"Contribuímos a meter o galego polas xanelas das casas e iso faime moi feliz"

Xubilado, dende a súa casa na Mariña, Ovidio González bota a vista atrás e lembra a súa vida profesional, na que foi pioneiro no xornalismo deportivo en Galicia
Ovidio González levantase para aplaudir nun partido do Breogán. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Ovidio González levántase para aplaudir nun partido do Breogán. VICTORIA RODRÍGUEZ

Coma un trail blazer no medio da chaira; co oeste enfronte dos ollos, o vento nas costas e o horizonte catódico no futuro que foi presente e agora xa é pasado. Ovidio González foi, é e será unha das voces do baloncesto en Galicia. Con el naceu este deporte na televisión, nun tempo e nun lugar que o converteu en pioneiro e propietario dun legado inmaterial interiorizado por xeracións nun país que lle estará sempre agradecido. 

Foi vostede un pioneiro das retransmisión televisivas do básquet galego porque estivo desde o principio da TVG, no ano 1985…
Si, eu fun parte dun grupo de xornalistas, creo que doce ou trece, que principiamos na TVG, incluso antes de que estivera rematado o edificio. Estabamos catro xornalistas en deportes e eu fun o primeiro en narrar un evento deportivo que transmitiu a TVG, que foi un partido de play off da NBA o mesmo día da inauguración entre Boston e Lakers, con Larry Bird e Magic Johnson. Tamén retransmitín fútbol. Fixérase daquela un Cidade de Vigo de fútbol e fixérao eu. Nunca máis volvín retransmitir fútbol. Aquilo fora no 85 e no 86 xa comezaramos co Mundial 86 de España, con baloncesto europeo, de aquí en Galicia e en España…

Como chegou Ovidio González á TVG?
Comecei traballando na Ser en Lugo. Eu fora xogador de balonmán e empecei nos deportes que dirixía e presentaba Xoán Quiñoá, que despois foi adestrador de baloncesto na Casera e no Xuncas, e era técnico da Ser. Cando a Ser decidiu facer unha cadea de emisores por toda Galicia e lle chamou Ondas Galicia abriu unha en Lugo e ofrecéronme facer a información dos deportes e aceptei. Aí xa facía de todo, balonmán, baloncesto, o Lugo… Facía de todo. No ano 1984 traballaba no gabinete de comunicación do Concello, dependente de Vicente Quiroga, que era o alcalde de Lugo, e levaba cousas de prensa con Xulio Xiz, que era secretario xeral, e entón ofrecéronme ir a Santiago a levar a xefatura de prensa de Cultura na consellería de Educación e Cultura e dixen que si. A miña moza vivía alí e era unha oportunidade de traballo que estaba ben. Aí foi cando arrincou a Radio Galega e eu compaxinaba o traballo de prensa na Consellería con Víctor Portomeñe e logo as fins de semana facía un programa de madrugada na radio autonómica. Cando comezou a xestarse a TVG, presentei un currículo e chamáronme e comecei a traballar na televisión no ano 1985. Daquela as cousas ían así (ri). 

Como foron aqueles comezos? A ilusión por estar nun proxecto como aquel podía paliar as dificultades que podían xurdir?
As dificultades e a ignorancia do medio no que te movías eran absolutas. Iso era tremendo. Algo que nunca poderei esquecer é o poñer a andar unha empresa como esa. Estar implicado no inicio dun medio de comunicación, sexa cal sexa, é tremendo. Por riba era unha televisión autonómica, que nunca tal se vira en Galicia. Foi moi ilusionante e pasamos moitas horas, sete días á semana, pero sempre tiñamos moitas gañas de facer cousas. Aquela era unha época de moitísima creatividade. Lembro que daquela tiñas, traballabas e pelexabas unha idea e podías acadala. O que se facía naquela época hoxe en día sería impensable. Non estabas suxeito a audiencias, todo ía por outro camiño.

Na Radio Galega, no ano 1985. EP
Na Radio Galega, no ano 1985. EP

Palpaban a ilusión que había na rúa por ese novo proxecto? Eu aínda lembro a ilusión que tiña co meu pai fuchicando na tele para mirar o novo canal…
Do impacto dábaste conta saíndo á rúa e a ilusión que había. Ao comezo eramos poucos e faciamos de todo. Eu facía as retransmisións, presentaba programas, entrabas nas casas dos galegos, recoñecíante e parábante pola rúa… Aí era onde notabas o impacto. Os que nos dedicabamos aos deportes íamos aos campos, aos sitios, a xente recoñecíate, interactuabas… Era todo doutra maneira. Poño un exemplo disto: eu durante unha época deixei deportes e fixen información xeral e cubrín en Pontevedra un xuízo a uns policías que asasinaran a unha familia nunha casa, un tema que tivera bastante impacto nos medios. Eu estaba cubrindo o xuízo e cando a Policía sacaba os acusados por unha porta todo o mundo quería saber a onde os levaban despois do xuízo. Un policía viume, achegouse a min e díxome: "ti eres Ovidio de deportes", eu contesteille que si e díxome que que facía alí. Díxenlle que estaba por informativos e el respostoume: "mira, estes saen agora e van levalos a tal sitio". A aquela información nunca tería chegado se non fora por ser recoñecido polos deportes.

Naquel mundo sen internet como eran as tarefas de producción, de información para preparar as retransimisións, como se facía?
Mal, facíase mal (ri). Na primeira redacción de deportes, o xefe, Xosé Luis Muñoz, viña do Faro, Manolo Pampín viña da prensa escrita de Santiago, Xosé Durán viña tamén da prensa escrita de Pontevedra e eu que viña da radio. O único que tiña experiencia previa cos directos era eu e por iso me enviaron a retransmisións. Comecei facendo baloncesto, balonmán… porque eramos catro. Pero a finais dos oitenta o que era o xefe de deportes, que era Fernando Madriñán, comentoume que iamos facer deporte americano, da NBA, hockey xeo, fútbol americano, baloncesto universitario masculino e feminino. "Imos facer un programa de deporte americano e vas facelo ti". Eu non tiña nin idea de todo iso. Agora, se che pasa iso, mal que ben vas á rede e aí tes de todo e sácalo adiante. Pero naquel tempo non había iso. Eu, nas viaxes que facía a Estados Unidos para facer as Superbowls, ía ás librarías deportivas e mercaba todo libro que me atopaba: de NBA, de fútbol americano, do que fora cos rosters, cos xogadores, quen eran, as normas… Para saber as normas… Eu estudara francés, non inglés como se fai agora. Eu do inglés ía xustiño e iso facíao aínda mais complicado todo. Pero con gañas e con algunha vergoña que outra saqueino adiante.

Estivo na Superbowl coa Galega?
Eu retransmitín en directo desde Estados Unidos a de Miami, a de Nova Orleáns e a de Minneapolis. A de Miami, na que San Francisco lle gañou aos Bengals, fixémola dende alí TV3 e nós. Con TV3, ademais do narrador ían outras dúas persoas, que eran o xefe de produción de deportes e o director de deportes de TV3, que eran Tatxo Benet e Jaume Roures, que hoxe son os propietarios de Mediapro. Evidentemente a eles, a nivel económico, foilles moito mellor que a min (ri).

Na Superbowl de Minneapolis, en 1992.  EP
Na Superbowl de Minneapolis, en 1992. EP

É consciente da pegada que aquelas retransmisións de deportes de todo tipo deixou en varias xeracións de galegos?
Eu vivo na Mariña, en San Cibrao, e aquí xente de xeracións posteriores a min, xente de 40 ou 45 anos, cando me cruzo con eles, tomando un viño ou na rúa, podo oílos: "e co número 33… Larrryyyy Joooohnsoooon" no medio dun bar e penso "joder", pero eles é o que teñen interiorizado e o primeiro que me din en canto me ven é iso, o que de pequenos escoitaban. Logo partímonos o cú a rir por todo iso. A min iso éncheme de orgullo. Como cando escoitas que a xente di: "tripla, tripla, tripla Cola Cao". Iso é que deixaches. Tamén o idioma, que para min é algo trascendente. Nós contribuímos a meter o galego polas xanelas das casas, porque o deporte séguese maioritariamente, máis naquela época, que non había tantas canles de televisión. É moi bo recordar que hai xente á que lle entrou o galego grazas ás retransmisións. A min iso faime moi feliz.

Aquela redacción de deportes con Manolo Pampín, Sergio Delpont, Lino Blanco, Timiraos ou Benito Cores que aínda quedan alí, é mítica neste país…
Hai voces que están ligadas aos deportes. Hai xente que segue traballando na TVG e que o fan marabillosamente ben e quizais moito mellor ca nós, porque teñen voces máis educadas e máis ferramentas… Pero a nós quédanos ser recordados. Eu, o que teño vivido con Sergio Delpont é moito. Pasamos anos e anos compartindo vida, hoteis, viaxes, experiencias… Son épocas na túa vida nas que pasan cousas boas e malas, que estás lonxe da túa casa e as compartes con xente… Aí houbo un grupo de traballo que nos levabamos moi ben. Discutiamos moitísimo. Eu coa persoa coa que teño discutido mais na miña vida é con Sergio Delpont, porque ademais os dous temos un carácter de carallo. Os dous discutiamos forte e duro e cando baixaba o souflé: "veña Delpont, imos tomar unha caña" e rematou. Iso só o dá o traballo e o estar pegados un ao outro durante moitísimo tempo e compartir tantas horas e responsabilidades. Aqueles primeiros anos son inesquecibles.

Naqueles tempos os deportes eran o principal patrón de ocio, ademais, daquela eran vostedes como os Ibai Llanos de agora…
(ri) Quizais si, pero con menos pasta (ri). Non eramos moi conscientes diso. A min estas cousas abrúmanme. Eu son un tipo moi tímido e retraído e moitas veces non eres moi consciente do impacto que tes, do que estás a facer, do que significa, e logo hai cousas que te poñen no sitio e miras para atrás e pensas que algo fixeches que foi importante. Ahora, cando foi a Copa Galicia en Lugo e a Federación, aínda que o presidente sexa amigo, recoñece o teu traballo, faime pensar que algo fixen bo. Un dos recoñecementos que máis agradecín, creo que no ano 2019, cando deixei de traballar, foi un nun partido de baloncesto en Lugo entre o Breogán e o Porto que organizara a Asociación Sagrado Corazón. Entregáronme unha placa no Municipal e pensei "joder". Primeiro púxome en situación, porque pensei: "fai dous meses que deixaches de traballar e xa che entregan unha placa" (ri). Eran dous irmáns que levan traballando toda a vida polo baloncesto e quizais eran dous rapaces que medraron coas miñas retransmisións e entendo que quedaron algo impactados polo traballo que faciamos e iso é o que te levas de todo isto.

En 1989, na cancha do Aris Salónica. EP
En 1989, na cancha do Aris Salónica. EP

Naqueles 80 e 90 o baloncesto era o rei dos deportes en España…
Eu creo que a TVG foi importante para o baloncesto. A TVG apostou no ano 1988 por arrincar un programa semanal de baloncesto en prime time, pola semana. Ás nove e media da noite arrincaba un Todo básquet que parimos Delpont e mais eu. E todas as noites, á hora á que a xente se senta na mesa o único que miraban era o baloncesto. Aquilo era facer afección, non ten máis. O complicado era facer a aposta, non tanto facelo, senón apostar por iso. A materia prima que tiñamos era impresionante: había un equipo en Lugo, outro en Ferrol, por abaixo estaba o Obradoiro, o COB… en feminino estaba o Celta, o Xuncas… Había moitos equipos de baloncesto. O que fixemos foi darlles un sitio común e ensinalos a Galicia e penso que iso axudou moito a que o básquet daquela tivera o impacto que tivo. Todo básquet foi chave para que o baloncesto en Galicia se consolidara como un deporte importante.

Das canchas ás que foi narrar, cal recorda con máis agarimo e a cal foi xurando en arameo?
Quizais me impacten máis as primeiras en Europa. Unha das primeiras foi en Limoges, que é un pobo tan triste que non impacta de ningunha maneira. Pero unha das seguintes foi en Belgrado e iso son palabras maiores. Narramos alí un partido Partizan-Barcelona no que xogaban Obradovic, Djordjevic, Paspalj, Divac… E aquel pavillón era tremendo e impactoume moito. Tamén o Aris de Salónica. O ambiente era bravo. Pero de alí quédome sempre cun xogador que estaba no Aris que se chamaba Subotic, que tiña un pub que se chamaba 6,25, e a noite anterior tomando unhas cervexas antes do partido, a xente achegábasenos e ensinábanos dracmas dos gordos e dicíannos: "mañá vanvos chover destes a miles..." e foi certo… Das canchas de aquí, a única cancha onde me abriron a cabeza cunha moeda foi en Málaga. Estaba sentado narrando por detrás do banco do Barça, polo que entendo que as moedas irían para o Barcelona, déronme e abríronme a cabeza. Toni Bové, daquela o fisio do Barcelona, levoume ao vestiario e púxome unhas grapas. 

E das galegas?
Eu son  breoganista de toda a vida. Eu son de Lugo. O meu pai era o taquilleiro do pavillón municipal. Era policía municipal e, as fins de semana, era o que estaba na taquilla do pavillón. Cando había partido do Breogán vendía as entradas nas taquillas e por iso eu ía co meu pai aos partidos, e tamén aos adestramentos cando o meu pai ía a abrir as instalacións. Mamei o Breogán desde sempre. E onde máis me insultaron, non moito, porque túzaros hainos en todos lados, foi curiosamente en Lugo. Pero cunha cancha coa que me quedo de todas as que fun narrar, quédome co vello municipal. Iso para min é crema.

Non lle importaba narrar o Breogán entón…
Do que non podes escapar é das filias e das fobias. Se eres breoganista eres breoganista, aínda que cando eres profesional tratas de tapalo dalgunha maneira. Eu son culé tamén, moito. A única carta que chegou á TVG nos máis de trinta anos que traballei alí foi a dun paisano que se queixaba que eu era tremendamente madridista e que non podía ser. Fagas o que fagas vai dar igual, a xente ten na cachola o que quere ter. Eu estaba encantado de poder narrar o Breogán.  Nunca me causou un problema facer o Breo.

Tiña que gardar ben a compostura nos derbis co Oar daqueles anos…
Tampouco penses que tanto. Eu en Ferrol tiña moitísimas amizades. Son moi amigo de Manolo Aller, de Ricardo Aldrey, de Anicet Lavodrama, como o son de Manel (Sánchez), de Tito (Díaz), de toda a xente destes sitios que non eran de entrar e saír, senón xente que se quedaba. Logo podes ter desencontros. Eu era íntimo amigo de Juan Quiñoá e de Víctor Varela e estivemos anos sen falarnos porque eu son amigo pero exerzo a miña profesión e se exercer a miña profesión me leva a dicir cousas que non lle gustan… Xa sabes o que é o xornalismo. Pero eu nunca tiven problema por iso. Sempre mantiven o ton con Lugo, Ferrol, Ourense, Santiago, como co Xuncas, no que xogaba Ana Heredero, que daquela era a miña moza e hoxe é a miña muller.

Xunto a Sergio Delpont, no Municipal de Lugo. EP
Xunto a Sergio Delpont, no Municipal de Lugo. EP

Cando lle tocaba ir por Europa, viaxaba cos xogadores, como eran aquelas viaxes?
Aquilo era algo impensable agora mesmo. Eu estiven moitos anos facendo a Copa de Europa e a ACB. Por un tema persoal falara co meu xefe e dixéralle que quería deixar de presentar un programa, porque era algo que non me gustaba ser tan recoñecible e exposto, e díxenlle que prefería viaxar máis. Á Copa de Europa viaxabamos co Barcelona. Ao mellor saía un martes con Sergio (Delpont) cara Barcelona, ao día seguinte colliamos un chárter co equipo, por exemplo, a Roma. Tiñas partido en Roma, facías o partido alí e ao día seguinte viaxabas a Barcelona e Sergio voltaba para Santiago e eu collía outro avión ata o sitio onde transmitíamos o partido da ACB, facía o partido da ACB, voltaba a Santiago, grababa o programa de deporte americano que tiña que facer e voltaba a enganchar co partido de Copa de Europa do Barça. Cando seguiamos ao Barcelona sempre nos desprazabamos con eles, fora en España ou en Europa e sempre o faciamos co equipo. Iso levábate a intimar cos xogadores doutra maneira, máis aínda sendo de fóra, porque eles abríanse máis a ti que sendo un xornalista catalán, daquela era máis sinxelo.

Había máis relación cos xogadores entón…
Agora estas cousas xa se poden contar. Nós tiñamos coches de aluguer e quedabamos cos xogadores do Barcelona no hotel e pedíannos que os foramos buscar pola noite para tomar unha copa. Entón ías ao hotel, collíalos e saías por aí. Foi nun Open McDonald’s en Roma, no que xogaban un día, descansaban outro e voltaban xogar. O día do partido, cando remataron fomos recollelos e saímos tomar unhas copas. Ao día seguinte non xogaban pero si tiñan que adestrar, e cando chegamos de saír ao día seguinte estaba Aíto na porta do hotel. Eu tiña moi bos amigos daquela época. Con algún aínda teño relación. Aí atrás, cando escribimos o libro do que eu fixen a parte de Perasovic, falei con Nacho Solozábal e estivo moi cariñoso. Vivíase dunha maneira moi diferente á actual.

Hoxe iso sería impensable…
Si, case non podes nin miralos. Antes, nas transmisións dos partidos nós estabamos nos túneles de vestiarios antes e despois do partido. Estabas alí e falabas cos xogadores, adestradores, cos árbitros… Agora é todo moi distinto. Isto avanzou para mellorar en moitas cousas, pero perdeuse o trato humano que había cos protagonistas. Supoño que será tamén bo, porque iso levaba a que a información estivera un pouco máis contaminada.

Presentando o programa 'Todo basquet', da TVG. EP
Presentando o programa 'Todo básquet', da TVG. EP

Os xogadores eran menos divos antes que agora?
Non sei moi ben como serán os de agora. Penso que os do baloncesto son menos divos que os do fútbol, pero antes eran moi próximos. Era todo moi diferente. Eu recordo unha frase de Díaz Miguel que dicía que todos eramos do mesmo circo. Antes ías cubrir un partido en Moscú, en Belgrado ou en Roma e estabas no mesmo hotel do equipo e mirábaste no hall, sentabas tomar un café con alguén, charlabas… Lembro charlas longas con Boza Maljkovic nun hotel en Split… Eu con xogadores teño quedado por aí. Cando rematabas un partido xa che dicían, "quedamos en tal sitio", normalmente dábanche o nome dunha discoteca para ir tomar unha copa con eles. Era todo moi distinto a agora. Non digo que sexa mellor, senón moi distinto.

Tocoulle visitar os países do telón de aceiro nos seus derradeiros anos? Eran moi distintos á España daquela?
Eu podo contar unha anécdota de cando viaxamos ao Moscú da URSS. Nós tiñamos unha intérprete na expedición, non era unha intérprete oficial, senón unha rapaza que coñecimos e que se prestou a facer de intérprete. Nos hoteis de Moscú aos que iamos nós non podían entrar os rusos e ela quixo entrar ao hotel a despedirse, e cando estabamos un grupo de xornalistas para despedirmos dela, vimos como un membro da seguridade a collía dos pelos e a arrastraba ata fóra do hotel. A reacción foi tratar de ir evitalo e o que nos dixeron rapidamente foi que non saísemos, que nos esquecésemos do que pasara, que a ela non lle ía pasar nada, pero que non intervísemos. Aí vimos a outra cara destes países. Esa é a cara difícil das viaxes. Ves cousas que… De Tel Aviv, onde supoño que seguirá igual porque a situación supoño que non variara moito con respecto a aqueles anos, teño moi mal recordo daquela. Había uns controis máis que exhaustivos, os interrogatorios aos que te sometían e que duraban moitísimo tempo, a policía pola rúa, controis militares cada certo tempo… Marcoume moito Moscú. É unha cidade preciosa que me impactou moito, pero quédame ese mal regusto da pobreza que se vía alí. Dito así tamén é demasiado frívolo, porque iso débese a cousas. Esa desfragmentación si que a vivimos.

Había diferenzas nas afeccións coas de aquí?
As afeccións moi quentes eran as de Belgrado, pero a francesa, por exemplo, non era nada quente. A de Salónica era brutal. En Israel eran perigosos. En Israel sacábannos a policía e o exército dos pavillóns, era moi complicado. En Holanda era moi tranquilo. Penso que iso vai coa forma de ser no país. Por exemplo, en Italia nunca vivín unhas situacións de canchas moi quentes. Nos Balcáns eran sitios de moito barullo, pero penso que igual que hoxe.

Quedoulle un deporte que quixera narrar e non lle tocara?
Eu fixen de todo. No ano 90, creo que foi, Ted Turner, o que fora marido de Jane Fonda e tiña unha canle en EE.UU., a TNT, montara un invento que eran os Xogos da Amizade. Facíanse entre os Xogos Olímpicos. Fíxoos no 90 e no 94. Levaba a todos os países. Eu fora a Seattle no 90, e logo no 94 en San Petesburgo. A TVE fai unhas olimpiadas e leva 40 narradores, pero nós faciamos os xogos da Amizade con dous. Entón tiñas que facer case de todo. Fixen balonmán nunha selección española na que estaba Urdangarín. Non me queda ningún deporte que eu quixera facer. Non me encasillei no baloncesto, facíao porque me gustaba. Era a miña paixón, o que quería facer e no que me sentín totalmente realizado. Profesionalmente tamén me gustou moito levar os controis de televisión. Iso é outro mundo, que ten subidas de adrenalina que tamén teñen os directos. Quizais o que me quedou por facer foi narrar unha Final Four. Estiven nunha, na de Múnich, pero non tiñamos os dereitos, pero fomos Sergio (Delpont) e mais eu para facer crónicas desde Múnich. Fixen todo o que podía facer, non teño a sensación de que me quedara unha débeda pendente.

Nos Xogos da Amizade de San Petersburgo. en 1994. EP
Nos Xogos da Amizade de San Petersburgo. en 1994. EP

Pasemos ao Breogán, cal foi o mellor xogador para Ovidio González?
Hai moitos, pero se teño que dicir o xogador de máis calidade que vestiu a celeste, para min foi Dzanan Musa. Eu isto téñoo discutido nos mamoneos estes de Twitter hai dous anos que se era mellor Musa ou Charlie Bell ou Perasovic, eu sempre defendín que a nivel individual, como xogador con recursos ningún foi como Musa. Agora, se me dis con quen te quedas da historia, quedaríame con moitos. Por cariño e co corazón quedaríame con Manel Sánchez e Tito Díaz, porque son parte da historia do Breogán e foron participantes activos dunha historia moi importante do Breogán. Pero por calidade, Musa.

Atreveríase a dar un quinteto histórico do Breogán?
Eu metería a Tito (Díaz) e a Manel (Sánchez), metería a Musa de tres e logo habería moitísimos xogadores para o xogo interior, pero eu vou unir calidade e sentimento, apego e arraigo. Por iso metería a Jimmy Wright de catro e no cinco, seguramente, aínda que tivo moi mala sorte, Wilfred King, que foi un tipo que me parecía tremendo. Agora, podes meter cen mil. Meto a catro da miña época gloriosa e poderíanse meter moitos máis e moi distintos, pero estes para min son xogadores que me impactaron.

Como foi o voltar ao Pazo como afeccionado tras tantos anos facéndoo como xornalista?
Irrecoñecible, xa che digo (ri). Eu son un tipo moi analítico en todo, pero no Pazo non eres analítico. Son un tipo que se levanta no partido, que berra. Nunca me metín cun árbitro, nunca. É algo que non podo entender en ningún deporte. Pero eu no Pazo non vexo os partidos. Cando volto á casa, á Mariña, se a derrota foi moi fastidiada, non, pero se non, vexo de novo o partido coa miña parella para ver o que sucedeu. Ana e máis eu vemos o partido, o que pasou, analizamos e estas cousas, pero no Pazo son un tipo apaixoado, que se meten unha canasta levántome, movo os brazos, e se o tipo falla cágome na súa puta nai. O que non puiden facer durante case toda a vida fágoo ahora. As patadas que tiña que dar por debaixo da mesa cando as cousas non iban ben agora fágoas diante de todo, porque non tiña ese corsé e sae para fóra.

Con que ambiente te quedas, co do Municipal nos 80 e 90 ou co do Pazo agora?
O Pazo agora é moi divertido. Antes o Municipal tamén, tiña unha historia, co fume e demais, pero isto está case máis no mito. Quédome co Pazo actual, que é moi divertido. Non me gusta moito esa sensación que hai que o que gaña os partidos é o Pazo, porque iso non é certo, os que gañan ou perden os partidos son os xogadores, nin sequera un adestrador o fai. O que si ten o Pazo é un efecto importante nos xogadores, porque se senten arroupados cando as cousas van mal. Gústame moito a festa que se dá no Pazo. Isto é algo que ten Lugo e que non hai en moitos sitios e que é algo que hai que mimar e conservar.

Como breoganista pensaba que vería de novo o clube en Europa?
Non. Tampouco sei se este ano é o mellor para voltar a Europa, as cousas como son. O que non se pode facer tampouco é renunciar, pero se cadra chega un ano antes do que debera. Coincido coa análise marabillosa que fixo Paco (Basanta) no Progreso, como todas as que fai, na que dá un dato fundamental: o Breogán se mantén a categoría vai ter de orzamento preto de 200.000 e 300.000 euros máis, co que iso significa, porque acabas de pagar cousas que estás pagando. Ao mellor este ano non era o ano para andar disperso. Pero eu non pensaba que se voltaría a Europa. Eu son de carácter pesimista, como din que somos os galegos, e por iso non contaba con estar en Europa, pero de todos os xeitos estou moi ilusionado coa volta. Teño sacado o abono da BCL, como mínimo irei a un desprazamento e estamos a ver se podemos ir a Turquía, porque en Turquía nunca estiven. A Tel Aviv non voltaría, pero a Turquía si e estamos aí para ver se podemos ir aló co equipo, porque isto só se vive unha vez. Non contaba que isto viñera así, porque isto é unha milagre e co diñeiro que manexamos ninguén podía imaxinar que isto fora a pasar. Por iso ás veces parécenme moi inxustas cousas que les nas redes, aínda que sabemos o que son as redes. Antes falabas do partido nos viños e agora falo en Twitter e xa está.

Comentarios