Iván Cáceres: "O primeiro que farei será ir a Sarria e estar coa familia"

O triatleta sarriano pasa a corentena en Madrid, onde traballa
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Iván Cáceres, na súa casa

Onde está a pasar o confinamento decretado pola crise sanitaria de Covid-19?

Por razóns de traballo eu vivo en Madrid, no municipio de Rivas Vaciamadrid. Son Policía Nacional e, polo tanto, tócame seguir traballando e teño que pasar o confinamento na miña vivenda en Madrid.

Como soporta o confinamento, que cousas fai no día a día no seu fogar, adestra?

Ao practicar tríatlon intento seguir adestrando na casa. Fago bicicleta con rodillo cinco ou seis días á semana, dous días fago ximnasia co meu propio peso ou utilizando cousas que teño na vivenda e o que tamén intento facer é correr estático na casa, aínda que pouquiño tempo. Ademais, trato de practicar natación, para o que emprego dúas gomas que suxeito nunha porta e trato de facer o mesmo xesto que se fai ao nadar. Co confinamento tamén teño máis tempo para estar coa miña parella, coa que vivo, e para facer cousas na casa, como ordenala, facer limpeza ou cociñar, que é algo que me gusta bastante. Agora teño tempo para facer cousas para as que habitualmente non tiña. 

Que será a primeira cousa que fará cando se poida saír do confinamento polo coronavirus?

O primeiro que farei será subirme a Sarria para estar coa miña familia, xa que non estiven alí desde o pasado mes de xaneiro. Tiña pensado ir no mes de marzo, polo cumpreanos, pero xa non puiden subir ao decretarse o confinamento. Cando todo isto pase e saiamos disto irei a Sarria, espero que todos saiamos ben.

Que lección positiva saca de todo o que está acontecendo, o confinamento e a pandemia de coronavirus?

Penso que aprenderemos a valorar moitas cousas que antes non valorabamos tanto, como é ter liberdade de movementos e poder moverte a onde queiras, cando queiras.

E que lección negativa cre que se sacará desta crise?

Non sei, creo que quizais tiñamos que ser máis previdos, que cando nos avisen destas cousas, de enfermidades, como é o coronavirus, penso que debemos actuar antes, debemos previr antes que curar porque o que está pasando é unha catástrofe.

Más en Deporte Local Lugo
Comentarios