O prezo reducido da inscrición no II Medio Maratón finaliza este sábado

A segunda edición da carreira terá lugar o próximo 13 de maio con importantes novidades no seu percorrido

Participantes del medio maratón de 2017. XESÚS PONTE
photo_camera Participantes del medio maratón de 2017. XESÚS PONTE

A oferta reducida para participar no II Medio Maratón Cidade de Lugo El Progreso está a piques de expirar. O prezo para anotarse na proba, que se disputará o próximo 13 de maio na capital lucense, mantense desde o inicio do período de inscrición a 10 euros, aínda que esta promoción finaliza este sábado 31 de marzo.

A organización quixo premiar aos máis previsores con este prezo reducido nos primeiros días. Os interesados aínda están a tempo de beneficiarse de rebaixa ata este sábado. A partir do domingo, o custo por participar será de doce euros, un tramo que se manterá ata finais de mes de abril. Os participantes de última hora que non se anoten ata maio, deberán pagar 15 euros.

Aqueles que desexen participar na proba dos 21 quilómetros, e tamén os que acudan a Lugo o 13 de maio, poderán gozar dunha xornada con diversas novidades con respecto á que se viviu o ano pasado na inauguración do medio maratón lucense.

A principal modificación afecta ao percorrido. A experiencia de correr sobre a muralla foi un aliciente para moitos o ano pasado, aínda que a dureza do tramo é un hándicap tanto para aqueles deportistas afeccionados como para os experimentados que buscan unha boa marca.

A organización optou para este 2018 -e, posiblemente, para as vindeiras edicións- polo deseño dun circuíto máis chan, con expectativas tamén de que sexa homologable para a disputa de campionatos a nivel nacional, e con apertura a outras zonas da cidade máis aló do centro, como o barrio da Milagrosa e a avenida da Coruña.

Toda a información sobre o trazado do medio maratón, como os servizos que se ofrecen ao participante, os resultados oficiais da pasada edición, as categorías nas que se divide a proba ou os premios que se outorgarán pode consultarse na páxina web oficial www.mmcidadelugo.com. As inscripciones poderán formalizarse aí e tamén na páxina web www.championchipnorte.com.

Comentarios