respecto no campo por ser árbitra e muller?
Na maioría dos casos, a afección sempre viu unha árbitra sen máis. No campo, dá igual que sexas Tania que Andrés. Se te equivocaches, vanche dicir as mesmas cousas que se foses un home. E, polo demais, a min sempre me respectaron. Os insultos danse máis no fútbol base que máis arriba. Iso si, chamaba moito a atención que o árbitro fose unha muller. Estiven moitos anos sendo a única. Unha vez díxolle un afeccionado a meu pai: "Unha muller de árbitro. A onde chegou o fútbol!". E meu pai calou, non dixo quen era.

Por curiosidade, cantas veces tivo que sacar a tarxeta vermella na súa vida privada?
O peor momento que vivín foi cando me agrediron dous xogadores. Paseino mal. Estiven a piques de deixar o fútbol pero non me dei por vencida.

E a amarela?
Este ano tomei unha decisión complicada. Pedín unha excedencia nun traballo no que levo xa dezasete anos e necesitaba cambiar, respirar.

"O peor momento foi cando me agrediron dous xogadores. Estiven a piques de deixalo, pero non me dei por vencida"

Quizais este sexa un traballo con data de caducidade...
Si, hai un momento de retirada. Non sabes se será aos 35, aos 36... pero chegas a un punto no que isto se acaba. Desfrutei moito pero tes que buscar un futuro.

As árbitras de fútbol cobran o mesmo cós árbitros?
Non hai diferenza de salario entre árbitros e árbitras, onde si hai diferenzas é entre o fútbol masculino e o feminino.

Se lle desen un bico como o de Jennifer Hermoso reaccionaría igual ca ela?
Habería unha reacción inmediata. Unha labazada non sei, pero un empurrón para que apartase, si llo daría.

É, ademais, mestra en Educación Física. Resulta máis doado arbitrar os xogadores profesionais que os nenos?
Arbitrar os nenos é doado. o complicado é a grada. Hai veces que os nenos bloquéanse porque non saben se facerlle caso ao adestrador ou aos pais desde a grada. Nas aulas, empatizo ben cos rapaces. Fixen as prácticas nos colexios de Taboada e Palas. E son mestra por un profe que tiven, Portela, en Taboada. A vocación veume del.

Más en Deporte Local Lugo
Comentarios