"Antes ríanse de nós por falar galego"

17 de maio, Día das Letras Galegas
Xosé Filgueira Valverde
photo_camera Xosé Filgueira Valverde

É curioso que todo o contacto que tiña co galego vivo eran os alumnos internos que había en BUP e COU -son un dinosaurio, igual ca miña nai cando me falaba de reválidas-, e que estaban claramente diferenciados do resto, para confirmar aquela afirmación de meu tío de que «era de paletos» e só o falaban os rapaces que viñan da aldea, que tiñan animais na casa, que non «avanzaran»... dáme vergoña dicilo, pero todo parecía indicar que era así, eran menos. Digo que é curioso porque falando estes últimos anos cunha amiga e compañeira que viviu onda min e estudou comigo, ela non é consciente de que na cidade onde viviamos ninguén falase en galego nos comercios, na escola, pola rúa... porque na súa casa si falaban en galego.

Belén Reguera / Lugo

Actualmente, xa se eliminou o complexo de inferioridade, antes ríanse de nós por falar galego. O cultivo do galego avanzou moito e os mozos non teñen ese complexo esterilizador. Agora o reto é integrar a lingua galega na vida común de todos porque é unha herdanza. Antes o 90% da xente do campo falaba galego e tentaba ocultar a súa realidade expresiva. Eu sufrino tamén, moito, e por iso tamén aprendín moi ben o castelán, e vivín sempre no exilio soñando unha Galicia ideal. Temos que lembrar que a gran creación ao longo de mil anos de historia foi construír a nosa lingua, e sería horrible que se perdese. A xeración que o permitise sería culpable ante a historia.

Basilio Losada / Santa Comba / A Penaboa / Láncara

Tamén teimaba moito niso de falar o castelán cando viña o inspector. Así é que aos que nos tocou vivir aqueles tempos eramos galegos eivados (é un dicir); eu aprendín a escribir (isto tamén é un dicir) e ler en galego despois de saír de Galicia, pero nunca é tarde se...

Vicente Touzón / O Courel

Fui obligado y forzado a aprender castellano bajo severos castigos, en aquella mi infancia, escolarizado en un colegio de religiosos los cuales nos castigaban por cada frase que se nos escapaba en idioma gallego y el castigo era doble, pues te obligaban a escribir toda la libreta con la frase «no debo hablar en gallego porque es idioma de pobres».

Xesús Basanta Martínez-Xesús do Breogán / Foz

A miña época de Lugo foi de moi pouca información. A propia obra de Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Pondal coñecina en Bos Aires. A miña primeira curiosidade galeguista callou e fortaleceuse destoutro lado do mar. En Lugo pouco galeguismo había, e coido que aínda hoxe segue sendo así.

Manuel Meilán / Lugo

Miña nai e a miña tía Amparo falaban en galego entre elas. Os demais falaban en castelán. Meu pai falaba castelán. En realidade comecei a falar galego cando estiven en Londres. Todos os galegos que había aí falaban galego. E en Madrid, onde tiña o meu taller en Ópera, na calle Escalinata. Alí había moi bos sitios galegos. Un panadeiro que era moi amigo meu tiña a Boutique do Pan e dicía: «Os galegos somos os máis listos porque somos capaces de vender o pan máis caro co xamón. Encargoume pintarlle todo aquilo, pero non se paraba de calor».

Alfredo Labajjo Grandío / Lugo

Ollando a obra de meu pai (Fernando Pérez Barreiro) e o que el contaba da súa vida decatábame de que no seu Viveiro natal de comezos do século pasado falaba galego practicamente todo o mundo. El nacera no seo dunha familia relativamente acomodada e profesional, e viñera a Ferrol no vinte e tantos para dirixir El Correo Gallego, que daquela se facía alí, e exercer de abogado.

Fernando Pérez Barreiro Nolla / Viveiro

Nazo en Viveiro e vivo alí ata os 3 anos. A esa idade lévanme para Valcarría, unha aldea de aquí próxima. Alí acudo á primeira escola. Lembro que o mestre era andaluz e polo tanto o ensino era en castelán aínda que eu xa o falaba desde o principio porque miña nai era madrileña e en casa falabamos castelán. Curiosamente eu comezo a falar galego en Madrid.

Ángel Rodríguez Vázquez / Viveiro

Dona Sagrario ensinábanos mesmo o galego, aínda que non se podía. Cando viña o Nadal, ensinábamos galego. Procuraba que nesas datas leramos en galego. Faciamos versos e cancións para recitar logo na Noiteboa. Nesas datas iamos a igrexa e recitabámolas. Ela buscaba sempre algo para que nos concienciáramos sempre do galego. Entre nós falabamos sempre galego, pero cando viña alguén extraño, dirixiamonos a el en castelán.

Antonia Casas Baltar / San Ciprián / Cervo

A pequena educárase en inglés e español nos Estados Unidos, pero Sonia fala con ela en galego porque para seus pais é moi importante que non perda ningún vínculo con Galicia, e menos o da lingua. Lémoslle libros en galego e tentamos inculcarlle os costumes galegos para que nunca se sinta estranxeira cando volte.

Sonia Villapol Salgado / A Pastoriza / Washington

Na época das Mocedades había que falar ás agachadas, pero o problema lingüístico non era o mesmo. O hábito de falar galego estaba, aínda que moitos falaban en castelán por complexo. Pedir un café con leite en galego era para moitos petardismo social e só uns poucos camareiros sabían que un cuba ceibe era cola e augardente. Falabamos galego, editábanse libros en galego... e non se plantexaba o problema da súa desaparición.

Antón Moreda / Castro de Ribeiras de Lea

Queremos que os alumnos de hoxe saiban o que era antes a escola e con que medios estudabamos. Que se poida falar galego agora é unha marabilla para os rapaces, é o noso e como mellor nos podemos explicar.

Arsenio Romero / Xermade

Antes de marchar á mili, no 52, había un suscritor no pobo que tiña El Progreso, e eu era o lector do Pelúdez. Collera tan ben o galego que eu facía meu o de Trapero. Xuntábanse debaixo dun pomar onde viñan todos e José Manuel era o que leía a Trapero. Algún dicía: «Carallo, pero se aínda estiven eu onte alí e mirei se os vía e non os vin». Porque andaran polo mesmo sitio. Agora non entendo o galego que se fala.

José Manuel Pol Herbón / Adai / O Corgo

Recordo que había unha colección moi barata que se chamaba Los Poetas, na que se publicaban fundamentalmente antoloxías de poetas de todo o mundo. Un día atopei nunha librería un libriño daquela colección que se titulaba ‘Antología de poetas gallegos’, asinada por Álvaro de las Casas e merqueina por curiosidade, atraído polo feito de que se tratase de poesía galega. Foi a primeira vez que lin algo no noso idioma. A antoloxía iniciábase co poema de Rosalía que comezaba cos versos «¡Padrón...! ¡Padrón...! Santa María... Lestrove... ¡Adiós! ¡Adiós!».

Ramón Piñeiro / Lugo

A mí me han chupado la sangre las editoriales. No me han pagado ni este último libro, que lleva cuatro ediciones. Y además está lleno de faltas. Faltas diglósicas. Aquí la gente comete diglosia porque se está traduciendo del gallego al castellano. No habla su propio idioma. El gallego que se habla ahora no me gusta. Yo hablaba castrapo, como Rosalía. Esa jerga mezclada con el castellano le va muy bien. Todos los idiomas deben mezclarse entre ellos.

Carlos Oroza / Viveiro

Más en Deporte Local Lugo
Comentarios