Daniel Viaño: "O Club Waterpolo Lugo ten un gran futuro"

Dende agora os lucenses poderán gozar dunha nova disciplina deportiva, da man de Daniel Viaño (presidente) e de Jacobo Pérez (secretario) chega o wáter-polo á capital da provincia con moita forza

Daniel Viaño (esquerda), presidente do Club Waterpolo Lugo, e Jacobo Pérez, secretario. CEDIDA
photo_camera Daniel Viaño (esquerda), presidente do Club Waterpolo Lugo, e Jacobo Pérez, secretario. CEDIDA

Daniel Viaño e Jacobo Pérez levan o wáter-polo no sangue, tanto que acaban de decidir fundar un club en Lugo, cidade na que están a residir. O primeiro deles, que xa exerce como presidente, amosa unhas ganas increíbles no encontro con este medio por levar a cabo este proxecto.

Como nace a idea do Club Waterpolo Lugo?
O azar fixo que coincidíramos en Lugo por motivos laborais dous ex xogadores do Club Waterpolo Santiago con moi boa relación. Botábamos de menos xogar pero o desprazamento até as outras cidades onde se practica o deporte era complexo. É por isto que decidimos intentar crear un equipo, cremos que o Club Waterpolo Lugo ten un gran futuro. Este deporte pode saír adiante na cidade, con axuda da xente e do Concello seguro que non haberá problema.

Como está sendo o proceso de creación do equipo? 
Agora mesmo estamos á espera de que as institucións nos contesten. Xa estamos inscritos como entidade deportiva, o cal é un gran paso, polo que agora só falta agardar.

Buscamos a calquera persoa que teña ganas de xogar ao wáter-polo. Non importa se ten experiencia previa ou non

De que institucións esperades apoios?
Agardamos contar co apoio do Concello de Lugo ou de algunha piscina privada. O máis importante para nós é que nos cedan parte da instalación para poder adestrar regularmente durante unhas horas. Aínda así tamén necesitaremos patrocinios para conseguir todo tipo de material que nos permita competir a temporada que vén, como porterías, gorros, balóns... Nós non estamos pechados a ningunha axuda, tanto pública como privada. Tamén é de agradecer que o resto de clubs de Galicia quixeron axudarnos dende o primeiro momento e seguro que están dispostos a aportar o que sexa necesario.

Que valores quere transmitir o Club Waterpolo Lugo?
O principal que queremos transmitir é que todo o que xogue con nós nos considere os seus amigos. Máis aló dun equipo o que queremos construír é un grupo forte en amizade, onde pasalo ben e onde todo o mundo se sinta incluído.

Que lle pode aportar o wáter-polo a unha cidade como Lugo?
É unha actividade máis de ocio e deporte. Isto implica que veñan outros equipos a competir e polo tanto un aumento do consumo na cidade. Ademais, aumentar a oferta deportiva sempre é enriquecedor.

Con que experiencia contades os fundadores do club?
Tanto eu como Jacobo formámonos na canteira do Club Waterpolo Santiago, onde xogamos durante moitos anos. Eu ademais fun árbitro da Fegan. É certo que levamos un tempiño retirados, pero nunca estivemos desligados do wáter-polo.

Cal é o perfil da persoa que buscades?
Buscamos a calquera persoa que teña ganas de xogar ao wáter-polo. Non importa se ten experiencia previa ou non, con que saiba nadar un chisco é suficiente, o que é vital son as ganas. Dános igual mozos, maiores, homes, mulleres… O que procuramos é xente que teña a vontade de querer pasalo ben xogando ao wáter-polo.

Onde vos gustaría desenvolver a vosa actividade?
Pola súa localización e polas súas condicións, cremos que a piscina que mellor se adaptaría sería a Piscina Municipal de Frigsa. Agardamos que alí poidamos exercer o noso deporte.

Se alguén está interesado en apuntar que ten que facer?
Pode contactarnos a través do noso Facebook, Instagram, Twitter e correo electrónico ([email protected]), ao momento lle responderemos e iremos informándolle de como avanza a nosa situación. En canto teñamos instalacións dispoñibles empezaremos con forza.

Más en Deporte Local Lugo
Comentarios