domingo. 24.10.2021 |
El tiempo
domingo. 24.10.2021
El tiempo

A Xunta avanza para declarar o museo Maside ben de interese cultural

undefined
Museo Carlos Maside, en Sada. EP
O secretario de Cultura anunciou a reforma da sede, que se atopa en Sada, e negou que a colección de arte teña sufrido un espolio ► O CCG organizou unhas xornadas de análise nas que se pediu que se converta nunha fundación porque "os bens non se privatizan"

O Consello da Cultura Galega (CCG) iniciou este luns as xornadas O Museo Carlos Maside: un patrimonio cidadán. Os participantes coincidiron en que o máis urxente é a súa protección a través da declaración de ben de interese cultural. Algo que está "moi próximo", tal e como apuntou o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo.

Os expertos deixaron claro que a titularidade do centro, que se encontra en Sada, non afecta á súa protección, pero cómpre definir ben a que debería afectar esta protecicón: se é só o museo, do conxunto do museo máis a colección ou de todo o proxecto industrial.

Anxo Lorenzo trazou, sen precisar datas, "a folla de ruta" da Administración. "Levamos anos traballando na documentación e informes deste centro", asegurou. Detallou que este último ano se realizou o último inventario no que "constan máis de 2.000 pezas que existen no centro e detalla o seu estado de conservación".

O secretario xeral de Cultura concretou a actuación da Xunta en tres vías. A primeira é a da protección do espazo. Asegurou que hai moito traballo realizado e están a piques de rematarse os estudos previos. A segunda vía ten que ver coa preservación do edificio e da súa colección.

Sobre a sede apuntou que cómpre "unha reforma integral do espazo". A respecto da colección asegurou que non lle consta espolio das obras e que "só un 10 % da colección está afectada polo paso do tempo". Ademais, recoñeceu que é precisa unha nova museografía do centro.

A terceira das vías é que a finalidade destas accións é a apertura do museo ao público e a investigadores. Para o secretario de Cultura, o futuro pasa por "un museo protexido coa máxima figura de protección, en correcto estado de conservación, aberto ao público e que conxugue os intereses da propiedade e da Administración". Ademais, apuntou que hai fondos europeos cos que se poderían financiar as accións necesarias.

Fundación. Para o arqueólogo Felipe Senén, a fórmula que xestione este centro debe respectar os principios cos que o fundaron Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. Entre as posibilidades que se abordaron, plasmouse a da fundación. "As fundacións poden ser as fórmulas xurídicas máis revolucionarias porque fan que os bens non se privaticen xamais", asegurou a avogada Patricia Gabeira.

A letrada insistiu, ademais, en que "hai que pensar na declaración de ben de interese cultural como unha posta en valor, como unha oportunidade e non como un atranco".

Proxecto. O outro aspecto que centrou a xornada foi a importancia do proxecto museográfico. Rosario Peiró, directora da área de Coleccións do Museo Reina Sofía, destacou que "é momento de facer unha lectura nacional sobre o exilio e o museo Carlos Maside amosa que ao mellor aínda non se pode".

Por último, María Dolores Jiménez Blanco, directora xeral de Belas Artes, afirmou que o museo Carlos Maside foi moi rupturista porque "propuxo unha idea moi diferente do rexionalismo que estableceu o franquismo".

Este museo sadense, datado en 1970, é un dos proxectos creados ao abeiro do Laboratorio de Formas de Galicia, impulsado por Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane e un grupo de intelectuais desde o exilio republicano en Buenos Aires.

A Xunta avanza para declarar o museo Maside ben de interese cultural
Comentarios