"Ackerman tiña como a súa mellor fotografía unha exposta en Lugo"

Xurxo Martiz recolle no seu libro Meu pai, o exiliado. Seu fillo, o fotógrafo a vida do comandante Soutomaior e dun dos seus fillos, un dos mellores artistas gráficos de América Latina 
Xurxo Martiz. SABELA FREIRE
photo_camera Xurxo Martiz. SABELA FREIRE

Federico Fernández Ackerman (Ville d’Eu 1939- Caracas, 2014) foi un dos guerrilleiros do DRIL que secuestrou o trasatlántico Santa María, que partiu de Venezuela, co obxectivo de provocar a caída das ditaduras de Franco e Salazar en 1961. Era fillo do comandante Sotomaior, que liderou aquel asalto con Pepe Velo, tamén galego, e o militar portugués Enrique Galvao. Máis tarde, Ackerman abandonou a loita e converteuse nun importante fotógrafo. Xurxo Martiz rescata a súa figura e a súa obra gráfica no seu libro Meu pai, o exiliado. Seu fillo, o fotógrafo, no que tamén lle rende tributo a Soutomaior, cuxo verdadeiro nome era José Fernández Vázquez.

Que lle moveu a facer un libro sobre fillo e pai?
Fernández Ackerman era amigo meu. Tiña intención de facerlle o libro en vida, pero non puido ser. A primeira parte da obra está dedicada ao pai, ao comandante Soutomaior, que era da Pobra do Caramiñal. Debe entenderse como unha homenaxe que lle fai o propio fillo, con documentos e fotos de distintos momentos da súa vida. Parecíame importante achegarse máis á figura de Soutomaior, xa que non se editou en Galicia ningún libro sobre este personaxe, aínda que si sobre o Santa María. Foi un revolucionario cunha vida axitada, mesturada entre verdades e invencións propias del. Na segunda parte da obra recollo a biografía do fillo e fago unha escolma da súa obra fotográfica.

Pódese dicir que Soutomaior era un prototipo de revolucionario do século pasado?
Era un home de acción. Estivo escapado na serra do Barbanza e exiliouse a Francia. Marchou a Venezuela e foi instrutor da guerrilla venezolana, do mesmo xeito que outro republicano, Álvarez del Bayo, e adestrou aos revolucionarios cubanos. Estivo en Laos, Vietnam e China, como representante da revolución cubana. Estes republicanos, unha vez desbotada a idea de derrocar a Franco, metéronse nas loitas de América Latina.

"Tanto Velo como Soutomaior levaron a fillos moi novos a secuestrar o Santa María"

Chama a atención que Ackerman participase no secuestro do Santa María co seu pai?
Tanto Soutomaior como Velo meteron aos seus fillos no comando do DRIL, aínda que eran moi novos. Non é algo normal. Federico levaba ata entón unha vida aloucada e Soutomaior incitouno a facer unha cousa útil. Federico participou despois no secuestro dun segundo barco, o Anzóategui, do que conseguiu escapar, e estivo nas guerrillas venezolanas, ata que o detiveron e o condenaron a cinco anos de cárcere. Na última etapa da súa vida mantivo unha actitude máis ácrata e descrida.

Cando comezou a súa relación coa fotografía?
Ao saír da cadea estudou fotografía e desenvolveu a súa vea artística. Foi fotógrafo do Museo de Belas Artes de Caracas, onde capta a burguesía que acudía ás inauguracións. Nesas fotos xa transcende unha crítica social. Fronte aos adiñeirados reflicte tamén o traballo dos camareiros, da clase traballadora. A súa obra enmárcase dentro do documentalismo crítico. En 1995 obtivo o Premio Nacional de Fotografía e estaba considerado como un dos fotógrafos latinoamericanos máis importantes. Non só lle interesaba a cuestión artística, senón a historia da fotografía, temática sobre a que deu clase.

Por que ten Ackerman pouca soa en Galicia pese ás súas raíces?
A historia do exilio é a historia do que se perde. Tiña pasaporte español, aínda que naceu no exilio francés, e tratou de achegarse ás súas raíces. Visitou Galicia e fixo unha exposición en Lugo no 2005, onde deu unha charla, con fotos que lle sacou á guerrilla sandinista en Nicaragua. Aquí espuxo a que consideraba unha das súas mellores fotos, a dun guerrilleiro que non se sabe se está vivo ou morto. Noutras cidades galegas, como Ferrol, organizamos outra exposición sobre o pai. Federico Tamén participou na rodaxe do documental de Margarida Ledo sobre o Santa María. Xa maior, tiña pensado facer un proxecto fotográfico dos guerrilleiros das FARC, pero ao final botouse atrás. Xa non estaba para a vida na selva. A serie de Nicaragua, a do Museo ou a de Río Caribe, unha área de Venezuela cerca a Trinidade e Tobago, recóllense no libro.

Comentarios