El fútbol modesto lucense busca nuevos campeones

O Chantada celebra o título de Preferente e Primeira 2010, conseguido en Guitiriz. XESÚS PONTE / AEP
photo_camera O Chantada celebra o título de Preferente e Primeira 2010, conseguido en Guitiriz. XESÚS PONTE / AEP

Os oitenta e catro equipos que pugnarán por inscribir o seu nome no trofeo lucense, que organiza a Vicepresidencia Primeira da Deputación, tentarán seguir a senda dos campións do 2010. Chantada, Calasancio e Friol serán os espellos nos que mirarse para que a participación se asemelle o máis posible ao éxito. O respecto que se profesa ao defensor do título sitúa ao Chantada na liña de saída dos favoritos entre os 25 clubes de Preferente e Primeira.

O equipo do sur da provincia gañou o título en 2010 nunha tempada complicada, que conseguiu maquillar grazas ao 1-0 endosado a un Santaballés que por aquel entón xogaba en Preferente e que o ano que vén farao en Segunda Autonómica, encadeando dous descensos consecutivos. O partido foi un éxito absoluto nas bancadas do Municipal da Veiga, en Guitiriz, onde preto de 400 persoas encheron o campo chairego de colorido.

FAVORITOS NA MARIÑA

Ademais dos vixentes campións, haberá que ter en conta a aqueles conxuntos que chegaron nun mellor estado de forma. Neste apartado, os equipos da comarca da Mariña copan os primeiros postos nos pronósticos para que o título camiñe cara ao norte.

De entre os equipos mariñáns habería que colgar ao Xove Lago o cartel de primeiro espada. O seu excelente papel en Preferente, onde ocupa a quinta praza e ten aínda opcións de poder alcanzar o ascenso ou a promoción para Terceira, sitúano como o rival a bater.

Residir todo o ano na complicada Preferente pode valer aos outros dous conxuntos da Mariña para saír a por todas. Foz e Viveiro atópanse nun gran momento e aceleraron o seu fútbol nas últimas xornadas para obter bos resultados e situarse na zona media da táboa.

Menos opcións de partida terán Páramo, Outeiro de Rei, Lemos e o virtualmente descendido Castro. Todos poboadores sempiternos da zona de risco, aínda que a bo seguro buscarán na Copa a táboa de salvación para un mal ano.

Non obstante, xogarse cada rolda a un partido será o suficientemente complicado como para que a clasificación non determine o pase. Por iso, os equipos que inicien a Copa Deputación desde a Primeira Autonómica terán tamén opcións. Cabe destacar ao Chantada e ao Ribadeo como os mellores situados a priori. Os seus ascensos confirmados corroboran a súa boa campaña e os seus galóns entre este pelotón. Outros cadros a seguir pola súa boa 2010-2011 serán o Pastoricense, o Ferreira, o Burela ou o Taboada.

SEGUNDA E TERCEIRA

Dentro da categoría de Segunda e Terceira, o Calasancio foi un xusto vencedor o ano pasado e culminou un curso espectacular ao sumar a este trofeo un ascenso á Primeira Autonómica, onde se mantiveron con algunha dificultade. Os monfortinos tiveron no Xermade un durísimo rival, xa que remontaron o tanto inicial de Esteban grazas aos goles de Roberto e Diego Quiroga.

Pero o Calasancio non estará de partida. Serán outros os que se xogarán as castañas durante os meses de maio e xuño.

Quen tentará repetir éxito será o Xermade, só que esta vez con distinto final. Ao equipo chairego non lle bastará con levar nas súas carnes o título de vencedor moral e quererá sumar a Copa ao ascenso obtido durante a 2010-2011.

Xunto cos xermadinos estará outro dos campións dos dous grupos de Segunda. O Residencia buscará demostrar que a súa hexemonía en liga é trasladable á competición do KO e redondear unha tempada xa de seu exitosa.

Xunto con ambos equipos colgaranse o cartel de favoritos outros dous planteis recén ascendidos, que xogarán en Primeira o ano que vén: o Alfoz e o Portomarín.

Desde Terceira asomarán a cabeza as sociedades deportivas que conseguiron o ascenso, é dicir, Chantada B, Guntín, Antas, Parga, Candelaria e Matela.

En canto ás mulleres, a superior categoría do Friol, que se atopa en Primeira Nacional, as sitúa con vantaxe sobre Monte Forte e Milagrosa, ambos en Segunda Autonómica, para optar ao título.

COPA FEMENINA
O Friol parte como referencia

O Friol partirá como o clube a seguir na competición feminina, que conta con outros dous contendentes, o Milagrosa e o Monte Forte, e terá forma de triangular. O trofeo disputarase nun único día, o domingo 19 de xuño.

As friolenses ocuparon a quinta posición final nunha Primeira nacional recentemente finalizada. Ademais da categoría superior, a contundencia coa que gañou a edición do ano pasado, na que arrasou por 10-0 ao Milagrosa, fai que o conxunto amarelo parta na ‘pole position’ para o título.

Debut do Monte Forte

O Monte Forte, de 2ª autonómica, participará por vez primeira neste torneo e acompañará ao Milagrosa, desa mesma categoría, e ao Friol, que xa xogaron a edición do 2010.

Comentarios