domingo. 29.03.2020 |
El tiempo
domingo. 29.03.2020
El tiempo

Parón histórico no fútbol galego polo coronavirus

Campo de fútbol baleiro. AIDA SOENGAS
Campo de fútbol baleiro. AIDA SOENGAS
A Federación Galega decidiu suspender durante dúas semanas a competición en todas as categorías atendendo ao problema sanitario

O brote da enfermidade por coronavirus (COVID-19) desembocou nun estado de alarma nacional que afecta a tódolos ámbitos da nosa sociedade, entre eles, o deportivo. A Real Federación Galega de Fútbol tomou o mércores a decisión de suspender toda a competición de fútbol, fútbol sala e gaélico en Galicia durante as vindeiras dúas semanas.

Esa mañá a RFEF fíxoo saber mediante a publicación dun comunicado na súa paxina web na que o presidente, Rafael Louzán Abal, explicaba que ante a devandita situación de urxencia e logo dos comunicados do CSD e do emitido pola Real Federación Española de Fútbol tomarían a mesma decisión de paralizar a competición deportiva nese mesmo prazo, facendo efectiva a medida dende o xoves.

Unha decisión que se tomou incluso antes de falar cos principais órganos de goberno da comunidade. Con esta suspensión a Federación expón no comunicado que non quixo crear ningún tipo de alarma senón garantir a saúde e a seguridade dos deportistas e das deportistas e de todas as persoas relacionadas co mundo do fútbol autonómico.

Esta medida veu precedida dun comunicado anterior que lanzou a RFGF un día antes no que se facía oficial o peche de portas dos estadios nos que se disputaran eventos deportivos, medida preventiva que adoptara o CSD e o Goberno de España e que estaba á espera de estenderse ao deporte base.

As ligas das competicións lucenses e autonómicas quedan paradas na metade da competición

Finalmente, ante a excepcionalidade do suceso as medidas tiveron que ser máis restritivas e segundo a RFGF a decisión buscou manter a homoxeneidade coa competición estatal e autonómica da nosa comunidade e para non quedar a expensas de posibles suspensións motivadas por peches de instalacións, tal e como foi sucedendo os seguintes días. O comunicado tamén expuxo que se manterá un permanente contacto coas autoridades deportivas e sanitarias de Galicia, así como a Federación Española, informando aos clubs de calquera cambio que se produza no referente á decisión.

Ante isto, as ligas das competicións lucenses e autonómicas quedan paradas na metade da competición, do mesmo xeito que as Copas Deputación quedan a expensas de resolverse en fases de semifinais ou incluso, nas categorías dos máis pequenos e pequenas, nin sequera chegaron a comezar. Malia que a suspensión está dirixida inicialmente a dúas semanas, os calendarios dos partidos na web da Federación teñen sinalados como suspendidos todos os encontros dende esta fin de semana, xa que seguen á espera de como avance a situación de cara a calquera modificación da medida tomada inicialmente.

Ao tratarse dunha situación que non se dera con anterioridade non se teñen antecedentes para planear como se poderá resolver a situación deportiva nun futuro, polo que a RFGF queda á espera de como se vaia desenrolando a situación para valorar como se finalizará a tempada 2019-2020. Polo de agora caben todas as posibilidades, dende tentar alargala no tempo ata unha posible cancelación ata o vindeiro curso.

A xornada formativa organizada polo Comité Galego de Adestradores que estaba fixada para o vindeiro 25 de marzo en Mondariz, quedou cancelada

Do mesmo xeito que se paralizou a competición, o venres a RFGF tamén comunicou a suspensión de toda a actividade formativa da Escola, Comité de Adestradores e Comité de Árbitros, así como as reunións e actos fixados en axenda. No caso dos adestramentos, ao non ser da súa competencia xa que depende dos propios clubs ou titulares das instalacións, recomendaron suspendelos para contribuír as medidas de prevención e contención do COVID-19.

A xornada formativa organizada polo Comité Galego de Adestradores que estaba fixada para o vindeiro 25 de marzo en Mondariz, quedou cancelada, así como a derradeira xornada do Curso de Prevención e Readaptación de Lesións en Fútbol que ía ter lugar o sábado15 en Santiago de Compostela.

Parón histórico no fútbol galego polo coronavirus
Comentarios