O ex NBA Craig Hodges chega a Santiago tras concluír o Camiño Portugués da Costa

O dúas veces campión da competición americana peregrinou participando na iniciativa O Camiño remata en Obradoiro
Craig Hodges, na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. XOÁN REY (Efe)
photo_camera Craig Hodges, na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. XOÁN REY (Efe)

O exxogador da NBA Craig Hodges e campión da competición cos Chicago Bulls de Michael Jordan, con quen gañou dous aneis en 1991 e 1992, chegou este xoves a Santiago de Compostela tras concluír a ruta do Camiño Portugués da Costa, que iniciou hai uns días.

Hodges foi recibido na Praza do Obradoiro polo propio alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e varios membros da corporación municipal compostelá.

O exxogador foi o protagonista principal da VII Edición da iniciativa O Camiño remata en Obradoiro e realizou os últimos tramos da ruta desde o 29 de agosto pola súa vertente costeira desde A Ramallosa, entre Baiona e Nigrán, pasando por Redondela, onde enlazou cara a Santiago.

A iniciativa está organizada polo club de baloncesto Monbus Obradoiro, co fin de atraer a unha figura desta disciplina para percorrer distintas etapas do camiño e promovela entre deportistas e afeccionados.

En anteriores edicións participaron os xogadores Terry Porter, Juan Antonio Corbalán, Nikos Galis, Aza Petrovic, Amaya Valdemoro e José Manuel Calderón.

A cita, segundo destaca a Xunta, busca converterse en referente na unión da promoción do deporte e do Camiño de Santiago, ademais de promover os valores relacionados coa solidariedade e o esforzo.

Ademais de ser un dos mellores tiradores da historia da NBA e un dos primeiros xogadores en gañar tres veces consecutivas o concurso de triplos da NBA, do que ostenta a marca, Hodges destaca pola súa loita polos dereitos dos afroamericanos e o seu activismo político neste ámbito.

Comentarios