Youtubeiras repartirá un total de 7.500 euros en premios

Os premios establecen oito categorías, tamén a do público. O prazo de presentación está aberto ata o 15 de novembro. A iniciativa ten detrás a doce concellos, incluído Pontevedra, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña
Representantes dos concellos implicados e da UVigo esta mañá en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Representantes dos concellos implicados e da UVigo esta mañá en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Os Premios Youtubeiras veñen de abrir o prazo de inscrición da súa sexta edición, na que repartirán 7.500 euros en premios, incluida a do público, dotada con 500 euros. As demais, con 1.000 euros cada unha, serán canle, yotubeiro/a, youtubeiro/a revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro e rede. Poden presentarse propostas ata o 15 de novembro e a entrega terá lugar nunha gala en xaneiro. Este ano volverán admitirse as canles que só teñan un vídeo público.

A iniciativa foi presentada na mañá deste martes en Pontevedra polo concelleiro de Normalizcación Lingüística, Alberto Oubiña, e unha representación dos outros concellos implicados: Ames, A Baña, Carballo, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo. Tamén estivo a vicrreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, Susana Reboreda, pois tanto a UVigo como a USC e a Universidade da Coruña forman parte da organización, así como a Deputación da Coruña.

Para rede a nosa é o lema desta edición, que busca "consolidar e ensanchar a comunidade creadora na nosa lingua na Rede", subliñou Oubiña. Este obxectivo únese aos que estaban detrás do nacemento de Youtubeiras en 2017: fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.

Así mesmo, apuntou, quérese reforzar a formación e abrir novos espazos de aprendizaxe especializada para fomentar "temáticas aínda pouco tratadas a día de hoxe en galego en Youtube e visibilizar a creación no Youtube na nosa lingua", así como "incentivar a súa profesionalización".

XURADO. Na presentación desta mañá tamén se fixo pública a composición do xurado que decidirá os premios en sete das oito categorías: Olaxonmario, gañador da edición anterior na categoría youtubeiro do ano; Mónica Fernández Valencia, técnica de Normalización Lingüística de Ourense; Carmen Nieto, formadora no eido das novas tecnoloxías; Elvira Nercellas, integrante do Grupo por unha Medicina galega en galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o cambio de lingua a través de Twitter en 2018.

As bases completas poden consultarse en Youtubeiras.

Comentarios