Unha pelexa entre pais obriga a suspender un partido de prebenxamíns en Pontevedra

Sucedeu nun encontro entre a AJ Lérez e a EFB Moañesa ► O colexiado suspendeu o o encontro ante a batalla campal na bancada

Unos niños en el campo de A Xunqueira. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera Unos niños en el campo de A Xunqueira. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

Unha vez máis o mundo do fútbol quedou manchado pola violencia nos terreos de xogo, pero non entre xogadores senón entre pais. Na mañá do domingo disputábase no campo da Xunqueira un encontro de categoría prebenxamín que enfrontaba á Asociación Xuvenil de Lérez e a Escola de Fútbol Base Moañesa.

O partido tivo que se suspendido no minuto 20 debido a que nas bancadas do campo produciuse unha batalla campal entre os pais dos dous equipos que obrigou ao colexiado Alexander Vázquez Castro a deter por completo o partido.

Segundo explicou José Carlos Rodríguez Mele, presidente da AJ Lérez, o incidente comezou debido a que "unhas nais da Moañesa estaban de pé apoiadas nos valos que separan a bancada do terreo de xogo e algúns pais pedíronlles se se podían sentar xa que non vían e unha mala contestación dun pai desencadeou a discusión".

Mele: "Unha mala contestación entre pais de ambos os equipos desencadeou a discusión"

O peor grolo disto levárono os nenos que se atopaban disputando o encontro e viron como os seus pais comezaban a pegarse e insultarse, algo que posiblemente non esquecerán. Alberto Ron, técnico da AJ Lérez Prebenxamín, explicou que "os nenos comezaron a chorar e a porse moi nerviosos, eu apenas puiden ver que estaba a pasar na bancada por que me dediquei a sacar aos nenos de alí para que non visen o lamentable incidente".

Unha auténtica batalla campal entre pais de nenos de 6 e 7 anos que tiveron que observar como un día de fútbol convertíase nun auténtico pesadelo, con cabezazos, golpes, insultos e incluso algún ferido debido á intensidade do incidente.

Ron: "Os nenos comezaron a chorar e a porse moi nerviosos"

O colexiado decidiu suspender o encontro en canto deuse conta de que a situación era grave xa que unha simple discusión terminou cunha "batalla entre 10 ou 15 pais", tal e como destacou Vidal Araújo, o delegado de árbitros da zona de Pontevedra que quixo engadir que "o colexiado apenas puido ver o que pasaba xa que cando comezou a escoitar balbordo e viu o que estaba a ocorrer, atopábase xunto co delegado da Moañesa atendendo ao gardameta que sufrira un golpe".

Accións como estas son as que se condenan día a día desde as institucións e equipos de fútbol porque ensucian a imaxe do deporte e prexudican aos xogadores, sobre todo nun caso onde os protagonistas apenas teñen 7 anos. Escenas vergoñosas que deben desaparecer do mundo do deporte e que, por desgraza, aínda se seguen vendo, en ocasións cos xogadores como protagonistas e noutras, como a de onte na Xunqueira, cos pais, pero onde ao final o foco de atención céntrase na violencia e non no deporte.

Comentarios