lunes. 18.01.2021 |
El tiempo
lunes. 18.01.2021
El tiempo

''A Feijóo lo pintaría corrigiendo un cartel de A Mesa para poner 'Mexa pola Normalización'''

Dous setenta de alto e de figura esvelta. Unha boina calada até as cellas e un pitillo pegado aos beizos danlle un aire bohemio, mais cada vez que fala pódelle a retranca. A descrición perténcelle ao debuxo, O Carrabouxo. O debuxante, Xosé Lois, é... algo máis baixo!

Pregunta: Se poño por aquí que estou a falar con Xosé Lois González, enxeñeiro técnico de telecomunicacións, lería alguén a entrevista?

Resposta: (risas) Teño uns apelidos tan correntes... e encima Xosé Lois... ninguén pensaría que hai algo especial nesa denominación! O Carrabouxo si que xa é unha persoa moi popular e quérelle moita xente. Quizais lesen algo...

P: Imos ver, logo. Naceu en Ourense e o mundo identifícao con esa cidade. De feito, quixérono para alcalde!

R: Ui, eso foi aló ao principio de todo! Coa explosión de popularidade que tivo o meu personaxe, os meus compañeiros do BNG quixeron aproveitala. Pero dixen que non porque ademais non querían os meus xefes de Madrid. Eu era o xefe provincial de telecomunicacións, era un cargo de libre designación e non estaba o forno para bolos. Hoxe non sei se mo ofrecerían... (ri)

P: Pero non medrou en Ourense...

R: Non, crieime no Ribeiro ata os oito ou nove anos, despois funme para Chantada e andei a estudar por aí con bolsas en Madrid, en Alcalá de Henares, en Zamora... e acabei en Ourense, que foi onde nacín, accidentalmente porque me tiveron que parir nun hospital! (ri) Naqueles tempos nacer nun hospital era cousa rara, pero a miña nai tiveron que lle facer unha cesárea. Voltei ao redor dos 20 anos e desde aquela sigo aquí.

P: E era moi bo estudante.

R: Era! Saín en El Progreso! Había un recorte que dicía 'Con excelentes notas ha aprobado non sei que non sei canto...', si. Eu era moi bo estudante, pero era porque tiven a sorte de ter prescolar nunha época na que tal cousa era impensable. E é que o meu pai foi un home moi avanzado e dábame clases. Antes de ir á escola eu xa sabía ler, escribir, sumar, restar, multiplicar... ata dividir sabía! A mestra púxome o silabario e eu dicía 'Mi mamá me ama, Yo amo a mi mamá', lía perfectamente! Quedaba alucinada a mestra! (ri) Ata que deixei de ser bo estudante porque me empezaron a gustar as mozas... aí despisteime un pouco.




P: Se fixen ben as contas, estaba en Madrid en Maio do 68.

R: Si, efectivamente, por desgraza... ou por sorte... non o vivín en Compostela. Do que máis me acordo era de ver os policías en cabalo, metíanme moito medo. E fomos á Praza de Oriente contramanifestarnos contra o Caudillo, simplemente non corear os aplausos, unha actitude pasiva, que era o máis que podías facer.

P: Xa tiña daquela inquedanzas políticas?

R: Foi alí onde contactei por primeira vez coa conciencia política. Eu fora un estudante interno nun colexio salesiano. Por certo que nestes días foi o aniversario de San Xoan Bosco, o fundador dos Salesianos, un tipo estupendo! Deixei todo iso e enganchei coas ideas políticas. Precisamente lonxe de Galicia foi onde tomei conciencia de país, dunha nación sometida e dun idioma aplastado. A conciencia política chegoume en Madrid, fóra de aquí.

P: Sei que está casado, e cunha muller... famosa. Podo dicilo así?

R: (ri) Siii! É un caso que hoxe sería obxecto de todas as televisións do Estado! Menos mal que daquela non había televisións! (ri a gargalladas) Estaba nadando na piscina de Oira á última hora, despois de traballar, que ela traballa desde moi nova, e abriron os desaugues, que eran libres, sen filtros nin nada. Foise polo buraco até o río por un tubo de 25 metros e duns 35 de diámetro. Menos mal que daquela estaba delgada! (ri) Axudouna un pescador e segue viva hoxe, por sorte. Chámanlle 'la chica de la piscina'.

P: Pois achégase o 14 de febreiro, a 'festa do pincho moruno' [Nunha viñeta, o Carrabouxo denomina así ao coñecido como Día dos Namorados], como o vai celebrar?

R: Ai, si! (risas) Pero eu non celebro esa festa. Eu o amor celébroo cando me apetece, cando vén naturalmente! (ri)



P: E a súa historia de amor co debuxo como comezou?

R: (ponse nostálxico) Empecei desde moi pequechiño, sempre me gustou. Facía bonecos cun garabullo no chan cando non tiña outros medios. E na secundaria pasaba o día debuxando porque me aburría nas clases soberanamente. Unha vez levei unha malleira do director, e, mentres me golpeaba coa man aberta detrás do pescozo, que era o estilo que tiñan de pegar, repetía unha ristra de condenas dicíndome 'teu-pai-sa-cri-fi-cán-do-se-e-ti-per-den-do-o-tem-po'... (ri) Despois, debuxei na Auriense, en panfletos clandestinos e, de súpeto, apareceu o Carrabouxo. Levo case trinta anos enganchado a el.

P: Cal foi a primeira viñeta?

R: Pois foi unha que fixen no boletín da Auriense. Un terratenente, bon, un home con pinta de rico así, como se pintaban antes, con aquela chisteira, mirando a paisaxe galega dicía '¡Hermosos campos!', e o Carrabouxo respostáballe 'Si, señor, ermos-os campos', e todo porque non había quen os traballase. Sempre lle tiven moita afección aos xogos de palabras.

P: E que fai o 'chistoso' do nacionalismo en La Región?

R: Bon, chistoso así... en plan... non despectivo, eh! (ri)

P: Non, non! Non se me incomode!

R: (ri) Pois é un milagre de convivencia que celebramos o director e eu. As poucas veces que falamos pasmamos pensando na supervivencia dun personaxe que non segue nin moito menos a liña ideolóxica do xornal. Pero... aí estamos! Non sei moi ben cal foi o motivo, pero parte de culpa teráa a popularidade do Carrabouxo.

P: Mais algo de censura houbo, ou?

R: Ás veces non sae a viñeta por algunha razón... (ri)



P: Que herdou o Carrabouxo do pai?

R: (pensa) Non sei o que herdou... desde logo a estatura non! (ri a gargalladas) El mide dous setenta... É curioso este dous setenta... Vouche contar unha anécdota. Unha vez Fraga invitábanos a comer a dez ou doce debuxantes que publicabamos a diario, é un costume que herdou de Madrid e tróuxoo aquí, e co gallo do 20 aniversario do Carrabouxo estaba o escultor César Lombera calculando para a estatua esta que fixo en Ourense [a mesma que sae nas imaxes publicadas acompañando esta entrevista e que está ubicada no Parque de San Lázaro, na Cidade das Burgas].

Estabamos falando Xaquín Marín e máis eu dese tema e entrou Fraga. Comentei eu: 'Pola estatística dos debuxos e as proporcións co resto da xente debe medir dous setenta'. E Fraga deu a volta e dixo: 'Si, si, por aí debe medir' (ri) Fixo a súa aportación á estatura que tiña que ter a estatua do Carrabouxo. E quedoulle: dous setenta. E isto viña a conto de que non herdou a miña estatura (ri) Supoño que herdou certos aspectos da miña ideoloxía e da miña filosofía de vida, aínda que elevados a unha categoría que é, moitas veces, fantástica.

P: E o gusto polo viño, as motos e os cartos, tamén o quitou de vostede?

R: A crítica esa dos cartos xa ma teñen feito, pero eu nunca o vin! (ri) É un defensor da supervivencia, reivindicativo de que os salarios sexan dignos e que cadaquen teña o que lle cómpre... pero o dono, eu, non son un peseteiro tampouco! Non é máis ca unha reivindicación de dignidade social. A moto é un artiluxio que uso para substituílo polo coche, porque como é un home pobre anda sempre en moto.

P: Aí atrás tiña un burro...

R: Tiña! Aínda o debe ter... Calquera día volve telo! E tamén ten vaca, pero na vaca non monta (conta entre risas) E o do viño si, esa é unha afección que comparte co seu dono, bebido con moderación que nunca me emborrachei, pero nacín no Ribeiro e creo que bebo viño desde que teño uso de razón. O viñiño meu da comida... ese non me pode faltar porque me faltaría a vida! A min fixéronme membro da Irmandade de Viños galegos polo Carrabouxo, que eu non teño nin idea, non tiña, que agora teño unha pouca... do que é catar viños e esas cousas.

P: Que pensou cando lle pediron permiso para levalo ao cine?

R: Ah! Moi ben! Esa foi unha idea que tivo Lhosca Arias, un pioneiro. A pesar de que xa se emitían debuxos animados na televisión galega, o Xabarín e todo iso, facíanse fóra. Esta foi a primeira que se fixo enteiramente aquí, con personaxes, medios e debuxantes galegos. Para facer os dous primeiros sketch botaron doce debuxantes seis meses traballando! É alucinante! Eran unha reprodución animada dunha viñeta e saira moi bonito.

P: De animar os mítins de Beiras pasou a alentar as movilizacións pola lingua. Iso de 'Xo, Feixóo', escribíronllo ou é colleita propia?

R: Iso saíu de colleita propia pero que non o saiba il, eh! (ri) Nada, o que pretendía dicirlle era que parase xa coas agresións á lingua galega, cos seus decretos que pretenden diminuír a presenza do galego no ensino. Era o berro que se lle dá aos burros para que paren, un pouco malicioso, pero que a xente coreaba con insistencia.

P: E tamén cantaba! Canta... non moi ben...

R: Ai si? (ri a gargalladas e arríncase a cantar) Eu fun o autor da adaptación de 'Mamá eu queroo, mamá eu queroo, mamá eu queero gaaalego...'



P: Voulle trasladar unha pregunta que se fai o Carrabouxo nunha viñeta e que non ten resposta. Vannos cortar a lingua?

R: (ponse serio) Espero que non. Eu sempre falei galego. É a miña lingua de crianza, de nacemento e de asunción! E teño que ter dereito a vivir plenamente en galego! Teño que telo toda a miña vida.

P: No 2008 déronlle a Medalla Castelao. Como a recibiu o creador do único nacionalista 'vivo' que ten unha estatua?

R: Si, é curioso que o Carrabouxo sexa o único nacionalista vivo que ten unha estatua. Pois foi unha satisfacción! (ri) Así comecei o meu discurso aquel día: 'É unha satisfacción para min...' E tamén debeu selo para Castelao porque sempre se celebra a súa vertente política pero nunca se celebrou a humorística. As Medallas debíanselle dar a un humorista, aínda que estivese humildemente representado por min. Foi o que máis me gustou: que se recoñecese a un gran home que foi máis famoso como humorista que como político, alomenos, nos primeiros anos.



P: Voulle pedir un exercicio de concentración para que me faga sete caricaturas rapidiñas...

R: Ui que cousa máis difícil! Eu nunca fixen semellante cousa! Dime os nomes e mándocho mañá! (ri a gargalladas)

P: A ver... imos intentalo cun home que coñece ben: Xosé Manuel Beiras

R: Enredaría as bolutas do seu pelo coas bolutas do cigarro que fuma permanentemente, aínda que agora andará máis limitado, o pobre... (ri) Coas bolutas do cigarro formaría a súa cabeleira e a súa barba, así coma un personaxe do Pórtico da Gloria.

P: E a Guillerme Vázquez?

R: A Guillerme Vázquez... pintaríao cunha librea de embaixador e aforcado nun 'L' posto do revés. Aforcado nun 'L'! (ri)

P: A Fraga.
 
R: A Fraga? A Fraga poríao... eu que sei? Nunha cadeira de rodas e cun vaso inaugurando o seu mausoleo, o cal resulta un absurdo absoluto, porque tiña que inauguralo estando morto! Con todos os respectos... se estaba alí, vivo, e cun vaso de viño... non é un mausoleo [O entrevistado refírese á Cidade da Cultura, en Compostela].

P: Ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

R: Ummm... imos ver... corrixindo un letreiro que puxera 'Mesa pola Normalización Lingüística' e no canto de 'mesa' pon 'mexa': 'Mexa pola Normalización Lingüística'. E unha cara moi, moi, moi maliciosa, así...

P: A Touriño.

R: Pois coma un home... atónito... mirando como antes de que puidera rematar o seu discurso rematou o seu goberno. Pero non che sei dicir graficamente como sería (ri)

P: A un veciño seu, Pachi Vázquez.

R: Pintaríao coma un home que vai a cabalo. Ademais, gústalle moito montar a cabalo. Vai trotanto, asoballando, intentando conquistar o reino do PSOE antes que ninguén, que non o deu conquistado aínda.

P: A última é moi faciliña: faga unha caricatura de Xosé Lois González, vostede.

R: De min? (pregunta sorprendido) Pois... pintaríame... debuxaría a miña cara cun interrogante, porque sempre estou a preguntarme cousas.

''A Feijóo lo pintaría corrigiendo un cartel de A Mesa para poner...
Comentarios