O Leite Río Breogán incorpora a Adam Sollazzo

Hervé Kabasélé marcha cedido ao Liberbank Oviedo Baloncesto
Adam Sollazo. BREOGÁN
photo_camera Adam Sollazo. BREOGÁN

O Leite Río Breogán anuncio este luns a incorporación de Adam Sollazzo. Aos seus 30 anos, o aleiro nado en Tampa (Estados Unidos), chega ao conxunto celeste logo de completar unha gran tempada co Delteco GBC.

Sollazzo formouse na Universidade de East Teneessee (NCAA). Tras o seu periplo universitario deu o salto a Europa onde xogou en Romanía, Alemaña, Italia e Francia, cun breve paso pola liga arxentina. A pasada tempada estivo no Delteco GBC, sendo un dos seus xogadores máis destacados, cunhas medias de 10,2 puntos e 3,3 rebotes en 24 minutos de media sobre o parqué, logrando Copa Princesa e ascenso.

Xogador con experiencia, moi atlético, con bo manexo de balón, Sollazzo destaca polo seu bo equilibrio entre ataque e defensa e pola súa gran versatilidade, podendo desenvolver o seu xogo en todas as posicións exteriores, especialmente como aleiro, e mesmo pode xogar minutos na posición de catro como xa demostrou nalgún partido da pasada tempada. O novo xogador celeste conta cun bo lanzamento exterior e, aínda que non destacou especialmente na pasada campaña nese apartado, xa demostrou a súa capacidade en tempadas anteriores con boas porcentaxes en lanzamento de tres  puntos.

Coa incorporación de Adam Sollazzo o Leite Río Breogán dá por pechada o seu equipo profesional para a campaña 2020/2021.

KABASÉLÉ. O Liberbank Oviedo Baloncesto chegou a un acordo co Leite Río Breogán para que o pivote de 2,08 centímetros Hervé  Kabasélé (Congo, 24/10/1996), xogue cedido no conxunto ovetense a próxima tempada. Dentro do acordo de cesión mantense a opción que ten xogador de saír, ata unha data determinada, cara á  NBA  G- League (Liga de desenvolvemento da  NBA) onde xa estivo a xogar un tramo da pasada tempada, concretamente nos Erie Bayhawks, equipo vinculado aos New Orleans Pelicans.

Comentarios