Yellowjackets regresan ao Festival de Jazz de Lugo despois de 14 anos

A banda californiana actuará na XXVIII edición deste evento, que se celebra entre os días 10 ao 18, e que contará con 19 actuacións

Presentación do Festival de Jazz de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Presentación do Festival de Jazz de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

O Festival de Jazz de Lugo ten por norma tácita evitar contratar artistas que xa estiveran no certame, como explicou onte Alberto Grandío, organizador xunto con José Luís Díaz. Os Yellowjackets xa actuaran na edición do 2004, pero volverán este ano por ser unha vella querencia dos promotores. Actuarán o día 17.

Nas 28 edicións do certame o argumento máis repetido por Grandío e Díaz para razoar como organizan un certamen de calidade cun orzamento mellorable é "aproveitamos que andan por Europa". Os Yellowjackets tocarán no Círculo das Artes de Lugo o día 17, tras facelo na véspera en Hilversum (Holanda) e ao día seguinte en Madrid. Segundo puntualizou Alberto Grandío, "en Madrid aproveitaron que viñan a Lugo".

Outras pezas destacadas deste puzzle que completan cada novembro serán o "saxofonista mítico" Charles MacPherson (día 13) e a pianista australiana Sarah McKenzie (día 18). Ambos soarán no Círculo e forman parte dos 19 concertos que se desenvolverán entre os días 10 e 18.

Os concertos no Círculo de las Artes costarán 12 euros e haberá un abono para todos de 70 euros

Polo escenario principal, o Círculo das Artes Escenario 1906, pasará Antonio Lizana Group (día 11), un saxofonista, cantador, compositor e arranxista granadino que recorre ao jazz e ao flamenco para enrriquecer o seu son. Interpretará temas do seu novo disco, "Oriente".

O día seguinte chega a quenda de Nani García (A Coruña,1955), que preparou un "proxecto especial" para o festival lucense nun trío ampliado pola Banda Municipal da Coruña, que achega quince músicos, para interpretar "Audiovisualismo", unha composición do propio García.

David Murray estará nese aforo o día 14. Dará paso ao día seguinte a Fabrizio Bosso, un italiano que lidera un proxecto internacional. O día 16 actuará Zuperoactive, o novo combo de Gilad Hekselman.

O club Clavicémbalo acollerá concertos con presenza galega, que comenzarán co lucense Marcos Pin (día 10) á fronte da Jazz Orchestra, que dirixe con Pablo Castanho. O músico de jazz manouche Django Reinhardt será homenaxeado por David Regueiro o día 12, o mesmo que fará Kike Mora coa música de Marcus Miller o día 17. Polo Clavicémbalo pasarán tamén Javier Navas (día 13), Moisés P. Sánchez (día 14) e Natanael Ramos (día 15). Tamén visitarán esta sede Albert Ciera & Tres Tambors e Juyma Estévez o día 16. Ao día seguinte desenvolverase o concerto de Saxophobia Funk Project.

O programa complétase co concerto de Eva Fernández na Casa do Saber o día 12. Esta artista traballa sobre a poesía de Alfonsina Storni, Alejandra Pizarnik e Julio Cortázar.

A maiores e fóra do festival, Marcos Pin actuará tamén o día 11 e Rafa Fernández farao o 18. Ambos os dous no Vello Cárcere.

Dous músicos impartirán clases maxistrais. Cristina Mora falará de jazz o día 14 no Vello Cárcere, mentres que a charla de Gilad Hekselman desenvolverase o día 16 no Centrad.

O Festival de Jazz terá tamén a súa parte audiovisual con películas os días 14 e 15 no Ho! Gruf, no que os días 16 e 17 haberá sesións de jazz a cargo de Señor Blas. O mesmo local será a sede para un vermú con Nastasia Zürcher.

Os concertos no Círculo de las Artes costarán 12 euros e haberá un abono para todos de 70 euros. As actuacións do Clavicémbalo terán un prezo de entre 5 e 10 euros. O acceso á Casa do Saber será gratuíto.

Ademais de Alberto Grandío e José Luis Díaz participaron na presentación a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; a deputada provincial de Cultura, Pilar García Porto, o director de Agadic, Jacobo Sutil, e o "brand manager" de 1906, Víctor Mantiñán.

Comentarios