martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

O 43º Rallye San Froilán honra á súa alma máter: Carlos Íñiguez

Carlos Íñiguez. SEBAS SENANDE
Carlos Íñiguez. SEBAS SENANDE
O recente pasamento da persoa sen quen sería imposible entender o automobilismo en Lugo deixa un fondo baleiro

O Rallye San Froilán remonta as súas orixes ao xa afastado ano de 1978 e desde entón supón un escaparate perfecto para unha chea de novos pilotos ao darlles a oportunidade de darse a coñecer, ademais de promocionar este deporte nunha provincia que conta cun bo número de probas automobilísticas. 

Máis de catro décadas despois, o Rallye San Froilán afronta unha nova edición marcada polo loito. O recente pasamento de Carlos Íñiguez, a persoa sen quen é imposible entender o automobilismo en Lugo. Recoñecido como a Autoridade por pilotos do prestixo de Antonio Zanini, foi un dos fundadores da Escudería Miño aló polo 1969 e sempre será a alma mater dun rallye ao abeiro do cal medraron e se forxaron grandes pilotos. 

Quen foi un dos fundadores da Escudería Miño concibiu o rallye como dinamizador

Hai sete anos Íñiguez escribía en El Progreso: "Convén recordar que a celebración do rallie, á parte de ser un grande espectáculo para o público e afeccionados, e da difusión que se efectúa por toda España e o resto do mundo grazas a internet, repercute no comercio lucense (capital e provincia) en cifras que superan amplamente o millón e medio de euros. Somos un deporte que xera diñeiro para Lugo, polos milleiros de persoas que veñen a gozar do rallie dende o resto de Galicia e outras comunidades". 

Hai 11 anos Íñiguez xa conseguira que o número de pilotos vencellados á Escudería Miño fose o máis importante de España (ningunha outra escudería nacional, Race e RACC incluidos, tiveran nunca tal número de equipos en activo), e a súa paixón motivou que grazas ao incremento da capacidade organizativa do colectivo lucense fose posible organizar probas de distintas categorías, incluidas a Subida Muralla de Lugo, en montaña. 

Mayte Vilanova asegurou ao coñecer o falecemento que o rallye "será un tributo" a Íñiguez

Con todo, poida que entre todos os seus logros destaque a valentía de artellar que o Rallye San Froilán deixase de ser puntuable para o nacional por iniciativa da Escudería Miño, xa que naquel entón as esixencias económicas eran desorbitadas e cando se decidiu pasar ao galego, no nacional saían sobre 60 coches e no rexional 120. Fíxose así e o rallye non se resentiu organizativamente e segue a un gran nivel. 

A actual presidenta da Escudería Miño, Mayte Vilanova, explicaba o xoves o sentir pola perda de Íñiguez. "Estamos afectadísimos pola súa perda. A el non lle gustaría que cambiásemos nada e todo será un tributo". A bo seguro será así e os participantes darán o mellor de si nos treitos de Outeiro de Rei (12,38 quilómetros), Friol (10,4 quilómetros), O Corgo (12 quilómetros), Sarria (11,6 quilómetros) e Láncara (10,8 quilómetros), con dúas pasadas en cada un deles.

O 43º Rallye San Froilán honra á súa alma máter: Carlos Íñiguez
Comentarios