A Xunta destaca un 2015 "intenso culturalmente" e pon en valor o Gaiás

Está dispoñible na web unha memoria cos gastos en Cultura. Rodríguez salienta a elaboración da nova Lei do Patrimonio
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, entre Anxo Lorenzo e Beatriz González Loroño
photo_camera O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, entre Anxo Lorenzo e Beatriz González Loroño

O Goberno galego fai balance das actividades culturais que levou a cabo no pasado 2015 nunha memoria coa que persegue un dobre obxectivo: dar conta ante a cidadanía de como se investiron os recursos públicos e realizar unha autoavaliación para seguir mellorando. O documento, de case 300 páxinas e que xa está dispoñible na web da Xunta para todo aquel que queira consultalo, foi presentado onte polo titular de Cultura, Román Rodríguez, no complexo do Gaiás, en Santiago.

O lugar elixido non foi casual, pois como comunicou o conselleiro, 2015 foi o ano no que se lle conseguiu dar o pulo definitivo á Cidade da Cultura. Potenciouse a súa simbiose coa capital galega cos proxectos do Bosque de Galicia e o Xardín Literario, que xunto a 192 actividades como concertos e exposicións atraeron máis de 95.000 persoas á obra de Eisenman. Unha cifra que a Xunta espera incrementar nos vindeiros anos a medida que o Gaiás se consolide como "centro de referencia mundial", explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que acompañou a Román Rodríguez e á xerente da Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, na presentación da memoria.

Segundo este documento, os museos de competencia autonómica acolleron 325.000 personas o ano pasado, sendo o máis visitado o Museo de Belas Artes da Coruña, con 64.000, gracias en parte a unha exposición sobre Picasso. Destacou Lorenzo a apertura da nova sede do Museo das Peregrinacións, na compostelá Praza de Praterías, e o feito de que cada vez se utilice máis a ferramenta dixital www.museo.xunta.es.

Unha das prioridades para o 2015, destaca a memoria, era promover a rede de bibliotecas públicas da comunidade. Con 41.000 euros para a adquisición de novos fondos e cun vangardista programa de libros dixitais, acadáronse os 203.000 usuarios o ano pasado. Algunhas das máis concurridas foron a de Lugo, con 29.668 beneficiarios, e a de Antonio Odriozola, en Pontevedra, con 33.269.

LEI DE PATRIMONIO. O conselleiro Román Rodríguez salientou, sen embargo, que o maior logro de 2015 non se expresa en cifras, senón que se plasma no anteproxecto da Lei do Patrimonio -actualmente en trámite parlamentario-, que busca "dotar de seguridade xurídica" a riqueza cultural de Galicia.

Tamén considerou un fito que a Unesco designase como Patrimonio da Humanidade os catro Camiños do Norte o pasado verán, se ben convidou a mirar cara ao futuro, no que a comunidade ten ante si dúas oportunidades de "tender pontes" con outras culturas: a primeira cita será na Feira do Libro en Bos Aires e, despois, no Womex, que voltará a Galicia en 2016.

Comentarios