lunes. 25.05.2020 |
El tiempo
lunes. 25.05.2020
El tiempo

Xurxo Souto: "Entendo este premio como unha dstición colectiva ao afán regaleguizador do bravú

Xurxo Souto. AEP
Xurxo Souto. AEP
O músico e escritor recolleu este sábado en Láncara o premio Ramón Piñeiro Facer País, polo seu labor a prol da cultura galega. O galardón, convocado pola asociación Val de Láncara, entregouse, en Carracedo

O MUNICIPIO de Láncara acolle hoxe a entrega do premio Ramón Piñeiro, Facer País a Xurxo Souto, un contador de historias a través da música e da literatura.

Que supón este recoñecemento?

É unha sorpresa, pero un sentimento de gratitude infinita porque simplemente con ver a listaxe de persoas premiadas é unha mensaxe da importancia deste premio e tamén queda patente o escaso dos meus méritos.

O xurado destacou o seu traballo reivindicando a lingua e a cultura, difundindoa entre a xuventude.

Se ten sentido este premio non é a nivel individual, é a nivel colectivo. Cando me dixeron o do premio, pensei na dimensión colectiva e no de facer país, que me levou ao meu mestre, Manuel María. O seu proxecto era precisamente facer país, toda a súa obra, todo o seu compromiso, é unha descuberta deste país para compartir a nosa riqueza e creatividade con outros pobos do mundo. Era o proxecto de Manuel María e é o proxecto que tamén intento facer, con moita humildade, coñecer esta parte do mundo porque penso que o único xeito de ser realmente cosmopolita é principiar coñecendo a parte do planeta que tes diante do fociño, Galiza. Nese sentido de colectividade do premio, formo parte dun grupo de persoas que hai 25 anos decidimos crear o bravú, reivindicando o galego coma unha música para a xente nova. Naqueles tempos había un discurso moi tendencioso, que dicía que o galego está moi ben para a música tradicional e folk, pero no rock non tiña sentido. Diante dese tabú escuro formouse un grupo de rapaces que nos xuntamos en Chantada e empezamos o bravú. Por iso entendo este premio como unha distinción colectiva a ese afán regaleguizador das compañeiras e compañeiros.

Un escaparate foi o programa Xabarín da TVG?

Tivemos a inmensa sorte que houbo un medio que nos amplificou, que foi a TVG e o Xabarín. Hai que dicir que a TVG foi creada para promover a lingua e a cultura galega, tardou moitos anos en dar este paso cara adiante, de promocionar grupos que cantasen en galego, cando o fixo foi un ‘boom’  xeracional, de tal xeito que había rapaces que ao mellor non eran galegofalantes que agora levan o galego e esas creacións na súa impronta. Hai tamén que lanzar unha proclama crítica, desgraciadamente os grupos de agora non teñen ese amplificador, que son os medios públicos de comunicación. Cada vez que non promocionan a cultura galega está sendo un fraude para todos, porque está sendo pagado con diñeiro público.

Volvendo ao movemento bravú, conmemorarán o 25 aniversario?

Imos facer unha celebración na sala Mardi Gras da Coruña o 6 de decembro, un concerto cos míticos Rastreros de Chantada e coa Banda Xangai, grupo no que estou tocando agora e no que participamos moitas compañeiras e moitos compañeiros que comezamos a tocar xuntos naqueles anos.

Bota de menos agora un movemento coma o bravú?

Non o boto de menos porque creo que existe. Existe moita creatividade, este é un país alucinante, é algo milagroso, que este pequeno país da fin da mundo produza tanta cultura e tan diferente. O que boto de menos é o apoio dos medios públicos de comunicación. Aínda que os medios públicos de comunicación non o conten, os grupos de aquí que viaxan polo mundo son curiosamente os que cantan en galego. E nomeadamente, proxectos de mulleres, como Ugía Pedreira, Uxía Senlle, Susana Seivane, Mercedes Peón, Guadi Galego, Sés…

Ademais de músico é escritor, en que anda agora?

Falaba tanto das mulleres porque ando precisamente niso, fixen a novela ‘A gran travesía de Chiruca Macallás’, que fala do mar e as mulleres do mar. Todas as protagonistas son mulleres. A raíz de sacar o libro empecei a coñecer as músicas de traballo das mulleres do mar.

Cando presento a novela facemos unha sesión de cantos das mulleres do mar. Pensou en recoller eses cantos dalgunha forma?

Cantaron estas cancións o coro Cantarelas de Santiago e o Orfeón Mariñeiro do Berbés. A Coral Polifónica de Bueu está recollendo cancións en Bueu. Ao final, dentro dun par de anos, haberá que facer unha obra escrita ou gravar estes cantos. Por agora estou neste momento fascinante de descuberta destes cantos.

Así axuda a recuperalos.

Si, na música galega parece que estaba xa todo moi codificado, todo moi medido, pero nos cancioneiros galegos, en todos, aparece ao final unha sección de cantos de traballo, pero estes cantos das mulleres non aparecían en sitio ningún. Está nacendo aí un universo, con moita humildade, ao que ninguén lle prestou atención.

Ten algún outro proxecto?

Seguimos coa música. Temos agora a Banda Xangai, un proxecto que é como unha evolución natural do bravú, incorpora todo o poder dos metais, toda a tradición bandística e orquestral que temos aquí. Estou con Xangai, a música, a literatura e outros pequenos eventos que andamos facendo.

Vostede é polifacético.

Vivimos nun país marabilloso e non hai cousa máis linda que ter un grupo musical porque viaxas polo país. Cando viaxas e te comunicas, coñeces historias, e tes a necesidade de contalas, primeiro para min foi coa música, logo coa literatura e durante moito tempo tamén na radio. Andamos nesa ruta, é fundamentalmente expresar a emoción do coñecemento desta parte do mundo para podela compartir.

Xurxo Souto: "Entendo este premio como unha dstición colectiva ao...
Comentarios