Xosé Touriñán debuta como director en Mondoñedo coa curtametraxe 'Nena'

O actor e cómico faise acompañar da súa familia para rodar durante cinco días o baleiro que deixa atrás dela unha nai cando morre
Arredor da mesa, David Perdomo, XoséTouriñán, Carlos Blanco e Antía Touriñán. EP
photo_camera Arredor da mesa, David Perdomo, XoséTouriñán, Carlos Blanco e Antía Touriñán. EP

Carlos Blanco está traballando con Xosé Touriñán. A colaboración entre ambos os actores e cómicos é un costume. Coñécense ao detalle. Blanco define a Touriñán pola súa capacidade de improvisar e de percibir os detalles. "Podemos estar actuando. Eu estou ao meu, pero el dase conta de que un foco está mal colocado e segue actuando como se nada; é extraordinariamente detallista".

Esa inclinación a coidar o concreto nótase en Nena, a curtametraxe coa que debuta como director despois de ter desenvolvido o resto dos empregos arredor dunha cámara. Este luns empezou a rodaxe en Mondoñedo, onde traballará ata o venres rodeado do seu equipo, que asemade son a súa familia e os seus amigos. "Quixen rodearme da miña familia e os meus amigos para o inicio como realizador".

Nena é a historia dunha muller que morre e deixa unha cativa (Antía Touriñán), o seu home (Xosé Touriñán), o avó da rapaza (Carlos Blanco) e o tío (David Perdomo) na desolación. A defunta será a muller de Xosé Touriñán.

A desaparición desa figura feminina, que é central na familia galega "porque cando falta a nai acaba o fogar", provoca que o seu núcleo sentimental deba recompoñerse. Cada un dos tres supervivintes debe ocupar unha parte do baleiro. A filla trata de reproducir a alegría e a enteireza da nai onda "tres homes que son homes criados como homes, no sentido de que non choran, de que son os que traballan fóra da casa".

A historia que se desenvolve nesa casa foi escrita por Touriñán na súa durante a pandemia

Atopar a casa na que empezaron a filmar este luns tamén lle supuxo un grande esforzo ao amante do pormenor que é o director de Nena. Carlos Blanco revela que visitou os catro puntos cardinais do municipio para a localización. Touriñán indica que "quería unha casa aillada, cunha nave de gando ao lado. Atopamos esta na parroquia de Coubeira para o interior e despois reparamos que tamén nos valía para exterior". Buscou en Mondoñedo pola mestura de "vila moi bonita con zona rural de familia e gando". Engade que "pensaba rodar noutros lugares, pero estanse portando tan ben que imos facer todo en Mondoñedo".

A historia que se desenvolve nesa casa foi escrita por Touriñán na súa durante a pandemia. "Nena era unha idea que tiña de hai anos para cando tivese tempo". "Nunca escribira un guión completo". Para os espectáculos facía relacións de apuntamentos para non perderse, "pero nunca eran completos". Blanco subliña que "renunciou a outros traballos para facer este".

A rodaxe do martes vai ser o enterro da nai no Cemiterio Vello. Abre a curtametraxe. Este mércores haberá unha pelexa nunha romaría e o venres, unha escena no colexio de Mondoñedo na que ten unha frase Andrés Touriñán, o fillo do director, de 9 anos. A súa irmá, Antía, de 11 anos, é a protagonista, A Nena.

Carlos Blanco apunta que o seu personaxe "leva os billetes atados cunha goma"

"Non son partidario de traballar cos fillos, pero Antía fíxoo ben en Cuñados, conteille esta historia e preguntoume se podía actuar. Ben, é un xogo". Tamén xoga Patricia. "Coñecímonos hai 22 anos, facendo teatro", comenta o director para remarcar a naturalidade de que participe.

Sobre Carlos Blanco sinala que "fai de señor que pensa que todo se amaña con cartos". O actor apunta que o seu personaxe "leva os billetes atados cunha goma". Touriñán alega que falaron do enfoque do personaxe, pero Blanco calibra cada palabra para non desviarse. "É un guión tan ben medido que para que improvisar".

Comentarios