Ana González: "Os tramos de asfalto non foron tan duros, pero no adarve baixei o ritmo"

A atleta do Hospital Polusa sentiuse: "cómoda na carreira, pois corrín nun grupo e sabía que estaba na primera posición"
Ana González Margaride, gañadora do I Medio Maratón Cidade de Lugo
photo_camera Ana González Margaride, gañadora do I Medio Maratón Cidade de Lugo

ANA GONZÁLEZ MARGARIDE, a gañadora do primeiro Media Maratón Cidade de Lugo-El Progreso, conta aos seus 42 anos cunha ampla experiencia en carreiras populares de Galicia e Asturias. A deportista pontenovesa, irmá do coñecido atleta Tito Margaride, sentiuse cómoda na carreira. "Os tramos de asfalto non foron tan duros como temía. De calquera xeito, procurei levar un ritmo constante, que só baixei no adarve da muralla, de maior dureza, no que me deixei ir", comenta a corredora do Hospital Polusa.

Foi sempre na cabeza da proba feminina. Iso é sinal de que se adaptou ben ao circuíto...
Correr arredor da muralla foi levadeiro, aínda que ao dar varias voltas desoriéntaste un pouco. Tiven que preguntar se había que seguir no circuito ou non. O problema estivo na subida desde a catedral á zona da estación de autobuses polo adarve. Foi tremendo. Esa volta había que tomala con calma.

"Foi unha auténtica festa do atletismo lucense e hai que tratar de consolidar a proba"

Apostou por correr en grupo?
Si. Fun con varios compañeiros de adestramento. É algo que che axuda a ser máis constante e se nalgún momento estás mal axúdanche a continuar. Sabía que ía primeira no apartado de mulleres e o importante era chegar ben. 

Que sensacións lle deixa esta primeira edición do Medio Maratón Cidade de Lugo-El Progreso?
Foi unha auténtica festa do atletismo e hai que tratar de consolidar a proba, aínda que lle quitaría a subida á muralla. Pode que sexa rechamante e orixinal para os de fóra, pero é moi dura. Sería mellor incluír rúas dentro do trazado, para evitar dificultades no tráfico, e reducir se cadra ás voltas á muralla, pero todo depende das posibilidades de infraestrutura para facelo. 

Esta tempada está a ser unha asidua ao podio...
Levo uns cantos triunfos en carreiras populares. Vou a moitas da provincia e a algunhas do resto de Galicia. Aínda que debería adestrar algo máis polo meu tramo de idade, que é veteranas B, os resultados son satisfactorios.

Más en Deporte Local Lugo
Comentarios