O XXVII Premio Literario San Clemente galardoa a Sica Romero, Brenda Navarro e Nell Leyshon

O xurado, conformado polo alumnado de 10 centros de ensino de Galicia, de Madrid e de Europa, fixo público este martes en Santiago o fallo deste certame organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro
Ubaldo Rueda, Valentín García, Xabier Mouriño e o alumnado encargado de ler o fallo. EP
photo_camera Ubaldo Rueda, Valentín García, Xabier Mouriño e o alumnado encargado de ler o fallo. EP

O XXVII Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela coa colaboración da Xunta a través da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, fixo público este martes o fallo dos xurados nas tres categorías que distingue o certame: novela en lingua galega, novela en lingua castelá e novela en lingua estranxeira. O acto contou coa participación das voceiras escollidas polos respectivos xurados, así como  do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; do director do IES Plurilingüe Rosalía de Castro, Xabier Mouriño, e do presidente da Asociación Cultural Instituto Rosalía de Castro e antigo director deste centro compostelá, Ubaldo Rueda. 

Na categoría de novela en galego o título premiado foi Avelaíñas eléctricas (Nêspera editora), primeira novela de Sica Romero (Carnota, 1995), ficando de finalistas Os seres queridos, obra de Berta Dávila editada por Xerais e Ninguén queda, de Brais Lamela, publicada polo selo Euseino? A decisión do xurado foi comunicada por Natalia Edrosa Crecente, do IES Terra Cha José Trapero Pardo, de Castro de Rei, e Imane Harak, do IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia. 

Da novela premiada, o xurado destacou a súa capacidade de "concentrar" nunha soa obra unha "gran variedade de temas de actualidade" e a aposta da escritora Sica Romero por "romper prexuízos" ao empregar o seseo e mais a gheada con naturalidade, convertendo o "dialectalismo" en  ferramenta literaria. Para o xurado, Avelaíñas eléctricas é "unha obra próxima á realidade da xente nova". 

Na categoría de novela en castelán, a obra premiada foi Ceniza en la boca, título de Brenda Navarro (Cidade de México, 1982) editado por Sexto Piso. Quedaron de finalistas Obra maestra (Anagrama), de Juan Tallón, e Lo demás es aire (Seix Barral), de Juan Gómez Bárcena. Actuaron de voceiras deste xurado Shaila Larrota Acevedo, do IES Eduardo Pondal, de Santiago, e Claudia Aguilar-Tablada Martín, do IES Ramiro de Maetzu (Madrid). Da novela premiada, o xurado salientou o carácter "reivindicativo" dunha narración que permite "entrar na psicoloxía humana" e tratar "con naturalidade temas tabú". 

Na categoría de novela estranxeira, a obra gañadora foi La escuela de canto, da autora inglesa Nell Leyshon (Glastonbury, Reino Unido 1962), tamén editada por Sexto Piso. Ficaron de finalistas La autopista Lincoln, de Amor Towles (editorial Salamandra), e La promesa, de Damon Galgut (Libros del Asteroide). Como voceiras, interviñeron Paula Nieto Negreira, do IES Terras de Xallas, de Santa Comba, e Martina Couso Izquierdo, do IES Rosalía de Castro de Santiago. O xurado destacou a "óptica humana e natural" coa que se aborda o feminismo neste título ambientado na Inglaterra de 1573. 

Centros de ensino participantes

No Premio San Clemente cada ano actúan como xurado o alumnado do propio IES Rosalía de Castro e tamén de centros de ensino convidados das catro provincias galegas, así como tamén do exterior da comunidade autónoma. O alumnado que conformou  os tribunais deste 2023 procede dos seguintes centros: IES Laxeiro, de Lalín (Pontevedra); IES da Terra Cha José Trapero Prado, de Castro de Rei (Lugo); IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia (Ourense);  IES Terra de Xallas, de Santa Comba (A Coruña); IES Eduardo Pondal, de Santiago de Compostela; IES Plurilingüe Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela, e IES Ramiro de Maeztu (Madrid). 

Tamén foron convidados neste 2023 os alumnados das seguintes institucións europeas: Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), Hockerill Anglo European College de Londres (Reino Unido), e Grimmelsahusen Gymnasium de Gelhausen (Alemaña).