Diego Epifanio seguirá dirixindo o Leite Río Breogán

O Consello de Administración e o adestrador burgalés chegaron a un acordo
Diego Epifanio. SEBAS SENANDE
photo_camera Diego Epifanio. SEBAS SENANDE

O Consello de Administración do Leite Río Breogán e o adestrador Diego Epifanio chegaron a un acordo e o técnico continuará no club celeste.

Epifanio manifestara a semana pasada o seu interese por seguir no equipo lucense, pois a súa intención é acabar o traballo que empezou o ano pasado. Desde o club comunicóuselle que para iso sería necesario rebaixar a contía económica do seu contrato, algo que o técnico aceptou.

Agora o reto é construír unha plantilla coa que alcanzar un grao de regularidade máis alto que na campaña finalizada abruptamente pola crise do Covid-19.

Diego Epifanio Cabornero cumprirá así a súa segunda tempada no banco do Leite Río Breogán. Tras unha "campaña atípica e inconclusa" debido á crise sanitaria que obrigou a finalizar o seu primeiro curso en Lugo antes do previsto, o adestrador burgalés "seguirá traballando en busca do obxectivo perseguido polo club que non é outro que o regreso á máxima categoría", explica o equipo nun comunicado.

O club explica ademais que o Consello de Administración do club mantén a idea de "avanzar nun proxecto ambicioso nos seus obxectivos deportivos e sociais, dentro dun plan de viabilidade económica e sendo conscientes das dificultades que atoparán todos os clubs debido á crise global, pero co obxectivo claro de traballar polo ascenso co respaldo da súa ampla masa social, dos seus patrocinadores, colaboradores e institucións".