O XV Hectómetro Literario renderalle homenaxe ao "creador total" Víctor Corral

Xermolos e a Irmandade Manuel María elixiron para o 2021 o escultor de Baamonde, que elaborará a súa peza
Víctor Corral. JAMY CORRAL
photo_camera Víctor Corral. JAMY CORRAL

O XV Hectómetro Literario do Paseo dos Soños xa ten dono. O prolífico escultor Víctor Corral é o elixido pola asociación Xermolos e pola Irmadade Manuel María como titular de cen metros de paseo á beira do río Magdalena de Vilalba, preto da capela e do vello muíño homónimos.

"Pensamos que o merece polo agarimo que lle ten á Terra Chá e pola súa significativa obra", indica o coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, que define ao homenaxeado coma un "creador total", cuxa mestría se pode ver na súa casa museo de Baamonde ou nas múltiples obras que ten repartidas por distintos lugares do mundo, sen que falten na súa benquerida Terra Chá, coma as queixeiras de San Simón de Vilalba, a augueira do San Alberte ou a virxe do castiñeiro de Baamonde, tallada para evitar que o talasen.

"Vou colocar unha columna de granito cunha pomba de broce", adianta o homenaxeado, que decidiu asumir a responsabilidade de darlle forma ao seu propio monolito, decantándose por unha ave representativa da súa obra e do espírito que sempre imperou nas creacións deste escultor, pintor, poeta e humanista chairego de 83 anos.

O Paseo dos Soños incorpora un novo Hectómetro cada ano e dende Xermolos confían en que en 2021 poidan organizar o acto de homenaxe a Víctor Corral "con toda a solemnidade de sempre".

FERNÁN VELLO
O monolito, á espera do acto

O XIV Hectómetro Literario do Paseo dos Soños, correspondente á homenaxe do ano 2020, lembra o labor do poeta e editor cospeités Miguel Anxo Fernán Vello. O acto de inauguración tivo que adiarse xa dúas veces por mor da pandemia, aínda que na segunda convocatoria, fixada para o 24 de outubro, xa quedou colocado o monolito, obra de Valdi.

Un libro aberto
Xermolos confía en poder organizar un evento para presentar a peza, un libro aberto de aceiro que recolle unha caricatura do escritor, un fragmento dun poema, o contorno da Lagoa de Cospeito e un pentagrama.

Comentarios