A xornalista de El Progreso Nieves Neira gaña o premio Johán Carballeira

O xurado do galardón de xornalismo destacou a "calidade lingüística e a precisión" da súa reportaxe sobre a fotógrafa Maruja Roca, publicada neste periódico e en Diario de Pontevedra
2020062214390896905
photo_camera A xornalista lucense Nieves Neira. A. SOENGAS

A xornalista lucense Nieves Neira, redactora de El Progreso, resultou gañadora do XVII Premio Johán Carballeira de Xornalismo, convocado polo Concello de Bueu coa reportaxe titulada A fotógrafa, revelada, publicada neste xornal e en Diario de Pontevedra o 15 de marzo de 2019.

O xurado estivo conformado por Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos Johán Carballeira, Alberte Mera, xornalista do Nós Diario, e Aser Álvarez, gañador do certame na pasada edición, quenes analizaron a vintena de traballos presentados este ano.

No fallo salientaron "a presentación do tema" na reportaxe de Neira, "a súa calidade lingüística, a precisión e o acompañamento das imaxes". Tamén destacaron que consegue retratar moi ben a vida da becerrense Maruja Roca, pioneira da fotografía galega.

"Este galardón faime moita ilusión porque sobre todo é un recoñecemento ao traballo de Maruja, unha muller que se dedicou á fotografía desde o ano 1945 ao 1955 na complicada época da posguerra. Estou segura de que ela estaría moi orgullosa", sinala a xornalista, quen ademais é a sobriña-neta da protagonista da reportaxe.

Maruja RocaORIXE DA PUBLICACIÓN. "A publicación sobre Maruja (na foto) xurdiu dun xeito casual. Moitas veces temos tesouros diante que non vemos, e iso foi o que me sucedeu a min. Un día estaba co meu primo Suso Roca —fillo de Maruja— e ensinoume as imaxes que facía súa nai. Quedei marabillada porque eran impresionantes e ocuríuseme facer unha reportaxe sobre ela e sobre o seu traballo", precisa Neira, quen sinala que non esperaba a repercusión que tivo a súa publicación. "A raíz de saír nos xornais chamoume moita xente de Becerreá para decirme que tiñan fotos feitas pola miña tía-avoa. Foi moi fermoso porque a xente abriu unha caixa de memoria que estaba gardada", resalta.

O GALARDÓN. O premio Johán Carballeira, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, coñecido como Johán Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas. Á parte da categoría de xornalismo, o certame conta cunha categoría de poesía.

O galardón, que xa conta con moita historia, ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, entre outros; e na categoría de poesía, premiou a autores tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez ou Daniel Asorey.

Un libro sobre a fotógrafa de Becerreá 
A raíz da publicación nos diarios El Progreso e en Diario de Pontevedra da reportaxe de Nieves Neira sobre a fotógrafa becerrense Maruja Roca, a editorial aCentral Folque amosou a súa intención de publicar un libro sobre Roca na colección Cámara Escura. Un exemplar no que Nieves Neira está traballando xunto a Eutropio Rodríguez e que sairá publicado previsiblemente a finais deste mesmo ano. 

Encontro cos veciños 
A xornalista desde diario ten previsto ademais manter un encontro en agosto cos veciños de Becerreá para compilar máis material sobre a fotógrafa da localidade.

Comentarios