Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

ENTREVISTA

"Sería moi bo para Lugo que o Ensino logre o ascenso"

Juan Nécega.AEP
Juan Nécega.AEP

Despois dun final espectacular da liga regular, onde o cadro lucense acumulou 15 vitorias consecutivas, o conxunto ensinista afronta desde o xoves a fase de ascenso para voltar á Liga Femenina. O adestrador das lucenses, Juan Nécega, cre que o equipo chega con moita "ilusión", e a pesar da dificultade do reto, intentará "aportar o máximo" para poder subir

CHEGOU O momento. Xa non hai tempo para pensar en preparacións. A fase de ascenso á Liga Femenina comeza mañá e o Durán Maquinaria Ensino é un dos oito equipos que optan a xogar a próxima temporada na máxima división do baloncesto español. Juan Nécega é o encargado de facer que as pezas do motor ensinista carburen, algo que o satisfaría «máis ca nada».

Chega o momento de poñer toda a carne no asador. Como vai a parrilla? Está o churrasco no punto?

Sempre se di que se podería estar mellor, aínda que tamén se podería estar peor. O certo é que as rapazas están nun momento de ilusión moi grande, con moitas gañas de que empece o bo. E eso alédame.

Neste sistema de competición, no que un se xoga toda a temporada a catro días, o estado de forma é fundamental.

Sí. E, como dicía, animicamente o equipo está moi ben. Hai que ver como reaccionamos á presión, a vernos por detrás no marcador... A todas esas situacións que se poden dar nun partido. Despois da racha tan boa que levamos, temos que ver como é a nosa reacción se a cousa vén mal dada.

A pesar da superioridade que amosaron nos últimos meses, o equipo comportouse ben tamén nos marcadores apretados.

É certo. Tivemos partidos apurados e soubemos apretar. Caso de Ibaizábal, por exemplo, que foi tremendametne complicado e soubemos levalo cara o noso lado.

Como prepara un adestrador este tipo de fases, na que os encontros se suceden?

Intentas coñecer o máximo posible sobre os rivais, aínda que todos fan cambios. Preparas o primeiro encontro, que chega despois de quince días sen competición. É un partido con moitos nervios, no que quen mellor xestione a situación ten moito gañado. E despois vas vendo cada día o que cambiaron os outros equipos e estudas as variacións. Pero unha vez que empezas vas a cabalo e apenas tes tempo a cambiar.

Teñen un rival coñecido coma León, e outros dous máis descoñecidos, como o anfitrión e favorito é o Picken Claret. Que nos pode dicir de cada un?

Estamos os oito mellores equipos da liga e espero partidos tremendamente difíciles. O Aros é un rival moi perigoso na liña exterior, xa que calquer xogadora pode anotar desde fóra. O ritmo que impoñen é altísimo e son impredecibles. Dependen moito das súas porcentaxes, pero se son boas, son un equipo temible. No caso do Valencia, non é só porque sexanas anfitrioas. Son un favorito clarísimo pola afición e pola gran temporada que fixeron. Fan un bo baloncesto e ademais, son moi sólidas, o que che da certa tranqulidade. E o Picken Claret é un equipo que xoga a un ritmo moi alto, cun traballo coral tremendo. A pesar da súa irregularidade, están bastante ordeadas a nivel táctico, e fano moi ben defensivamente. Ademais, teñen moito corazón. Dende logo que non chegaron aquí por casualidade.

A FASE

"Intentas preparar o primeiro partido, e analizar os cambios, pero unha vez que comezas vas a cabalo e non hai tempo"

OBXECTIVO

"Estar aquí xa é un éxito por todos os cambios da temporada. Pero aportarei o máximo para conseguir o ascenso"
 

Ainda que cada partido conta o mesmo... Gañar na estrea, ao anfitrión e favorito, supón un plus?

Quen di cal é o rival máis débil? Eu penso que se calquera dos que vamos xogar nos dan a escoller rival, non escolleriamos a ningún. Pero bueno, é certo que o primeiro partido é importante e o Valencia é o favorito xunto con Canarias. Nós intentaremos facer o noso partido. Vamos a competir e a intentar gañalos todos. Pero as vitorias van
estar carísimas.

Que nivel de responsabilidade ten o equipo? Non ascender sería un fracaso?

Levamos 15 vitorias consecutivas. Creo que xa é un éxito estar aquí, tendo en conta como foi esta temporada, con todos os cambios de xogadoras, de presidencia... Estar aquí é un éxito e está comprobado que as fases son unha lotaría. Pero a miña intención é a de aportar o máximo para conseguir o ascenso. Nada me gustaría máis que devolver a confianza que tivo a xente en min, tanto antes como agora. E nada me satisfaría máis porque, en calquera caso, sería moi bo para o baloncesto en Lugo e para o deporte da provincia que o Ensino puidese ascender.

"Todas as xogadoras aportan e iso é perigoso para o rival porque calquera poder facer dano"

É a veteranía do cadro actual un punto diferencial con respecto a outros equipos do Ensino?

É posible. Temos cinco ou seis xogadoras con moitísima experiencia. Sen embargo, no caso das últimas incorporacións, Miller vén da liga rumana, Roundtree dunha lesión de longa duración e Arantxa Novo, de dous anos sen competir. Evidentemente, son tres xogadoras espectaculares, e xunto coa veteranía de Regina, de Claudia, que xa ten as súbas táboas, Rocío, Sara, Alicia, Raquel, Fiona... Somos unha plantilla longa. Temos a Esther tamén. Todas están entrando na rotación e están aportando moitísimo. Pero se lle botas un vistazo a Canarias ou a Valencia, case todas as súas xogadoras son de Liga 1. E con valoracións notorias. O quinteto do Valencia creo que ten as cinco xogadoras que xogaron na Liga 1 o ano pasado. Cócense fabas en todos os sitios, pero eu estou moi satisfeito pola plantilla que teño e é un luxo poder adestralas.

Nunha fase así é necesario que aporten todas as xogadoras?

Si, e nese aspecto foi así no último tramo de liga. Ao principio ao mellor había unha ou dúas xogadoras que destacaban moito nas valoracións. E agora, aínda que unha poida pasar de 15 ou 20, o normal é que varias superen os 10. Eso é bastante perigoso para o rival porque todas teñen a posibilidade de sumar e facer dano. Están enchufadas e eso é un alivio para o adestrador. 

"Sería moi bo para Lugo que o Ensino logre o ascenso"
Comentarios