Jueves. 15.11.2018 |
El tiempo
Jueves. 15.11.2018
El tiempo

A Xunta crea o premio Otero Pedrayo de ensaio sobre paisaxe e patrimonio cultural

Román Rodríguez. EFE
Román Rodríguez. EFE

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciouno este martes

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou este martes a creación, por parte do departamento que dirixe, do Premio Ramón Otero Pedrayo de ensaio sobre paisaxe e patrimonio cultural galego.

Trátase dun galardón co que a Xunta de Galicia pretende fomentar a mellora do coñecemento xeográfico e paisaxístico de Galicia desde a vertente do patrimonio cultural, á vez que se promove a investigación e a produción ensaística sobre esta materia en lingua galega, segundo indicou este martes o titular de Cultura nun acto en Amoeiro (Ourense). Da mesma forma, o premio servirá para homenaxear a figura do ilustre intelectual ourensán, polígrafo, intérprete e investigador da xeografía, o territorio, a paisaxe e a cultura de Galicia.

Román Rodríguez comunicou a creación do galardón precisamente durante unha visita ao pazo familiar de Otero Pedrayo, o de Trasalba, onde se reuniu este martes pola mañá co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, a quen lle comunicou a posta en marcha deste galardón.

O Premio Ramón Otero Pedrayo de ensaio sobre paisaxe e patrimonio cultural galego estará dotado con 5.000 euros e recoñecerá textos inéditos escritos en galego conforme á normativa vixente, en relación con labores de investigación e produción de coñecemento sobre a paisaxe e patrimonio cultural de Galicia. Para outorgalo, valorarase a orixinalidade do enfoque e os elementos de innovación e creación, a singularidade da perspectiva histórica ou metodolóxica e a calidade literaria do texto, segundo informa a Xunta nun comunicado.

A primeira edición do galardón convocarase este mesmo ano e fallarase en 2019. A el poderase presentar calquera persoa física, maior de idade, que presente un texto sobre a devandita materia, con carácter divulgativo, e cunha extensión entre os 150.000 e 450.000 caracteres, incluíndo espazos. 

O conselleiro abordou tamén co presidente do ente provincial os pormenores do convenio asinado entre ambas as partes polo que a Deputación pon a disposición da Consellería a igrexa e o mosteiro de San Pedro de Rocas para a execución de diversas actuacións de conservación e restauración, así como para a redacción do Plan Director deste ben.

A Xunta crea o premio Otero Pedrayo de ensaio sobre paisaxe e...
Comentarios