Perucho: ''Pensabamos loitar polo bronce, pero foi moito mellor''

Carlos Pérez Rial 'Perucho' (Foto: AEP)
photo_camera Carlos Pérez Rial 'Perucho' (Foto: AEP)

DESPOIS DE CUMPLIR en 2008 un dos maiores soños da vida dun deportista, que non é outro que conseguir a medalla de ouro nuns Xogos Olímpicos, Carlos Pérez Rial, máis coñecido como ‘Perucho’, vén de recibir o premio ó mellor palista galego do 2008, galardón que compartiu con David Cal. O preciado metal foi unha gran recompensa para el e o seu compañeiro na proba de 500 metros en k-2, o catalán Saúl Craviotto, despois de moitos meses de esforzo e dedicación nos que, ademais de traballar o aspecto físico, tiveron que aprender a adaptarse a competir nunha embarcación doble. O ouro conseguido en agosto en Pekín foi a ratificación dun labor ben feito. O premio ó mellor palista galego de 2008 xunto a David Cal é o colofón a un grande ano. Si. A verdade é que o ano pasado conseguín o máximo ó que pode aspirar un piragüista. O premio ó mellor palista de 2008 véxoo como un recoñecemento a toda a miña traxectoria deportiva.

Esperaba protagonizar unha temporada tan exitosa?
O certo é que non. Tanto Saúl (Craviotto) como eu contabamos con estar diante porque faciamos bos tempos e progresamos ben durante todo o ano. Aínda así, a medalla foi unha sorpresa moi positiva para nós porque non pensabamos que poderíamos gañala.

En que medida cambioulle a vida dende que volveu dos Xogos de Pekín?
No que máis me cambiou foi no feito de viaxar e coñecer a moita máis xente. No resto de facetas da miña vida e en canto á miña personalidade, todo segue igual que antes.

Foi moi dura a preparación para acadar a participación en Pekín?
Levo todo o ciclo olímpico preparándome. Nun principio estaba dedicado exclusivamente ó k-1, o ano pasado comecei co k-2 e finalmente viuse que foi unha idea acertada, de feito, aí están os resultados. Eu sabía que, participando no k-1, podía estar na final e loitar polos cinco primeiros postos da proba, pero o metal era moi complicado. Intentamos buscar unha solución e co meu compañeiro Saúl formamos un bo tándem dende o principio. Iso reflectiuse na carreira.

Como foi o traballo de adaptación entre os dous?
Estivemos man a man cada día e fíxose bastante duro, sobre todo os primeiros días. Pouco a pouco fomos acoplándonos e cada vez traballamos mellor. Cando nos comunicaron que nos elixiran para participar nos Xogos, recibimos a nova con moita ledicia. Tivemos un mes de incertidume pasándoo certamente mal, pero todos eses momentos nos que estivemos dos nervos sen saber se nos escollerían, esquecémolos e comezamos xa a pensar na cita.

Despois de recibir a boa nova, tódolos esforzos se concentraron nese obxectivo...
Foron días de tranquilidade porque realizáramos un gran traballo durante todo o ano. Tiñamos claro que se competiamos da maneira en que o estabamos facendo nos entrenamentos, íamos a estar nas posición de diante.

Durante a carreira, o esforzo foi grande contra a parella alemana (Ronald Rauhe e Tim Wieskötter), que finalmente finalizou na segunda posición...
Nós fomos dende o principio pensando en facer a nosa táctica. Sabiamos que o noso principio de regata era moi forte e aproveitamos esa baza ó noso favor para poñernos diante. Tamén sabiamos que durante os últimos cen metros da carreira íamos sufrir moito, aguantamos como puidemos e finalmente saíunos unha participación redonda.

Foi o obxectivo dende o principio o ouro?
Non, nós pretendiamos voltar á casa cunha medalla. Nun principio pensamos que poderíamos loitar polo bronce, pero foi moito mellor. A sensación de conseguir o posto máis alto do podio é indescriptible. Comezas a pensar en todo o esforzo e o traballo dos meses anteriores, a xente que confiou sempre en nós... Xuntáronse moitos factores e a ledicia desbordounos.

O recibimento en Cangas do Morrazo de tódo os seus amigos e familia tamén será difícil de esquecer.
Conseguir esa medalla e despois comprobar que toda a xente que coñeces te quere e está volcada contigo, dáche máis forzas para seguir e para loitar por novos obxectivos.

Os bos resultados colleitados durante o 2008 no piragüismo son unha boa forma de dar a coñecer este deporte?
Por suposto. Cada vez máis xente se interesa polo mundo do piragüismo. Con estes éxitos esperemos que cada vez chegue a máis persoas e que, desta maneira, comecen a practicalo ou ben a seguilo. Este deporte ten que chegar, tarde ou cedo, ó lugar ó que lle
corresponde.

Cre que está suficientemente apoiado?
Pouco a pouco as institucións van amosando máis e máis interese, pero aínda hai un longo camiño por percorrer. Hai que ir paseniño e dentro duns anos creo que estaremos aínda mellor do que estamos agora.

Cales son os próximos obxectivos que se marca?
As próximas citas son o campeonato do Mundo e o de Europa, que se celebran este ano, e tamén os Xogos do Mediterráneo. A longo prazo, o obxectivo é a participación nos Xogos do 2012 en Londres, sempre en k-2 con Saúl como compañeiro.

Comentarios