A xornalista monfortina Julia Otero foi premiada na gala dos Ondas

'Fariña' e 'OT' tamén levaron galardóns

Julia Otero recolle o seu premio. QUIQUE GARCÍA
photo_camera Julia Otero recolle o seu premio. QUIQUE GARCÍA

A xornalista monfortina Julia Otero obtivo un premio ex aequo na categoría de mellor programación radiofónica por El gabinete (Onda Cero) na última gala dos premios Ondas. O galardón compartiuno con Isaías Lafuente por La unidad de vigilancia (Cadena Ser). 

Os premios Ondas entregáronse este mércores nunha gala no Gran Teatre del Liceu de Barcelona, onde tamén resultaron premiados a serie Fariña, o grupo madrileño Vetusta Morla e o programa de televisión Operación Triunfo.

De feito, a simpatía dos Javis –Javier Calvo e Javier Ambrosi– e as polémicas de OT foron o centro de atención da recepción que ofreceu a Cadena Ser aos galardoados dos Premios Ondas 2018.

Os xornalistas acurralaron ao produtor de OT, Tinet Rubira, en canto chegou aos xardíns do Palacete Albéniz e asediáronlle a preguntas sobre a discusión dos concursantes con Noemí Galera, o despedimento de Itziar Castro ou as letras supostamente homófobas de Mecano.

Os Javis: Os Ondas son moi modernos e desprexuizados

"'OT é un programa que revolucionou a maneira de facer televisión e o panorama artístico", dixo o director de Gestmusic, unha afirmación que o palmarés da presente edición dos Premios Ondas confirma, xa que o xurado recoñeceunos como mellor programa nacional de televisión e outorgoulles o Premio Ondas Nacional de Música.

Os Javis tamén se sentiron dobremente premiados, xa que OT é outra vez a súa casa desde que volveron ao programa para substituír a Itziar Castro como profesora de interpretación e, ademais, a serie Paquita Salas, da que son directores, obtivo o Premio Ondas Nacional de Televisión, "algo impensable cando empezamos este proxecto, sen un duro e con moitas ideas". "Os Ondas son moi modernos e desprexuizados", dixo Javier Ambrossi, 

Julia Otero: Unha noticia que me encantaría dar é que se chega a un acordo para o encaixe de Cataluña en España

"Alégrome que os Ondas volvan a Barcelona –dixo nun ton máis serio Jordi Bastei, Premio Ondas Nacional de Radio– ao lembrar que o ano pasado os organizadores levasen a cerimonia a Sevilla, coincidindo co 1-O e a inestabilidade política en Cataluña.

A este mesmo tema se referiu a xornalista Julia Otero, que recoñeceu que "unha noticia que me encantaría dar é que se chega a un acordo para o encaixe de Cataluña en España".

O xornalismo máis tradicional sempre ten cabida nos Premios Ondas, pero os programas que combinan información con entretemento tamén tiveron o seu espazo este ano, con Sandra Sabatés, premiada polo seu labor informativo en El Intermedio, ou Radio Gaga, cuxos presentadores, Manuel Burque e Quique Peinado, competiron en simpatía e frases enxeñosas cos Javis e Jesús Quella, outro dos presentes máis requiridos polas cámaras na recepción.

Oriol Pla, Aura Garrido e Patricia López Arnaiz foron algúns dos actores que asistiron ao Palacete Albéniz, en representación dalgunhas das ficcións máis exitosas da produción española recente.

O apartado musical tamén estivo moi ben representado, con Manolo García á cabeza, que recibiu o premio a toda a súa traxectoria, a pesar de que el se sente "como cando era adolescente, namorado da música e con ganas de seguir nisto moitos anos máis". 

Comentarios