''Prefiero no conocer a mis ídolos para que no se me caigan los mitos''

Personal_DiegoVallejolSSEN11174-001.jpg
photo_camera Personal_DiegoVallejolSSEN11174-001.jpg

O copiloto Diego Vallejo prepárase para o próximo Campionato xunto ao seu irmán, Sergio

1. ¿Que é o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?

O que máis me gusta é o que gozo cando compito e o tempo que me deixa libre cando estou na casa. O malo, o tempo seguido que paso sen ver á familia, fóra da casa.

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...

Soa a tópico, supoño, pero ao mesmo que me dedico.

3. O soño que máis se repite é...

Ningún en especial. Non teño soños recurrentes.

4. ¿Estraña algo do que foi deixando atrás?

Poucas cousas, pero sempre algo queda... O que máis, algunha amizade que se foi ‘enfriando’.

5. ¿A quen admira?

Aos meus pais, que loitaron moito por sacarnos adiante. Do mundo dos rallys teño levado moitas decepcións con pilotos e copilotos que eran ídolos meus... agora prefiro non coñecelos para que non se me caian os mitos, ¡pero admiro moito a Guillermo Barreras e a meu irmán Sergio!

6. ¿Hai algo do que se arrepinta que se poida contar?

De non ter gozado máis da vida nalgúns momentos.

7. ¿Que cita subscribiría?

Unha que di un amigo meu (descoñezo se é súa a autoría): «Da gloria á merda nun instante, e viceversa».

8. ¿Votou nas últimas eleccións?, ¿atrévese a dicir a quen?

Si, por correo, que tiña carreira. Votei aos que nos axudan e non só con palabras, senón con feitos.

9. ¿Que coche ten?

Un Alfa Romeo 156 e un Fiat 124 Spider do ano 72.

10. ¿Cal foi o capricho máis caro que ten mercado?

O coche clásico e unha moto que vendín hai catro anos.

11. ¿Cal é o seu ben material máis prezado?

Non son nada materialista... O importante son as persoas, as cousas están para gozalas.

12. Unha toleada que fixera por amor...

Por amor, ¡todas!

13. ¿Hai algo que non lle perdoaría a súa parella?

Creo que xa non... Son dos que pensan que se pode perdoar todo, aínda que esquecer é un pouco máis difícil.

14. ¿ Teñen algún pacto?

Non.

15. O máis difícil da convivencia é...

Vencer a monotonía.

16. ¿Envéxalle algo ao outro sexo?

Non, aínda que admiro moito ás mulleres.

17. ¿Que libro ten na mesita de noite?

Agora mesmo, ‘O inverno do mundo’, de Ken Follet, pero sempre está por aí o regulamento de ralis.

18. Non sae de casa sen...

¿Roupa? [gargalladas].

19. ¿Que pecados capitais desculpa?

Todo se pode desculpar.

20. Nunca falta na súa neveira...

Unhas cervexas.

21. Pérdeo un bo...

Chocolate con churros.

22. ¿As súas mellores vacacións?

En Nova Iorque, na lúa de mel.

23. A súa viaxe soñada sería a...

Australia ou Nova Zelanda, pero non me quita o soño non ir.

24. A paisaxe que máis o impresionou...

O deserto, que parecía extenderse ata o infinito.

25. Un libro, unha película e un grupo musical.

‘La clave está en Rebeca’, ‘Seabiscuit’ e U2.

"AGARDO SER DOS QUE MORREN COAS BOTAS POSTAS"

1. O seu equipo, o Rácing Dakar Marineda City, foi o único galego (en turismos) que logrou completar o mítico rally París-Dakar. ¿Ese día sentiu que tocaba o ceo cos dedos?

Non. Sentín ledicia, si, moita, ¡pero non tanto! [ri].

2. Aínda que a vida profesional dun copiloto é máis longa ca doutros deportistas, ¿xa pensou o que fará o ‘día despois’?

Gustaríame seguir no mundo do motor, que é do que sei... Pero os copilotos chegan a competir ¡con case 70 anos! Eu agardo morrer coas botas postas.

3. Foi copiloto do seu irmán Sergio e de Dani Sordo, entre outros, ¿con quen aprendeu máis e con quen discutiu menos?

De todos eles aprendín moito e con todos discutín pouco... Son un home pacífico.

4. O copiloto debe ser xeneroso, pois sabe que a maior gloria será para que manexa o volante, ¿que leva a un rapaz a escoller a cara menos recoñecida dunha profesión?

O feito de poder ser un espectador de primeirísima fila dun as do volante... Enseguida me din conta de que eu nunca pilotaría así e de que non se me daba nada mal ir ao lado...

5. ¿Cal é a súa materia pendente?

Falar ben francés.

Más en Deporte Local Lugo
Comentarios