Saleta Fernández: "O meu gran soño como atleta é participar nuns Xogos Olímpicos"

As pistas de atletismo que rodean o campo da Pinguela serán bautizadas co nome da actual campioa de España absoluta de salto de altura. A iniciativa foi aprobada no último pleno da corporación monfortina, a cidade onde naceu e se formou no atletismo

Saleta Fernández. TOÑO PARGA
photo_camera Saleta Fernández. TOÑO PARGA

SALETA FERNÁNDEZ non deixa de estar nas conversas dos monfortinos. A atleta, que actualmente milita no Valencia, superou un paso máis na súa traxectoria (que xa gozaba dun palmarés de auténtica envexa para a súa escasa idade) ao proclamarse campioa de España de salto de altura, a súa modalidade. Sentou no trono que antes pertenceu, de xeito indiscutible en España, á campioa olímpica Ruth Beitia. A deportista cántabra non só é a gran referencia de Saleta, tamén é a súa amiga. Seguen a adestrar xuntas en Santander e o seu apoio foi fundamental para gañar a medalla de ouro en Salamanca. Saleta pasa uns días de merecido descanso en Monforte.

Como son as semanas posteriores a proclamarse campioa de España de salto de altura?

Estou con moitas gañas. Agora mesmo atópome na miña semana de descanso, pendente de volver destrar. Estoume recuperando dunha lesión no tendón da pata de ganso e non puiden exercitarme moito. Para a semana que vén teño a concentración da selección española absoluta.

Como foi o momento no que se proclamou campioa de España?

Imaxina. Estaba moi contenta, porque se me xuntaron moitas ilusións. Toda a miña familia viaxou a Salamanca para verme competir. Tamén estiveron animándome Ruth (Beitia) e o meu adestrador, Ramón Torralbo. Foi moi especial.

A media maratón de Lugo é un bo xeito de apoiar o deporte e promocionar a cidade

Falou con Ruth Beitia durante a proba?

Antes e despois. Foi ela a que me entregou a medalla de ouro. Quen mellor ca Ruth para facelo. Fíxome moita ilusión. E antes da proba axudoume a concetrarme e insistiume en que era capaz de saír de alí campioa.

Imaxino que, aínda que ela se retirou, seguen mantendo o contacto...

Por suposto. Segue e seguirá sendo a miña referencia. Non só mantemos o contacto, senón que adestramos xuntas cada martes e xoves, coas pesas. Préstanos apoio nos adestramentos. Encantoume que estivera ao meu lado o día que saín campioa de España.

Cales son os seus próximos obxectivos?

A miña vista está fixa nos Xogos do Mediterráneo, que van ser en Italia no mes de xuño. Aínda non se coñecen as marcas mínimas necesarias para participar, pero é o meu seguinte obxectivo. En xullo teño na miña axenda o campionato de Europa absoluto e sub 23.

Se cadra é un pouco precipitado preguntarlle por isto, pero teño que intentalo. Ve posible chegar aos Xogos Olímpicos de Tokio?

Oxalá. Sempre digo que o meu soño é participar nuns Xogos Olímpicos. Dame igual cales sexan. Se son os de Tokio 2020 perfecto, pero ao mellor son os de París 2024. Nunca se sabe, queda moito. Pode haber lesións ou pode que non acade as mínimas necesarias. As posibilidades son moitas. O importante é ter metas e non hai dubida que estar nuns Xogos Olímpicos é a miña grande ilusión.

É un orgullo que lle puxeran o meu nome ás pistas da Pinguela, pero penso que non fixen tanto para merecer semellante honra

Supoño que saberá que o pleno de Monforte acordou esta semana poñerlle ao seu nome ás pistas de atletismo da Pinguela. Que lle pareceu a iniciativa?

Foi un grande orgullo que pensaran en min para bautizar as pistas nas que comecei a adestrar. Aínda que debo dicir, sinceramente, que considero que non merezo semellante honra. Aínda teño moito por facer e por conseguir. De tódolos xeitos estou agradecida por isto, penso que é un xeito de recompensar o meu traballo.

Como se enterou, esperou ao día seguinte ou díxollo alguén no momento?

Avisáronme no momento. Recibín mensaxes de WhatsApp de xente que estaba entre o público e tamén dalgún político.

Que lle parece a iniciativa de organizar un media maratón en Lugo?

É un bo xeito de apoiar o deporte e ese tipo de iniciativas sempre hai que apoialas. Por algunha razón, as probas de fondo sempre chaman máis á atención da xente que o atletismo en pista. Tamén o vexo como unha maneira de chamar ao público ata Lugo e de promocionar a cidade.

Gustaríalle participar?

Non mo propoño, porque o de correr lévoo mal (ri). A verdade é que non é o meu, pero animo a tódolos interesados a que participen. Non sería un mal sitio para que se lle fixera unha homenaxe a Alessandra Aguilar.

Comentarios