Unha ilusionada Yolanda Castaño (Santiago, 1977) colle o teléfono desde o outro lado do océano, en concreto desde o estado mexicano de Chiapas. Pero... que fai alí? O que leva facendo media vida: exparexer a poesía galega por medio mundo. "Estou moi emocionada, este galardón é un recoñecemento a 30 anos dedicados en corpo e alma ao mundo poético", relata a autora a máis de 8.000 quilómetros de distancia onde está participando no Festival Mundial de Poesía Contemporánea San Cristóbal.
En México apenas son as nove da mañá, pero asegura que o seu teléfono non deixou de sonar desde primeira hora. Recoñece que cando lle notificaron o premio a pillou por sorpresa pero non era de todo inesperado. "A poesía ten moitas cousas boas, entre elas que tanto che dá como tanto che devolve, e nesta ocasión tocou devolver todos os meus anos de dedicación", comenta.
O xurado distinguiu a Castaño pola obra Materia e no seu fallo definírona como "unha poderosa proposta poética na que cada estado da materia exprésase nun ton propio". Así mesmo, os expertos cualificaron os poemas "dunha metafísica doente e orixinal, que apunta tanto á vangarda como á orixe cunha extraordinaria forza evocativa e sensorial".
Materia explora temas como a maternidade, a familia e os costumes. Unha obra moi completa que se xestou hai tempo con pequenas anotacións en cadernos, pero brotou en plena pandemia. "Estar no confinamento, en soidade e afastada da miña familia serviume para reflexionar e fíxome ver as cousas con perpectiva", confesa. Desde xeito a obra naceu "como as ás que poden representar a familia, pero tamén como todo o contrario, ese lugar de medos e complexos, de expectativas demasiado pesadas. Quería ser crítica, quería cuestionar o concepto, pero sempre desde todo o amor ao que representa a familia", detalla.
A poesía serve para ordenar sentimentos confusos e pensamentoss. Todo adquire sentido cando lle das vida nun papel"
Para a autora, a poesía galega é un pilar indispensable na súa vida. Unha paixón que descubriu con só 7 anos. "Recordo que sendo moi nena me regalaron un libro de poesía para a miña idade. Comecei a lelo e chamoume moito a atención ese peculiar xeito de expresarse".
Esa paixón calou fondo nesa nena, e seguiu medrando paseniñamente, ata que só con 17 anos (1995) publicou o seu primeiro poemario Elevar as pálpebras polo que recibiu a súa primeira distinción: o premio Bouza Brey.
Xuntar palabras, xogar con elas e darlles forma para expresar sentimentos e emocións seguen sendo o leitmotiv dunha Castaño máis madura que segue desfrutando como cando era cativa da escritura. "A poesía serve para ordenar os pensamentos, os sentimentos confusos... Todo adquire sentido cando lle dás vida nun papel. A ideas alinéanse moito mellor cando se lle poñen nome porque o que non se verbaliza parece que carece de sentido", di unha autora que confía ao cen por cen na forza da palabra.
Deste xeito, na maleta de Yolanda Castaño nunca falta a súa poesía. Leva percorrido máis de 40 países para difundir os seus versos escritos en galego, "un idioma que me fai ir polo mundo coa cabeza ben alta", recalca unha autora que xa é unha das máximas representantes da nova poesía contemporánea galega.
Cunha prolífica traxectoria, a santiaguesa suma agora ao seu palmarés o Premio Nacional de Poesía, que a converte na terceira autora galega que o recibe — Pilar Pallarés (2019) e Olga Novo (2020)—. "Non creo que poida aspirar a nada máis. Foi un soño", conclúe unha Yolanda Castaño desde México, onde sigue facendo o que máis lle gusta: darlle sentido ás palabras.