lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

José Luis Corral: "Este é un posto para solucionar problemas, non para crealos"

Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
José Luis Corral, en el Ángel Carro. XESÚS PONTE
O delegado do CD Lugo analiza o seu traballo nesta entrevista

Os soños non sempre aparecen entre as sabas. Ás veces, os soños poden ser tan vívidos que se fan realidade e se convirten nunha experiencia única. O soño de José Luis Corral comezou fai un ano e todavía dura, a pé de céspede, no día a día do vestiario do Lugo, en Segunda División. Este exárbitro de Terceira e Segunda B supliu a Alvite no posto de delegado albivermello para ser parte dun equipo de fútbol profesional, unha oportunidade que non deixou pasar.

Cambiou moio a vida de José Luis Corral neste último ano?

Foi un cambio grande. Non coñecía estar dentro dun equipo de fútbol profesional e me sorprendeu gratamente o que estou a vivir. Cambiou moito o feito de ser árbitro a ser delegado dun equipo.

Como esperaba que fora e como ve que é?

A función de delegado a coñecía desde o punto de vista dun árbitro e das súas funcións principais, pero descoñecía a outra parte, a do día a día co equipo.

A familia estará acostumada despois de tantos anos marchando os fins de semana a arbitrar...

Aí sí que é unha cousa na que se asemella moito, porque os partidos son os fins de semana tanto como árbitro e como delegado. Levaba moitos anos a viaxar para arbitrar e por iso, nese tema, a familia non o notou moito. Agora é certo que me dedico so a isto. Antes tiña outro traballo, a arbitraxe... Antes tiña menos tempo para eles e agora teño mais.

Custou moito tomar a decisión de deixar un traballo de moito tempo para ser delegado?

Mediteino bastante, porque foi un cambio moi grande. Levaba moitos anos traballando nunha empresa, pero nesta vida hai que tomar unha decisión arriscada, entre comiñas. Esta é unha cousa da que non me arrepinto, iso o tiña claro. Quería probar o mundo do fútbol profesional desde o punto de vista dun equipo. Esta é unha nova experiencia e dure o que dure non me arrepentirei.

"Teño que dicir Alvite se portou de maravilla. Estivo comigo vinte días ensinándome o día a día do equipo e nunca me deixou de lado"

Non houbo medo polos cambios de persoal que hai no clube?

Ao final iso pasa na maoiría dos clubes. No fútbol non hai postos fixos, ninguén o ten, nin xogadores ou técnicos. É certo que pensei niso, pero hai que arriscar. O que levo vivido ata o de agora me aportou moito e seguro que esta nova experiencia me abre outras portas tamén.

Tocoulle sustituir a un mito como Alvite, Engadiu algo de presión?

Presión sí, pero é normal porque Alvite é historia do clube. Pero teño que dicir Alvite se portou de maravilla. Estivo comigo vinte días ensinándome o día a día do equipo e nunca me deixou de lado. Sabía que Alvite era unha persoa de dez, pero me sorprendeu gratamente a máis.

Como é o día a día dun delegado do Lugo?

Teño que estar presente nos adestramentos. Xuntámonos para almorzar todos no grupo e teño que estar con eles para logo facer as probas de covid e cumplir ese protocolo. Despois teño que estar co corpo técnico e xogadores para o que precisen e solucionar calquera percance ata que se marchan todos. Aparte diso teño que facer o traballo de oficina de coordinación da fin de semana, sobre todo para as viaxes ou para as concentracións previas dos partidos da casa. Tamén levo o tema do control de tarxetas, saber qué árbitro ven a arbitrar para coñecelo e pasarlle información ao corpo técnico, estadísticas dese árbitro... Tamén me poño en contacto cos delegados dos outros equipos para ofrecerme para calquera problema ou duda que teñan.

E nun día de partido?

Teño que ir coa expedición e facerme cargo dela, tanto en control de horarios como nos hoteis estar para o que precisen os xogadores e facerlles o seu traballo mais sinxelo. Nos partidos me resultou mais sinxelo porque xa coñecía bastante o traballo dos delegados, como presentar as licencias aos árbitros, facilitarlle aos colexiados o traballo administrativo. Tamén que se sintan a gusto o árbitro e o delegado arbitral e que fagan o seu traballo o mellor posible. 

"Eu defendo os intereses do equipo, pero dou a visión que pode ter un árbitro"

Ser exárbitro facilita a súa relación cos colexiados?

Me facilita moito no sentido do trato con eles. Creo que comigo se sinten cómodos , incluso algún mo fixo chegar. Pero isto non quere dicir que o faga mellor ou peor que outro delegado. O saber que eu estiven nese mundo fai que eles se sintan máis cómodos e teñan mais confianza comigo.

A súa figura é unha axuda para a plantilla sobre cómo tratar cos árbitros?

No día a día sempre falamos. Os xogadores ou o corpo técnico mostran a súa versión e eu trato de darlla desde a posición dun árbitro. Eu defendo os intereses do equipo, pero dou a visión que pode ter un árbitro. No día a día hai xogadores que preguntan sobre iso. Co corpo técnico falamos bastante de estadísticas, sobre todo, para que eles poidan enfocar mellor o partido ou que podian axudar aos xogadores tamén.

Tamén o consultan sobre como interpretar as normas?

O Comité Técnico de Árbitros sempre trae a algún árbitro para que explique as normas, como este ano, que estivo Javi Iglesias (Villanueva). Prefiro iso, que veña alguén que estivera nas reunións do Comité e explique ben. Eu podo interpretar a regla que sexa, pero a posibilidade de que sexa un profesional que estivera nesas reunións o que lles dea consellos aos xogadores.

Nas discusións na banda os colexiados fanlle máis caso a vostede por ser un exárbitro que ao resto?

Non (ríe). O árbitro non cambia de idea. Eu non son unha persoa á que lle guste protestar. Comentar se poden comentar cousas ao final do partido. Sei como pensa un árbitro. Cando eles toman as súas decisións non están pendentes do que eu ou outra persoa diga. Ao mellor despois do partido comentamos algunha xogada, doulle a miña versión, pero en partido, por moito que lles diga, non van cambiar a súa decisión.

Cómo é a vida na banda dun partido de Segunda División?

Aí sí que notei un cambio grande. O paso peor agora como delegado que cando arbitraba. Non sei se é porque cando arbitraba era eu o que tiña o control do partido e por iso estaba mais tranquilo, pero agora teño moita máis tensión. A tempada pasada, con todo o que pasamos, foi un tempo de moita tensión no que o pasei moi mal. Tratas de manter as formas e estar tranquilo, porque a persoa do delegado é un posto que ten que dar tranquilidade. Este é un posto para solucionar problemas, non para crealos. Pero esa tensión da banda se leva mal.

"A xente sempre nos tratou moi ben, tanto o público como os clubes contrarios"

O seu primeiro ano e sen público ademais...

Nunca o vivira. Cando arbitrei sempre o fixen con público, nin sequera o fixen a porta pechada. Ao final habitúaste, pero foi case como se estiveras nun adestramento. É unha maravilla que a xente poida vir. A xente dalle un plus ao equipo moi grande.

Estes partidos xa con público en Oviedo e Fuenlabrada... foron complicados?

De momento moi ben. A xente sempre nos tratou moi ben, tanto o público como os clubes contrarios. Con público moi ben, incluso creo que todos preferimos que haxa xente na grada. Aínda que poida ser un pouco hostil, tamén é unha motivación e da ánimos.

Como foi a acollida do vestiario?

Solo podo falar maravillas. Por chegar despois de Alvite, ao que o vestiario quería moito e co que tiñan unha gran unión, crees que vai custar un pouco máis. Eu trato de ser unha persoa respectuosa e amable con todo o mundo, pero este vestiario me acolleu de dez. Hai unhas persoas maravillosas. Non teño reproche ningún para ninguén do clube, todos me axudaron moito. Ves dun mundo, o da arbitraxe, que é mais solitario porque só estamos catro no equipo, e pasas a un grupo de trinta persoas que convive todos os días. Pero me sorprendeu gratamente. Os capitáns me trataron moi ben, sen diferencias entre Alvite e mais eu. É certo o que se día que é unha familia, igual pola forma de ser, tan humilde, da maioría dos xogadores.

Notou a importancia de Pita, Seoane e Iriome no Lugo?

Un pode pensar que os tres, por estar nunha idade alta, poden non darlle a importancia ao clube como lla dan eles, pero a min me sorprenderon. Non sei se iría ao Lugo sen eles tres. Aportan moito. O ano pasado, a salvación foi, en parte, tarefa deles. Eles moven a engranaxe do equipo e, cando iso sucede, como é o caso, os resultados están aí.

Generated by  IJG JPEG LibraryAppleMarkO ano pasado, foi difícil adaptarse a tantos adestradores?

Eu entrei no cambio de Juanfran con Nafti e comecei xa con Nafti. Todos os corpos técnicos teñen as súas cousas e a súa forma de traballar e eu téñome que habituar a iso e ao que me piden. Por iso notei os cambios. Cando te habituabas a un tiñas que cambiar de novo. Pero me din de conta de que é algo do fútbol. Non é como noutro tipo de empresas, no que estabas moito tempo cun compañeiro e te adaptas a él. Aquí hai que adaptarse axiña aos cambios.

Como é Rubén Albés?

Eu trato a todos por igual, logo con outros igual tes máis trato que con outros, pero é algo normal. Rubén, para comezar no fútbol profesional en España, me sorprendeu gratamente porque ten moita personalidade. O que o ve ninguén di que acaba de comezar no fútbol profesional aquí. Amosou moita personalidade para facerse co vestiario. Todos o respectamos moito. Ten un corpo técnico maravilloso, moi afable e iso axuda moito no teu traballo, porque te sintes cómodo. Non teño nada que dicir de ningún corpo técnico, pero con Rubén é co que mais tempo levo e estou encantado.

É máis difícil ser árbitro ou delegado?

(Ríe) Ao traballo de árbitro xa estaba habituado e non me resultaba difícil, pero ao delegado tiven que chegar de novo. Penso que é máis difícil ser delegado porque non tes o control de todo. Hai situacións nas que non tes o control e te sintes un pouco máis indefenso. De árbitro sempre tiña o control e me sentía máis cómodo.

"Ser un bo árbitro, máis que o que acerta, é o que sabe xestionar un partido"

É tan complicado ser árbitro en Segunda B ou Terceira como parece?

O máis difícil é ser árbitro nas categorías inferiores. Cando comezas tes que gañar esa experiencia e ese respecto. Logo, cando vas subindo de categoría, é máis fácil. En Terceira estiven sete anos e me resultaba cada vez máis sinxelo. Cheguei a Segunda B con moita experiencia e me segue resultando fácil. Nas categorías máis altas é mais sinxelo pitar pola experiencia que tes. Para o público ou os xogadores xa chegas cun respecto gañado.

Engancha tanto arbitrar como xogar ao fútbol?

De inicio creo que non. De feito penso que a maioría dos que pasamos a árbitros é que antes probamos o fútbol e que... (ríe) Pero a arbitraxe, unha vez que probas e pasas eses dous ou tres meses iniciais, é máis difícil deixalo. Vin moi poucos casos de que un rapaz que aguantara unha tempada o deixara por iniciativa propia. É difícil entrar, pero unha vez que estás, o ambiente, o que hai nese mundo arbitral, axuda a aguantar e tira.

Qué é o máis difícil para un árbitro dentro dun partido?

A xestión dun partido. Ser un bo árbitro, máis que o que acerta, é o que sabe xestionar un partido. Iso é o máis importante, saber xestionar a vintedous xogadores e a dous corpos técnicos e que todo vaia polo bo camiño.

Foi cuarto árbitro en Primeira e Segunda División, Qué campo é o de mellor recordo?

Iso para min foi unha experiencia inolvidable. Foi aí onde comecei a ver o fútbol de preto e a vivilo e estar dentro. Estar ao carón de xogadores como Messi ou Cristiano Ronaldo é unha experiencia que queda para toda a vida. Hai campos moi bonitos como La Romareda, o Carlos Tartiere ou Ramón de Carranza, pero entre os de Primeira División, San Mamés, tanto o novo como o antigo foi incrible. Estiven nun Athlétic-Real Madrid e se che pon a pel de galiña so co ambiente. O Bernabéu tamén me chamou moito a atención, porque impresiona estar ante 90.000 persoas.

"Creo que o VAR deulle un alivio ao árbitro, porque sabe que perxudicará menos aos equipos, pero o erro está aí"

Qué partido recorda con mais agarimo?

Un partido que pitei en Villanueva de la Serena, no que o Villanovense e o Zamora se xogaban un descenso. Tamén arbitrei unha fase de ascenso, pero os play off de descenso son os máis dramáticos. Era un partido de volta e de aí saldría un equipo descendido. O Zamora gañara 3-0 na ida e o Villanovense logrou mandar a eliminatoria á prórroga. Ao final descendeu o Villanovense. Nos 120 minutos non houbo nin unha polémica e non se falou para nada da arbitraxe e quedei moi satisfeito porque era unha responsabilidade moi grande. Os árbitros somos persoas e tamén sabemos o que se xogan os equipos.

É inxusto que aos árbitros se lles trate como se foran persoas sen sentimentos nin empatía?

Este é un tema de conversación que teño con xogadores ou corpos técnicos. Trato de facerlles ver que o árbitro se xoga moito nun partido tamén. Se o fai mal logo lle custa moito recuperar. Incluso lle pode custar un descenso. Un xogador ou un adestrador poden descender cun equipo e logo seguir nesa categoría con outro clube, pero os árbitros non teñen esa opción. Se un árbitro descende de categoría o máis normal é que deixe de arbitrar. Creo que o VAR deulle un alivio ao árbitro, porque sabe que perxudicará menos aos equipos, pero o erro está aí. Se se equivocan lles pasa factura e ao final poden descender.

Recorda algún xogador que fora especialmente amable ou algún que fora difícil de aturar?

De nomes tería que pensar. Pero o que é certo é que hai xogadores que axudan moito, que comprenden moito a actuación do árbitro, e outros que sempre protestan por todos e o fan arbitre que arbitre. Penso que hai máis do último caso canto máis baixas de categoría. De Segunda B para arriba os xogadores comprenden máis aos árbitros e hai masi xogadores que te axudan dos que non te axudan.

Algunha vez tivo envidia sana, tanto como árbitro como de delegado, dos xogadores que estaban no céspede?

Como de xogador nunca tiven cualidades (ríe) igual non tiven nunca esa envidia sana. Pero cando estiven de cuarto árbitro sí que a tiven dos que estaban arbitrando en Primeira División.

Pero no Codesido de veteráns sí que amosa a súa calidade como goleador...

(Ríe) ¡Pero iso é nivel de veteráns!

Nunca o deixaron meterse nos partidillos e xogar en punta?

(Ríe) Ao acabar algún partidillo algún toque das, pero aí con eles, desde logo que non.

José Luis Corral: "Este é un posto para solucionar problemas, non...
Comentarios